Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Viernes, 28 de julio de 2017
PROVINCIA

Carmela Silva destaca a alta colaboración do sector, axentes sociais e concellos na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo

Guardar en Mis Noticias.

Carmela Silva avanzou que o Plan “estará finalizado en decembro” prestando atención ao fortalecemento do sector empresarial e á internacionalización especializada.

[Img #34027]

 

A Presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada polo Deputado delegado de Turismo Rías Baixas, Santos Héctor Rodríguez, deu conta esta semana en rolda de prensa dos avances levados a cabo pola institución provincial na elaboración do Plan Estratéxico de Turismo para os anos 2017-2020 que “marcará a folla de ruta da acción turística da Deputación de Pontevedra” neste período, “algo moi relevante” ao entender que “o turismo é un sector capital da nosa provincia, unha fonte de riqueza para moita xente que xera actividade e crecemento económico”, sinalou a Presidenta provincial.

 

Carmela Silva sinalou que “vimos de rematar a primeira fase, o Plan de Concertación”, unha labor de consulta co sector turístico (tanto os concellos como o sector empresarial mailos distintos axentes sociais que o compoñen) para a que a Deputación de Pontevedra puxo en marcha mesas de traballo, entrevistas en profundidade e enquisas online que permitiron coñecer os recursos, a oferta, a demanda, os retos de futuro e as necesidades do turismo a nivel provincial. A Presidenta provincial sinalou que “desde o noso Goberno estamos moi satisfeitas e satisfeitos polos resultados acadados, cunha altísima participación e implicación desde todos os eidos”.

 

Deste xeito, nas 10 mesas de traballo interviñeron “114 axentes políticos, empresariais e sociais, unha media de 15 por mesa que crearon unha relación bilateral de información, debate e formulacións”, para “falar de turismo cultural, litoral, de natureza e termalismo, de turismo gastronómico e enoturismo, do Camiño de Santiago, do turismo urbano mailo rural, pero tamén do turismo deportivo, activo e de aventura”, asegurou Carmela Silva. Ademais, “65 entrevistas personalizadas para 11 concellos, 40 empresas, 8 entidades e 10 asociacións”. A Presidenta provincial matizou que “na provincia temos 11 concellos declarados turísticos, 7 dos cales xa responderon a día de hoxe”. E, por último, “166 enquisas que responderon 136 empresas e 30 concellos”, sinalou a Presidenta, que complementaron a información recollida nas mesas de traballo.

 

En canto ás conclusións deste traballo, “a altísima participación e implicación do sector”, en palabras da Presidenta provincial, “pon de manifesto que este plan estratéxico era unha necesidade e unha demanda reais”. Deste xeito, asegurou, “podemos avanzar varias das conclusións que extraemos” e que serán incluídas entre as liñas estratéxicas do Plan: a necesidade de fortalecer o sector empresarial e a internacionalización especializada. Carmela Silva resaltou os datos de turismo, de xeito que “o ano pasado batemos todos os récords e todo apunta a que este ano vai acontecer o mesmo”, e por iso asegurou que malia que “queremos que veñan moitos necesitamos un modelo sostible para que non aconteza o mesmo que en lugares onde hai unha saturación e unha masificación que poñen en perigo ao propio sector”.

 

En primeiro lugar, “necesitamos contar cun sector que sexa capaz de asumir o liderado, como no automóbil ou o naval”, que ten que ser, segundo Carmela Silva, “forte e de calidade, con empresas e profesionais proactivas non para xerar máis oferta, senón para canalizala e dar respostas ás diferentes demandas das persoas que escollen o destino Rías Baixas”. Unha oferta que sexa “de calidade para podernos diferenciar e marcar a nosa singularidade, para o que necesitamos unha forte alianza entre as administracións públicas e o sector turístico”, asegurou a Presidenta.

 

En canto á internacionalización, “estará canalizada nos destinos de maior interese para as Rías Baixas” como Portugal, “por iso estivemos en Lisboa e por segundo ano consecutivo en Porto”, e na captación de públicos que están “situados no Reino Unido, onde hai un nicho de turismo moi relevante e con moita capacidade adquisitiva ligado ao patrimonio histórico e cultura: os nosos castelos, xacementos ou torres”, isto é, o “turismo da pedra”, que move a arredor de 4 millóns de persoas só nese país. Ademais, o turismo náutico “pode captar ao público do Norte europeo, sociedades moi avanzadas que fan turismo todo o ano”. Deste xeito, “no Plan Estratéxico de Turismo a internacionalización e todas as accións que leven a priorizala terán unha especial atención tamén co obxectivo de desestacionalizar a nosa oferta turística”.

 

Carmela Silva asegurou que “estamos cumprindo o noso calendario de traballo previsto ao 100%, e tamén cumprimos co noso modelo de desenvolvemento”. Así, a Presidenta sinalou que “en setembro realizaremos dúas xornadas en Pontevedra e en Vigo nas que imos presentar todas as conclusións desta fase” tralas cales “se abrirá un novo espazo para estudar as conclusións e redactar o documento final” que será finalizado “en decembro e entrará en vigor no ano 2018”. A Presidenta da Deputación de Pontevedra sinalou que “estará listo antes de que remate o ano para que no vindeiro orzamento todas as liñas de investimento poidan ir dirixidas ao que o documento final do Plan Estratéxico de Turismo indique”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados