Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Viernes, 16 de junio de 2017
PROVINCIA

Miguel Lorente destapa en Soutomaior o que se esconde a violencia machista

A primeira conferencia da xornada “Miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero” rematou facendo un chamamento para impulsar un Pacto de Estado contra o machismo.

[Img #33266]

 

O ex Delegado de Goberno de Igualdade, profesor titular de Medicina Legal e director da Unidade de Igualdade da Universidade de Granada, Miguel Lorente, pronunciou a primeira conferencia da xornada “Miradas interdisciplinares sobre a violencia de xénero” organizada pola Deputación de Pontevedra no marco da Escola de Igualdade María Vinyals. Lorente, ao que Carmela Silva cualificou como “un home que nos enche de argumentos para traballar e loitar pola igualdade efectiva entre muller e homes”, falou sobre o que agocha a violencia de xénero e o machismo, que se esconde de maneira interesada para facer da desigualdade e da inxustiza normalidade.

 

Lorente comezou a súa intervención contextualizando que, na actualidade, existen respostas claras e contundentes contra a violencia pero non ante todas as violencias. Ao respecto, o profesor comparou os atentados yihadistas, que produciron no 2015 (o ano de maior vítimas)  38.000 mortes, co machismo que produce ao ano segundo as Nacións Unidas, 50.000 vítimas mortais. “Cada 10 minutos – indicou Lorente- unha muller é asasinada no planeta e, sen embargo, un dato tan obxectivo non xera a percepción de ameaza, de dano, de dor na sociedade como os atentados yihadistas, senón todo o contrario, amosamos que estamos aínda moi lonxe de preocuparnos por este problema”.

 

O profesor de Medicina Legal destacou que a violencia de xénero esconde ao machismo. De feito, Lorente subliñou que as conductas violentas se producen por argumentos que xustifican que a violencia é útil para determinados obxectivos que, á súa vez, están amparados por unha sociedade que entende que hai motivos culturais para empregar a violencia. Máis polo miúdo, o profesor destacou que é o machismo, normalizado a nivel social,  cultural e identitario, o que permite que aconteza a violencia e soamente se poderá rachar con esta situación mediante unha ruptura sociocultural.

 

 

 

 

“¿Qué tipo de sociedade temos para que desde a normalidade xurdan cada ano 60 homes que asasinan as súas mulleres, e que só lles pareza grave ó 1,3% da poboación?”

 

 

 

 

Tamén fixo fincapé Lorente en que a violencia de xénero esconde aos agresores, é dicir, “cando hai situacións de violencia a propia cultura se defende e os protexe establecendo mitos sobre o seu papel e relacionándoos co consumo de drogas, co alcohol, a experiencia infantil ou os problemas psicolóxicos”. Eses agresores – tal e como subliñou o profesor- quedan invisibilizados ata o punto de que “cando se analiza a situación real, dos 600.000 casos de violencia que se produciron no 2016, soamente se produciron 142.000 denuncias (o 24%), das cales o 22% terminaron en mans da xustiza (31.000 casos) e unicamente o 5,2% dos casos foron considerados maltratadores”.

 

E tras esta situación, segundo Lorente, estanse a esconder aos machistas e aos homes en xeral. “Homes que non manifestan condutas machistas pero teñen moi claro a súa posición como homes, homes que somos machistas de nacemento e isto si que é un pecado orixinal que non hai bautismo que o elimine”. Amais, tal e como indicou o profesor, este machismo está escondendo a propia violencia de xénero, que o 30% das mulleres do planeta van a sufrir violencia por parte da súa parella nalgún momento, que en España sexan asasinadas 60 mulleres e 700.000 maltratadas ao ano, ou o que é o mesmo, que 60 homes asasinan cada ano e 700.000 homes maltratan cada ano”.

 

Pese a estes datos, tal e como manifestou Lorente, a violencia machista é un problema grave soamente para o 1,3% da poboación española, segundo o barómetro do CIS do mes de maio de 2017. E “non hai problema máis grave en España – indicou o profesor- que a violencia machista, que 60 mulleres sexan asasinadas nas súas casas cada ano, que haxa unhas circunstancias sociais que leven a que cada ano se maten a 60 mulleres nun contexto de pasividade, de ignorancia, de non dar resposta á gravidade destes feitos, e esa capacidade de ignorar, de discriminar do machismo, é o que está a permitir que isto sega a suceder”.

 

Neste contexto e xa para rematar, Lorente fixo fincapé en que “quen mata é o machismo, polo que debemos loitar contra él” e fixo un chamamento para poñer en marcha “un Pacto de Estado contra o machismo, non contra a violencia de xénero, porque se poñemos os recursos na violencia de xénero estamos deixando que esa parte tan invisible, o machismo, siga actuando ao longo do tempo”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados