O presidente da Deputación, Rafael Louzán, anunciou hoxe que as obras do campo de fútbol de O Buelo en Moraña serán adxudicadas e darán comezo no mes de xullo.
O titular da institución aportou esta información perante unha visita que realizou hoxe ó campo para supervisar os traballos previos de desmonte e preparación do terreo que está a executar o Parque de Maquinaria. Na visita estivo acompañado pola alcaldesa de Moraña, María Luisa Piñeiro, por técnicos da Deputación e veciños, cos que intercambiou impresión sobre os traballos ademais de escoitar as súas impresións sobre as actuacións acometidas ata o dagora.
Compre recordar que o investimento para dotar de céspede artificial de última xeración ó campo de O Buelo ascenderá a un millón de euros.
Con cargo a este orzamento vanse a executar actuacións tales como un gradarío con capacidade para 360 persoas sentadas; vestiarios na planta baixa do gradaría; un campo de fútbol de céspede artificial cunhas dimensións de 100x60 metros cadrados; movementos de terras para corrixir a rasante do campo; desvío dun camiño municipal e construción dun muro; dotación de 4 torres de iluminación; acondicionamento dunha explanada; subministro dun xogo de porterías de fútbol once, dous de porterías de fútbol sete e un xogo de bandeiríns de córner; banquiños para suplentes; un marcador; e sistema de rego e de drenaxe coas canaletas de recollida de augas.
A actuación contribuirá ademais a adecentar e a poñer en valor esta zona, aportándolle unha imaxe máis renovada, ordenada, e limpa.