Miércoles, 13 de junio de 2012
PONTEAREAS

O alcalde agradece aos alfombristas o traballo realizado para que “Ponteareas siga a ser un referente entre as cidades alfombristas”

Guardar en Mis Noticias. Enviar por email
Redacción / Xornal21.es

O alcalde, Salvador González Solla, agradeceu hoxe en nome de toda a Corporación Municipal, o traballo realizado por todos os alfombristas durante as Festas do Corpus Christi e que permitiron que “un ano máis Ponteareas, e as súas alfombras do Corpus Christi, sigan a ser un referente e un exemplo a seguir entre todas as cidades alfombristas do mundo”.


González Solla salientou o feito de que, un ano máis, os alfombristas de Ponteareas foran quen de superar as difíciles condicións meteorológicas e, “pese a choiva, facer que as rúas amenceran transformadas cunhas alfombras nas que se reflicte o traballo dos alfombreiros e o seu amor pola súa Festa do Corpus Christi”.


Para o Alcalde ponteareán, só os veciños e veciñas de Ponteareas, saben do traballo que supón a confección das alfombras florais do Corpus Christi, “a máis incrible e efémera mostra de arte que se poida dar”.


Os miles de visitantes poden ver, continuou o alcalde, o proceso de confección da alfombra ou o traballo unha vez rematado, “pero só os ponteareáns coñecemos de primeira man o sacrificio de quitarlle horas ao sono, ao ocio ou á familia para recoller e preparar o material durante as semanas previas e traballar, con ese cansazo acumulado, durante toda unha longa noite para deixar plasmado, nunha alfombra, o seu amor polo Corpus Christi”.


O rexedor ponteareán tivo tamén palabras de agradecemento para todos os veciños e veciñas que participaron, de xeito activo, nos distintos actos organizados pola Concellería de Cultura para este Corpus Christi 2012. Esa participación nos actos programados foi, ao entender de Salvador González Solla, “o seu xeito de agradecer aos alfombristas o traballo realizado para que Ponteareas siga a ser a Vila do Corpus por excelencia”.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados