O servizo provincial de acollida de animais comezará a funcionar con capacidade para atender a unha poboación de 400.000 habitantes e estará aberto a todos os concellos de menos de 50.000 habitantes que desexen adherirse
O Servizo Provincial de Acollida de animais abandonados que a Deputación de Pontevedra vai poñer en marcha permitirá acabar cun problema que afecta a un 68% dos concellos da provincia, que carecen dun servizo estable para desempeñar unha función que é de competencia municipal e que nestes momentos son moitos os que non poden asumilo polos elevados custes que supón.
Na actualidade tan só 15 concellos dos 60 que hai na provincia con menos de 50.000 habitantes teñen implantado un servizo de recollida de animais e 4 están en trámites para a contratación dunha empresa ou protectora. Os restantes 41 (68%) ou ben recollen os animais de forma esporádica con laceiros, Protección Civil e trasladándoos a unha canceira próxima (12 concellos) ou ben prescinden de prestar o servizo –malia ser da súa competencia-, caso no que se atopa practicamente o 50% dos concellos da provincia.
Coñecendo esta situación e as demandas de varios alcaldes de apoio para a prestación deste servizo, a Deputación Provincial decidiu comezar os traballos para poñer en marcha un servizo de acollida de animais domésticos abandonados que comezará a funcionar como moi tarde o 1 de xaneiro de 2013.
Promover as adopcións
O servizo provincial encargarase tanto de recoller e trasladar a un centro de acollida os animais (cans e gatos) abandonados, como da retirada e eliminación dos animais mortos nas estradas.
Para o servizo de acollida, a Deputación Provincial empregará as instalacións da canceira de Armenteira, que puxera en marcha a Mancomunidade do Salnés pero que decidiu cedela á Administración Provincial ao non poder facer fronte aos gastos que implicaba.
Este centro contará con servizos veterinarios; alimentación, desparasitación e outros tratamentos que poidan precisar os animais; e, ademais, farase unha intensa labor de promoción das adopcións para tratar que o maior número posible de cans e gatos acollidos atopen un novo fogar; e de concienciación para evitar o maltrato animal e o abandono.
Capacidade para unha poboación de 400.000 persoas
O servizo está pensado inicialmente para dar resposta aos numerosos concellos que carecen deste servizo, pero tamén está aberto á adhesión daqueles outros que o teñen actualmente pero que prefiran sumarse ao provincial, que podería supor aforros de ata o 75% na factura que actualmente pagan por este servizo.
O orzamento previsto para este servizo persoas calcúlase en 200.000 euros e permitirá atender unha poboación de 400.000 persoas. En base a este cálculo o servizo prestarase a un prezo de 50 céntimos por habitante, pero os concellos só deberán aboar 30 céntimos por habitante, dado que a cantidade restante a achegará a Deputación.
Os concellos que teñan interese en sumarse a este servizo poderán facelo por medio da delegación de competencias na Deputación Provincial. Isto non supón a cesión da titularidade da competencia senón que unicamente se delegan as competencias de ordenación, xestión e prestación do servizo, de forma que o concello mantén as competencias e a Deputación se encarga de prestar o servizo, tal e como fai xa con outros servizos como o de xestión tributaria.
Con este servizo, non só se facilitaría a prestación dunha competencia municipal a un prezo moi asequible e que de forma individual os concellos con menos recursos non poden asumir, senón que tamén permitiría importantes aforros aos que teñen o servizo implantado.