Jueves, 5 de julio de 2012
mos

Chegan a Mos os nenos saharauis que serán acollidos por familias do municipio

Guardar en Mis Noticias. Enviar por email
Redacción / Xornal21.es

A concelleira de Benestar Social e delegada en Mos da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Sara Cebreiro, desprazouse ata o aeroporto de Lavacolla en Santiago de Compostela para recibilos

[Img #4270]Xa están en Mos os seis nenos saharauis que pasarán no municipio as vacacións de verán. Procedentes do Sáhara, chegaron ó aeroporto de Lavacolla en Santiago de Compostela a madrugada do luns ó martes, e a madrugrada do domingo ó luns, onde foron recibidos en ambas ocasións pola concelleira de Benestar Social e delegada en Mos da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, Sara Cebreiro; quen tamén é nai de acollida dun destes nenos. Dos seis rapaces que pasarán o verán en Mos, dous chegaron no avión da madrugada do domingo ó luns, e catro fixérono no avión que aterrizaba en Lavacolla esta madrugada.


Cebreiro acolle ó mesmo cativo, Fal Mohamed Lamin, dende fai 7 anos. A edil en persoa recolle tódolos anos en Santiago, dende que é delegada de Mos da Asociación, ós rapaces saharauis que pasarán o verán no municipio.


Catro dos seis rapaces acollidos por sendas familias mosenses xa levan vindo a pasar o verán a Mos dende fai varios anos, e os outros dous é a primeira vez que viaxan á localidade mosense. O neno de menor idade dos que este ano pasarán as vacacións de verán en Mos ten 6 anos e chámase Hamdi Malainin Daha.


En total este ano pasarán en Galicia as súas ‘Vacacións en Paz’, 300 nenos e nenas saharauis, que chegaron repartidos en dous voos. A Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui é o organismo promotor e organizador desta iniciativa. Os seis nenos, naturais do Sáhara, que veñen a Mos permanecerán en sendas familias de acollida mosenses durante dous meses e regresarán ós seus fogares tras o verán.


A novidade do programa ‘Vacacións en Paz’ deste ano é, segundo hoxe mesmo informaba a concelleira Sara Cebreiro, un acto solidario que se celebrará o 22 de xullo ás 13.30 horas no Hotel Escala de Padrón, consistente nunha concentración e lectura dun manifesto en apoio ó pobo saharaui, seguido dun xantar solidario con custe de 25 euros para adultos e 15 euros para nenos, cantidades a recaudar en beneficio da Asociación.


A edil mosense anunciou tamén que todas aquelas persoas interesadas en participar en dito acto solidario, poden inscribirse dirixíndose á sede da Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui na rúa Gregorio Espino, número 57 baixo, de Vigo.


Unha experiencia gratificante e sacrificada


As familias mosenses que acollen cativos saharauis durante os veráns coinciden en calificar a experiencia como “algo inmensamente gratificante”, aínda que se trata tamén dun acto de gran sacrificio e altruismo, xa que moitas destas familias teñen xa varios fillos, algúns deles moi pequeños, e se atopan coa dificultade engadida de ter ó seu cargo a outro neno que non fala o idioma e ó que hai que axudarlle a integrarse nunha sociedade completamente diferente á da que procede. Todo este esforzo, din as familias acolledoras, vese sobradamente recompensado polo feito de poder facerlles a estes nenos saharauis a vida máis fácil durante dous meses e velos felices durante a súa estancia en Mos.


Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados