Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Domingo, 4 de junio de 2017
MOS

Chega a Mos a Festa da Rosa máis social e familiar

Guardar en Mis Noticias.

A celebración mosense por antonomasia conta este ano cun cartel repleto de iniciativas comprometidas e actividades para gozar en familia.

[Img #33032]

 

Esta semana realizouse a presentación das Festas da Rosa 2017 no Pazo de Mos, lugar no que terá lugar tamén a celebración do Día Grande da Rosa, o 13 de xuño, ao atoparse en obras o contorno do Concello.

 

Na presentación oficial do programa de actos estiveron presentes Nidia Arévalo, alcaldesa de Mos, Sara Cebreiro, concelleira de Cultura, e Chus e Manuel, integrantes do grupo musical María Fumaça, pregoeiro deste ano e participantes no Festival Canto Conto.

 

O programa festivo comeza esta mesma fin de semana co I Festival Abrente Folk no auditorio do Centro Dotacional de Torroso o 4 de xuño a partir das seis da tarde. A entrada será de balde e os asistentes poderán gozar das actuacións de Os Terribles de Donas, o Coro Galego Abrente, a Banda de Gaitas Raigames, o Grupo de Gaitas O son do Abrente, o Grupo de Baile Tangaraño, o Grupo de Zanfonas Os Chavellos e o Grupo Novos Galiños de Belesar.

 

A vindeira fin de semana o Concerto de Bandas xuntará en Mos a dúas bandas de enorme calidade: unha oriunda da nosa localidade, a Banda de Música Xuvenil de Torroso, e a foránea Banda de Música Xuvenil de Xinzo. Será tamén no auditorio de Torroso o 11 de xuño ás 17.30 horas.

 

O Concello de Mos organiza tamén, por segundo ano consecutivo dentro das Festas da Rosa, o II Festival Canto Conto que o ano pasado foi todo un éxito. Esta segunda edición, tamén con entrada gratuíta, contará coas actuacións nos exteriores do Pazo de Mos dende as 12.00 horas ata as 20.00 horas do domingo 18 de xuño de Mamá Cabra, BrincaVai, María Fumaça e Uxía Lambona e a banda Molona. O fin de festa celebrarase cunha Festa da Espuma.

 

A Festa da Rosa consta tamén de iniciativas deportivas, entre as que destaca a I Carreira Nocturna Festa da Rosa. A proba adáptase a tódalas idades en categorías dende os tres anos e sen límite de idade. Realizarase o sábado 24 de xuño a partir das 20.00 horas e con saída do Pavillón Óscar Pereiro.

 

O 13 de xuño, Día da Rosa, o pregoeiro das festas será o grupo María Fumaça que tamén actuará posteriormente no Festival Canto Conto.

 

Dende fai tres anos a exaltación da empanada de pan de millo enmárcase no propio día 13 de xuño, Día da Rosa, e o cambio foi moi ben acollido por toda a veciñanza e os visitantes que disfrutaron da festa. A exaltación deste tradicional prato vai da man das Mulleres Rurais, que son as verdadeiras coñecedoras da súa elaboración e poñen todo o seu agarimo e as súas ganas para que non falte de nada. O concurso de empanadas é case tan emblemático como o de rosas e espérase que ambos continúen a ter este ano a boa acollida e participación das anteriores edicións. A recollida de exemplares que se presenten aos concursos de rosas e empanadas, farase o día 13 a partir das 10.00 horas da mañá no Pazo de Mos; xa que tódolos actos do Día da Rosa, trasládanse nesta ocasión aos exteriores do Pazo.

 

Este ano as Festas da Rosa teñen un importante compoñente social. Por unha banda están os pregoeiros, María Fumaça, grupo mosense con integrantes da familia Senlle e encabezado polo entrañable Rui; que é todo un exemplo de integración social e afán de superación. E por outra banda está a tradicional Xuntanza de Palilleiras que este ano é solidaria, en beneficio da Asociación contra o Cancro, AECC. Trátase da décima edición desta emblemática macro palillada que nesta ocasión celebrarase o 17 de xuño en Costoias – Tameiga a partir das 10:00 horas e coa actuación do humorista Pedro Brandariz ás 17.00 horas.

 

Medallas ao Mérito e Fillo Predilecto

Cada dous anos o Concello de Mos entrega as Medallas ao Mérito. Neste 2017 celebrarase novamente a Gala de Entrega con motivo das Festas da Rosa o domingo 25 de xuño ás 20.30 horas no auditorio do Centro Dotacional de Torroso.

 

A Medalla ao Mérito Empresarial será para Casa Gallardo, o negocio de hostelería máis antigo de Mos, ao Mérito Deportivo para Susana Alonso, a ciclista mosense campioa de España de BTT Maratón, ao Mérito Social á Comunidade de Montes de Mos e ao Mérito Cultural á Comunidade de Montes de Torroso.

 

As comunidades de montes son colectivos de gran relevancia no Concello de Mos e que fan unha grande labor en favor das súas respectivas parroquias, no caso da de Torroso sobre todo no eido cultural coa construción do Centro Dotacional e o apoio á Escola Municipal de Música e á Banda de Música Xuvenil de Torroso; e no caso da de Mos no eido social.

 

Nesa mesma gala nomearase a José Leirós, expresidente da Asociación de Residentes de Mos en Bos Aires, Fillo Predilecto de Mos, polo gran labor feito na emigración e tantos anos de apoio a emigrantes mosenses que atoparon na súa man o apoio para saír adiante nun país descoñecido e moitas veces adverso.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados