O concelleiro de Tráfico e Seguridade Cidadá, Jesús Antonio Fernández Suárez, anunciou hoxe que, dende o vindeiro 28 de maio, un radar móbil cedido pola Dirección Xeral de Tráfico, controlará a velocidade dos vehículos nas estradas do municipio ponteareán.
Jesús Antonio Fernández explicou que esta unidade móbil controlará a velocidade dos vehículos naquelas estradas que rexistran un elevado tránsito de peóns e nos que, segundo as queixas dos propios veciños “os vehículos circulan a velocidades moi superiores ás marcadas para ese tipo de vías”.
O titular de tráfico asegurou que a presenza do radar móbil, responde a unha necesidade de “velar pola seguridade dos peóns que, en caso de accidente, son os que levan a peor parte, e non a un afán recadatorio”.
Fernández Suárez fixo un chamamento á prudencia dos condutores ao mesmo tempo que matizou que “afortunadamente, a maioría dos condutores cumpren escrupulosamente cos límites de velocidade permitidos, pero sempre hai unha minoría que considera que conducir é un xogo, sen pensar nas graves consecuencias dunha condución irresponsable”.