Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Domingo, 2 de julio de 2017
PROVINCIA

Carmela Silva sinala que a ocupación hoteleira para o Destino Rías Baixas este verán se situará no 80%

Guardar en Mis Noticias.

A Presidenta da Deputación de Pontevedra manifestou que se tratan de datos “prudentes” que seguramente se incrementarán coas reservas de última hora.

[Img #33607]

 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, presentou esta semana as estimacións do Destino Rías Baixas para este verán 2017, “unhas estimacións prudentes a falta de moitas reservas de última hora”, asegurou a Presidenta provincial, que sinalan que a ocupación hoteleira deste verán se situará no 78,36%.

 

Estes datos, sinalou Carmela Silva, supoñen “un incremento dun punto respecto ás estimacións do verán pasado, aínda que hai outras entidades como o Clúster de Turismo de Galicia que falan, tamén dun xeito prudente, dunha suba de entre o 5 e o 7% a nivel provincial e de ata o 10% nalgúns lugares da provincia de Pontevedra”.  Máis polo miúdo, a Presidenta provincial asegurou que “as estimacións para este verán son do 77,2% para o mes de xullo e do 79,5% para o mes de agosto” pero matizou que “dende a Deputación de Pontevedra preferimos facer unhas estimacións á baixa, quedar por debaixo e despois actualizar os datos cunha ocupación real moito maior”, en referencia ao comportamento que se pode observar en certos portais de reservas online como Booking, que sinalan “unha ocupación do 85% en xullo e do 88% en agosto, e por iso sabemos que imos superar os nosos datos”.

 

A Presidenta da Deputación recordou que o verán pasado “obtivemos unha porcentaxe de ocupación hoteleira media definitiva do 85,6% en toda a provincia, o 82% en xullo e o 89,2% en agosto así que, canto menos, estou segura que imos manter e ata superar os resultados definitivos do verán de 2016”.

 

Por comarcas, Carmela Silva informou que O Salnés agarda unha ocupación media para o verán do 81,53% e que, en concreto, espérase que xullo acade o 77,%% e agosto o 85,57%.  Segundo aseguro a Presidenta da Deputación, “nestes momentos portais de reservas en Internet estiman xa reservas do 97% en Sanxenxo, do 94% en Cambados e por riba do 70% no Grove para xullo e agosto”.

 

 

 

 

As estimacións para o turismo rural, situadas no 68,29% son xa superiores aos datos definitivos obtidos no verán do 2016

 

 

 

 

As estimacións de Turismo Rías Baixas para a comarca de Pontevedra durante o verán do 2017 ascenden ao 80% (a mesma porcentaxe para xullo que para agosto). Carmela Silva subliñou que “de cumprirse esta estimación, falaríamos de 10 puntos por riba do previsto para o verán pasado, aínda que portais de reservas en Internet falan do 87,5% xa reservado nesta comarca”.

 

No caso da comarca do Morrazo, agárdase unha ocupación media do 85,85% para este verán, sendo do 85% en xullo e do 86,7% en agosto. Nesta comarca, os portais de Internet rexistran xa reservas do 90% das prazas para xullo e agosto en localidades como Cangas.

 

Carmela Silva informou que se prevé unha ocupación do 81,26% para a comarca de Caldas, o 81% en xullo e o 81,53% en agosto. No caso concreto de Caldas, a Presidenta recordou que as estimacións realizadas para esta comarca no 2016 eran do 50%, “é dicir, prevese un crecemento de ata 31 puntos este verán o que seguramente ten moito que ver con que Caldas oferte dous Festivais Rías Baixas, PortAmérica e Cultura Quente, con grande capacidade de atracción turística”.

 

As estimacións de Turismo Rías Baixas para a comarca de Vigo durante o verán do 2017 ascenden ao 83,25%, o 81,5% en xullo e o 85% en agosto. Ao respecto, Carmela Silva asegurou que “falamos de estimacións tres puntos por riba das previstas para o verán pasado”.

 

No caso do Baixo Miño agárdase unha ocupación do 76,05% (75,5% en xullo e 76,6% en agosto), no Condado e A Paradanta do 71% (70% en xullo e 72% en agosto) e en Deza e Tabeirós-Terra de Montes do 68% (67% en xullo e 68,75% en agosto), similares ás previstas o pasado verán.

 

En canto ao turismo rural, a Presidenta da Deputación de Pontevedra adiantou que a ocupación estimada para o verán acadará o 68,29%, é dicir, tres puntos por riba que o previsto o pasado verán. Ao respecto, Carmela Silva destacou que “as previsións son tan boas para o turismo rural que a estimación xa é superior aos propios datos reais de finais de verán pasado en número de visitantes”.

 

Turismo internacional
A Presidenta da Deputación de Pontevedra deu a coñecer datos relativos ao turismo internacional que se espera para este verán. Así, “segundo nos achegan os maioristas e os turoperadores, está previsto que o 36% dos turistas que cheguen ás Rías Baixas sexan internacionais, é dicir, 5 puntos por riba do obtido o pasado ano”.

 

En canto á procedencia, Carmela Silva asegurou que “a porcentaxe maioritaria dos estranxeiros que nos visitarán virán de Portugal, país no que fixemos un especial fincapé ao presentar o noso destino en Porto e Lisboa”. Amais, “xunto a Portugal, estamos a detectar unha maior presenza de persoas procedentes de Reino Unido e de Italia debido, fundamentalmente, á apertura de novas rutas aéreas en Peinador”. Ao respecto, Silva destacou que “é necesario apostar para que haxa máis rutas internacionais no aeroporto de Vigo, contra ao que suxire a Xunta de Galicia, xa que se está a demostrar que a aposta por voos internacionais dende Vigo incide directamente no incremento de turismo estranxeiro nas Rías Baixas”.

 

A Presidenta provincial tamén asegurou que aumentou considerablemente a afluencia de turistas procedentes de América, Australia e Holanda, “sobre todo realizando o camiño de Santiago, que ten que seguir a ser outra das nosas apostas xa que o 65% dos turistas que realizan o camiño son estranxeiros”.

 

Perfil das persoas turistas
Xa para rematar cos datos relativos ao turismo na provincia de Pontevedra, Carmela Silva fixo balance dos visitantes que acudiron ás oficinas de turismo xestionadas por Turismo Rías Baixas durante este mes de xuño. Ao respecto, rexistráronse “5.000 visitas nas nosas oficinas das cales o 70% eran público nacional e o 30% estranxeiros”. Máis polo miúdo, a Presidenta da Deputación asegurou que “entre as persoas procedentes do noso país, o grupo máis numeroso procede de Madrid, seguido de Barcelona, Murcia, Vizcaya e Álava e, no caso das persoas estranxeiras, o grupo máis numeroso procede de Italia, seguido de Portugal, Reino Unido e Alemania”.

 

A maioría das persoas que visitaron Rías Baixas en xuño tiñan entre 35 e 60 anos e durmiron, o 65%, en hoteis de Sanxenxo, Vigo, O Grove, Pontevedra e Cangas. A estancia media sitúase entre 7 e 15 días e o 58% das persoas turistas visítanos motivados por aspectos culturais. Ao respecto, Silva asegurou que “está claro que a cultura é unha grande demanda entre os nosos turistas e algo que temos que coidar moitísimo xa que o turismo cultural trae consigo un turismo de calidade, de grande capacidade adquisitiva e que valora moita un entorno natural e sostible”.

 

 

 

 

As Rías Baixas recibirán este verán un 36% de turistas internacionais, cinco punto por riba que durante o ano 2016

 

 

 

 

Outro dos aspectos que destacou a Presidenta da Deputación sobre o perfil das persoas turistas que visitaron en xuño as oficinas de turismo xestionadas por Turismo Rías Baixas é que o “70% non coñecía a provincia de Pontevedra o que manifesta que estamos a captar turismo novo, que nunca viu ás Rías Baixas, e que a promoción que estamos a facer a nivel nacional e internacional está a conseguir que veñan novos visitantes”.

 

Con respecto aos turistas e ás turistas que visitan Rías Baixas, Carmela Silva adiantou que durante o vindeiro semestre se realizará unha enquisa para coñecer con maior exactitude e profundidade o perfil das persoas que están a visitar Rías Baixas. Máis polo miúdo, e en palabras da Presidenta provincial, “a enquisa (que comezará este verán e se prolongará ata finais de ano) pretende analizar o comportamento da elección do destino Rías Baixas e obter datos relevantes sobre o motivo da viaxe, a organización do mesmo, as fontes de información empregadas, o medio de transporte para a súa chegada ao destino ou a través de que medio xestionan as persoas visitantes a súa viaxe á nosa provincia”.

 

En total realizaranse 1.170 enquisas en zonas urbanas, de costa e de interior, escollendo puntos estratéxicos de maior afluencia de visitantes. Silva asegurou que con este estudo “poderemos recoller información fundamental para organizar a campaña de promoción do ano 2018 así como detectar novas oportunidades nas que traballar de cara ao futuro”.

 

Convenio co Clúster de Turismo de Galicia
Carmela Silva aproveitou a ocasión para dar a coñecer a sinatura dun convenio co Clúster de Turismo de Galicia por valor de 10.000 €. A través deste convenio, tal e como adiantou Silva, “pretendemos potenciar o sector turístico da provincia creando un tecido asociativo forte e consolidado, que permita crear sinerxías entre a administración pública e o sector privado para apostar por un turismo de calidade e converter á provincia nun destino cada vez máis competitivo”.

 

Máis polo miúdo, o convenio asinado entre a Deputación de Pontevedra e o Clúster de Turismo de Galicia ten por obxectivo impulsar o “II Encontro do Clúster de Turismo” centrado en networking empresarial e novas tecnoloxías. Ao respecto, a Presidenta Provincial manifestou a necesidade “de que todos os sectores, sobre todo o turístico, aposten fortemente por solucións TIC que lles permitan ser máis eficaces e eficientes, obter máis beneficios e reducir costes”.

 

Outra das iniciativas que se porá en marcha mediante este convenio é o deseño dun plan de comunicación partindo dun briefing conxunto elaborado entre o Clúster de Turismo e a Deputación de Pontevedra.

 

#VeinteMilRíasBaixas
Outra das iniciativas que deu a coñecer a  Presidenta da Deputación de Pontevedra esta mañá foi o concurso #VeinteMilRíasBaixas, organizado desde Turismo Rías Baixas para celebrar que a súa comunidade en Twitter supera as 20.000 persoas seguidoras.

 

Carmela Silva indicou que a través deste concurso se propuxo ás seguidoras e aos seguidores retratar os seus lugares favoritos das Rías Baixas. En total, presentáronse 499 fotografías, xa dispoñibles en www.turismoriasbaixas.com, que recollen illas, praias, paisaxes naturais costeiros, fervenzas ou lugares do interior de enorme beleza e calidade.

 

A Presidenta Provincial adiantou que, a partir de agora, “un xurado integrado polos equipos técnicos de Turismo Rías Baixas e Comunicación deliberará ata seleccionar a un máximo de 10 finalistas dos que sairá a persoa gañadora”. Silva asegurou que o premio “consiste nun lote de produtos Rías Baixas e dous bonos para os 8+1 Festivais Rías Baixas amais da impresión de 30 copias en formato postal co nome da persoa seguidora e o logotipo de Turismo Rías Baixas”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados