Ata finais deste mes de maio, a
concelleira de Comercio que dirixe Marisol Valado Pérez, xunto coa
Cámara de Comercio a través da súa Antena Cameral en Ponteareas,
está a desenvolver titorías individualizadas de visual
marchandizaxe, ou tamén coñecido como mercadotecnia no punto de
venda.
Este curso que se desenvolverá ao longo do que queda de mes, ten grande acollida entre o comercio local, cubríndose todas as prazas dispoñibles dende o mesmo momento en que se deu a coñecer esta iniciativa.
Segundo explicaba a concelleira Marisol Valado, “esta iniciativa xorde como complemento ao curso de escaparatismo xa realizado no mes de abril e que tamén contou cunha excelente participación”. Valado Pérez sinalou que “o obxectivo do curso é o de dotar os comercios participantes das ferramentas e coñecementos necesarios para presentar os seus produtos dun xeito funcional, co fin de facilitar aos clientes finais o proceso de compra”.
O consultor Javier Valtas é o encargado de impartir as titorías individuais, un sistema que segundo explica a concelleira de Comercio “permite unha comunicación directa e unha análise individualizada de cada negocio participante, e achegando solucións totalmente adaptadas a cada un dos negocios e as necesidades particulares”.
Finalmente a titular de Comercio salientou “a excelente acollida que todas estas inicitivas teñen entre o comercio local, o que amosa claramente a súa capacidade de innovar, renovarse e ser cada día máis competitivos”.