Os rapaces de Mos contarán cunha nova instalación deportiva a partir do inicio do novo curso
A alcaldesa mosense,
Nidia Arévalo, o concelleiro da parroquia de Mos, Camilo Augusto, e
o edil de Deportes, Isidoro Táboas, visitaron esta mañá as obras
do pavillón de Castro-Mos, que se atopan moi avanzadas.
Tras os problemas de bloqueo dos traballos, previos ó acordo cos particulares colindantes, a obra marcha vento en popa dende o pasado mes de marzo; polo que se logrará que o pavillón estea rematado a finais deste verán para abrir as súas portas o vindeiro mes de setembro, con motivo do comenzo do curso escolar 2012-2013.
Tanto a rexedora local coma os concelleiros manifestáronse satisfeitos do bo ritmo ó que marchan os traballos no pavillón de Castro-Mos, e declararon que dende o equipo de goberno están desexosos de que as portas das novas instalacións estean xa abertas de cara ó vindeiro curso. Asimesmo manifestaron o seu interese en que este novo pavillón de Castro-Mos se convirta pronto nun referente no municipio.
A construcción deste pavillón polideportivo supón unha inversión de máis de 800.000 euros que están financiados entre a Deputación Provincial de Pontevedra e a administración local. Concretamente o 75% do custe total do pavillón é financiado pola Deputación, que fai un desembolso de máis de 600.000 euros. Concretamente, a inversión total necesaria para o pavillón de Castro-Mos é de 800.632 euros, dos cales a Deputación financia a cifra exacta de 600.474 euros.
Características do novo pavillón
O pavillón sitúase nos terreos desafectados nos que se ubicaban as antigas vivendas de mestres do colexio Castro-Mos. Contará cunha pista deportiva cuberta homologada e disporá de vestiarios e aseos nunha superficie últil de 1.193 metros. No lateral da pista deportiva cuberta instalarase unha grada e, exteriormente, unidos por un corredor, os vestiarios e aseos adaptados.
Tanto o acceso coma as zonas comúns están proxectadas para que sexan accesibles para persoas con mobilidade reducida. Asimesmo, o conxunto está deseñado para impedir a presenza de auga e humidades e para que dispoña dunha boa ventilación. Do mesmo xeito, tódolos elementos constructivos contarán con illamento acústico. A edificación disporá tamén da iluminación axeitada ás necesidades dos usuarios e dun solo específico que evitará as condensacións de vapor de auga procedentes do terreo.