Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
O ROSAL

Amplíase a delimitación dos muíños do Folón e do Picón (O Rosal) como lugar de valor etnolóxico

Guardar en Mis Noticias.

A Consellería de Cultura e Educación publica no DOG o expediente para incrementar o espazo catalogado como Ben de Interese Cultural.

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria publicou no Diario Oficial de Galicia (https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2017/20170811/AnuncioG0164-280717-0004_gl.html) a incoación do expediente para ampliar a delimitación dos muíños do Folón e do Picón, na localidade pontevedresa de O Rosal. Estes bens foron declarados ben de interese cultural (BIC), con categoría de lugar de interese etnográfico, en 1998.

 

O departamento de Cultura da Xunta de Galicia considera que, á vista da información dispoñible, o ámbito de protección integral actual do conxunto etnográfico non recolle a totalidade de muíños deste ámbito, un total de 77 (36 no Folón e 31 no Picón), que teñen unha feitura moi semellante e homoxénea. Polo tanto, a incoación deste expediente ten como obxectivo incluír na delimitación a totalidade do sistema, a ermida de San Martiño e o castro do Picón.

 

Conxunto
Os muíños do Folón eran coñecidos historicamente pola denominación de Riobó, nome empregado para o río Folón ou San Martiño, e teñen a súa orixe cando menos o século XVII, coa implantación e xeneralización do cultivo do millo, se ben é probable que aumentando o número dalgúns xa existentes con anterioridade. Os muíños do Picón, situados máis cara o leste, alimentábanse das augas de recollida de varios regos e fontes, en especial do que adopta a denominación do rego da Cal, no lugar denominado O Nivel, e teñen un número e disposición semellante, se ben o seu funcionamento está condicionado pola periodicidade dos usos e caudais.

 

Trátase de construcións rectangulares de pequeno tamaño, de muros de cachotería concertada con linteis, xambas e algún canto de cantería traballada, e cubertas de tella curva a unha auga, sen aleiro. Nas canterías son abondosas as inscricións, en especial de cruces latinas con algunha sinxela ornamentación xeométrica, aínda que tamén hai inscritas iniciais e datas. Estes símbolos, que ás veces ocupan paneis enteiros de varias cruces, tamén se repiten en laxes exteriores próximas aos muíños.  Ocasionalmente o sistema podía completarse cun pequeno alboio cuberto para as bestas, ás que se lles dispoñía pías ou bacías para alimentalos.

 

Estes muíños tiñan a función principal de moer gran de millo, trigo e centeo, aínda que excepcionalmente está acreditado o uso para moer mineral, polo que mantiveron o uso ata mediados do século XX, cando se produciu case o seu total abandono.

 

Outros elementos protexidos
Considéranse partes integrantes do lugar de valor etnográfico, ademais das propias edificacións dos muíños, os sistemas hidráulicos para a captacións, retención e distribución das augas, en especial as pesqueiras, así como as levadas e regos que conducen a auga aos cubos.

 

Asemade, protexerase a ermida de San Martiño e os camiños tradicionais, en especial o de San Martiño, no que aínda se conserva algún pousadoiro e unha parte de pavimento aberto na propia pedra con fundas rodeiras de carro. Así mesmo, son partes integrantes do expediente os camiños que soben polas carreiras de Martín e Cereixeira, que deben ser conservados na súa funcionalidade e localización.

 

Procedemento
Tras a incoación do expediente, aplicarase de forma inmediata e provisional o réxime de protección que establece a Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, para os bens de interese cultural e para os lugares de valor etnolóxico en particular, con eficacia dende o momento da notificación ás persoas interesadas.

 

Asemade, ábrese un período de información pública durante o prazo dun mes, que comezará a contar dende o día seguinte ao da publicación, co fin de que as persoas que poidan ter interese poidan examinar o expediente e alegar o que consideren conveniente; e notificarase esta resolución aos interesados, ao Concello do Rosal e aos departamentos con competencias no ámbito afectado pola delimitación.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados