Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 31 de mayo de 2017
MOS

Arévalo: “O Plan Xeral é un hito histórico vital para o desenrolo de Mos e para o futuro dos nosos fillos e netos”

Guardar en Mis Noticias.

ENTREVISTA Á ALCALDESA DE MOS, NIDIA ARÉVALO, CON MOTIVO DAS FESTAS DA ROSA.

[Img #32850]

 

Alcaldesa, supoñemos que o 2017 será o ano que vostede lembre sempre como o de aprobación definitiva do primeiro PXOM do Concello de Mos…

 


Por suposto, o Plan Xeral é un hito para este municipio, un feito histórico. Era un documento vital para o desenrolo da localidade e para o futuro dos nosos fillos e os nosos netos.


O Concello de Mos é un municipio cunha localización estratéxica, bomba de osíxeno da cidade máis importante de Galicia, e onde se soporta gran parte da industria de dita cidade, que é Vigo. Agora por fin xa contamos cunha ordenación definitiva do territorio, o que era un vello obxectivo.

 

 

"O Plan Xeral trae ás súas costas dez anos de traballo, tras os que lle abrimos as portas a un futuro seguro"

 

 

Mos nunca tivera un PXOM e estaba ata o de agora rexido por unhas normas subsidiarias do ano 1992. Ademais hai que ter en conta as peculiaridades aquí existentes como son a autovía, a autoestrada e o aeroporto que cohabitan xunto con estradas nacionais, autonómicas e provinciais. Hándicaps que soubemos xestionar e superar e a partir de agora Mos terá máis capacidade para a instalación de empresas e máis seguridade para as empresas que se instalen aquí, así como máis valor para as vivendas que se constrúan.


O Plan Xeral trae ás súas costas dez anos de traballo, tras os que lle abrimos as portas a un futuro seguro. Este foi un Plan participativo, as exposicións públicas foron maiores ás que a lei esixía, e de cada 10 alegacións 6 foron aceptadas. O modelo do PXOM de Mos está orientado a vivir en vivendas unifamiliares, máis que en edificios en altura. De 39 núcleos rurais pásase a 119 núcleos rurais con este novo Plan Xeral. O 6% do territorio de Mos será un territorio urbano, o 1,8% será unha superficie urbanizable, e o 75% e solo rústico de protección.
Tamén se ordearon os territorios industriais que estaban en situación paralegal e agora se lle deu seguridade xurídica. E queda definido o plan viario do Concello, así como consolidado o núcleo das Pozas como centro cívico do municipio; prevé a conservación do medio natural, aposta a creación de zonas verdes, etc. Por todo elo, non cabe dúbida de que o 2017 é un ano histórico para Mos.

 


O municipio atópase nestes íntres con varios proxectos construtivos en marcha e tantos outros previstos a curto prazo, cal é o segredo da súa xestión?


Pois efectivamente vimos de rematar una importantísima obra de humanización nas Pozas e estamos a acometer tres macroproxectos no contorno do Concello, na estrada Generoso Domínguez e na nova Escola Infantil da Veigadaña.


Próximamente comezará a humanización dun tramo da Avenida de Puxeiros e o último tramo que queda pendente atópase xa proxectado. E temos en marcha un ambicioso proxecto de sendas peonís que inclúe as de Atín, a de As Pozas-Torroso e a ampliación do Paseo do Louro. Ademais de realizar unha media anual de asfaltados de entre 6 e 8 viais municipais.


Neste sentido non podemos falar de segredos nin de variñas máxicas, a clave está no traballo e no seguemento exhaustivo ás administracións supramunicipais para lograr financiación para os proxectos.

 

 

Ten fama vostede de desprazarse moito á Xunta, aos Ministerios, á Deputación… para buscar apoios para Mos; pero tamén se caracteriza por estar preto dos veciños, por saír á rúa…


Sí. Considero que é o mellor xeito de coñecer de primeira man as necesidades do municipio e da veciñanza. Escoitar aos particulares é a clave da xestión de todo alcalde, ou alomenos así o considero eu; por iso anualmente organizo, xunto co equipo de goberno, unha ronda de reunións polas parroquias abertas a tódolos seus habitantes para que poidan expoñernos dúbidas, suxerencias, queixas, peticións… De ditas reunións nace no seu 80% a folla de ruta para ese ano de traballo, porque nos consideramos un goberno cercano aos veciños e volcado neles.

 

 

"Escoitar aos particulares é a clave da xestión de todo alcalde"

 

 

Ademais para reforzar ditas reunións por colectivos, este 2017 iniciamos un proxecto novidoso titulado Encontros coa Alcaldesa, dirixido aos diferentes sectores sociais mosenses. Comecei reuníndome cos maiores do municipio para coñecer de primeira man as súas necesidades e inquedanzas e o seguinte será coa comunidade de pais e nais de alumnos, así ata abordar todos os colectivos: empresariais, deportivos, sociais, asociativos, culturais, etc.

 

 

E un ano máis chegan as Festas da Rosa, as do 2017 serán unha ocasión especial porque esta vez toca entregar as Melladas ao Mérito do Concello de Mos

 

Efectivamente, cada dous anos entregamos as Medallas ao Mérito do Concello. Neste 2017 celebraremos novamente a Gala de Entrega con motivo das Festas da Rosa e os galardoados esta vez son moi especiais para min como alcaldesa e considero que para todos os mosenses en xeral.

 

A Medalla ao Mérito Empresarial será para Casa Gallardo, o negocio de hostelería máis antigo de Mos, ao Mérito Deportivo para Susana Alonso, a ciclista mosense campioa de España de BTT Maratón, ao Mérito Social á Comunidade de Montes de Mos e ao Mérito Cultural á Comunidade de Montes de Torroso.

 

As comunidades de montes son colectivos de gran relevancia no noso Concello e que fan unha grande labor en favor das súas respectivas parroquias, no caso da de Torroso sobre todo no eido cultural coa construción do Centro Dotacional e o apoio á Escola Municipal de Música e á Banda de Música Xuvenil de Torroso; e no caso da de Mos no eido social.

 


E hai algunha outra sorpresa ou novidade para ese día?


Pois sí, nesa mesma gala nomearemos a José Leirós, expresidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires, Fillo Predilecto de Mos, polo gran labor feito na emigración e tantos anos de apoio a emigrantes mosenses que atoparon na súa man o apoio para saír adiante nun país descoñecido e moitas veces adverso.


Parte da miña familia é emigrante e sei da dureza desa situación e da importancia da existencia de persoas como Leirós, ás que cómpre recoñecerlles a súa entrega altruista e desinteresada.

 


Cal considera que é o eixo que vertebra o programa festivo deste ano?

 

Creo e espero que sexa o Concurso de Ramos de Rosas. Sempre o foi porque é o emblema da celebración, pero este ano fixemos un esforzo especial de potenciación da imaxe ‘Mos, a Rosa do Camiño’ e grazas a esa campaña espero que a participación no concurso do día 13 de xuño se incremente. Non podemos deixar decaer esta fermosa tradición mosense e por iso apostamos forte por mantela e impulsala.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados