Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 28 de agosto de 2017
MUNDO EMPRESA

Para UGT o incremento dos accidentes laborais débese a "mala calidade do emprego"

Guardar en Mis Noticias.

Os accidentes no traballo increméntanse nun 6,31 por cento.

Os datos estatísticos facilitados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social reflicten que a sinistralidade laboral medrou en Galicia entre xaneiro e xuño de 2017, en relación ao mesmo período do ano anterior, un 6,31 por cento e que foron 30 as persoas que faleceron e 227 as que resultaron feridas de gravidade. Para UGT-Galicia, este aumento continuo da sinistralidade laboral é unha rama máis da perniciosa árbore da precariedade laboral que impera.

 

A reforma laboral, acompañada dunha serie de políticas e medidas impostas polos gobernos do PP no Estado e en Galicia, non fixeron máis que incidir na mala calidade do emprego. Políticas que permiten o desenvolvemento das empresas multiservizos que levantan a bandeira da desregulación das condicións laborais dos seus traballadores como signo de identidade. UGT é plenamente consciente do dano que están a facer estas empresas e por elo ven de poñer en marcha a campaña “Precarios NON, Grazas” co fin de que a sociedade en xeral sexa consciente desta lacra.

 

30 PERSOAS FALECIDAS NO TRABALLO NOS SEIS PRIMEIROS MESES DO ANO

Continuando coa análise dos datos facilitados polo Ministerio, obsérvase que dos 14.266 sinistros rexistrados en Galicia entre xaneiro e xuño de 2017 (13.467 no mesmo período de 2016), 6.339 corresponden a A Coruña, 1.426 a Lugo, 1.483 a Ourense e 5.018 a Pontevedra. Deste total, 227 tiveron unha consideración de graves, 30 foron mortais e 14.266 leves.

 

Deste total, os accidentes producidos in itínere foron 1.413, dos que 4 produciron o falecemento da persoa traballadora, 31 tiveron carácter de gravidade e 1.378 foron leves.

 

Segundo os datos do Ministerio referidos aos accidentes laborais producidos na xornada laboral, pode verse que dos 12.853 sinistros rexistrados en Galicia no primeiro semestre de 2017 (12.090 no mesmo período de 2016), 5.742 corresponden a A Coruña, 1.318 a Lugo, 1.402 a Ourense e 4.391 a Pontevedra. Deste total, 196 tiveron unha consideración de graves, 26 foron mortais e 12.631 leves. Dos mortais, 7 producíronse en A Coruña, 3 en Lugo, 5 en Ourense e 11 en Pontevedra.

 

En relación aos seis primeiros meses de 2016, os mortais aumentaron nun 8,3 por cento, ao pasar de 24 a 26, destacando as provincias de Ourense, onde pasaron de 1 a 5, e en Pontevedra, onde no 2016 foron 8 e neste ano rexistráronse un total de 11.

 

En canto aos sectores de actividade, a maior parte dos accidentes se produxeron no sector de Servizos, con 6.376, seguido pola Industria con 3.910 accidentados, a Construción con 1.487 e, finalmente, polo sector Agrario con 1.080 accidentes.

 

No conxunto do Estado neste período o número de sinistros rexistrados foi de 251.967 con 245 persoas falecidas.

 

No referente ao índice de incidencia de accidentes de traballo con baixa en xornada laboral, é dicir, aqueles nos que se relacionan o número de sinistros por cada 100.000 traballadores en activo, e que nos da unha visión relativa da sinistralidade co mercado laboral de cada comunidade, tamén arroxa datos moi negativos para Galicia. Comunidade que se atopa entre as que presentan un índice de incidencia de accidentes mortais dos máis elevados.

 

Concretamente, este índice no caso dos sinistros mortais é en Galicia de 0,548, fronte aos 0,273 que se rexistran de media no resto do Estado.

 

GALICIA ENCABEZA AS ESTATÍSTICAS EN ÍNDICES DE INCIDENCIA DE SINISTROS MORTAIS CON ARAGÓN, CANTABRIA E LA RIOJA

É dicir, Galicia duplica a media estatal e está á cabeza das estatísticas, xunto con comunidades como Aragón, Cantabria e La Rioja que tamén rexistran índices superiores aos 0,5 puntos.

 

Por provincias, destaca Ourense polo seu alto nivel de incidencia, 1,058, seguida de Pontevedra (0,672), Lugo (0,528) e A Coruña (0,339).

 

En relación ao índice de incidencia que se rexistra en Ourense de sinistralidade mortal, UGT-Galicia alerta que este, xunto co que se rexistra na provincia de Soria, é o único de todas as provincias que supera o 1.

 

Neste contexto, UGT-Galicia reclama unha maior implicación das distintas administracións públicas e das propias empresas na loita contra esta lacra social. Para o Sindicato, a prevención segue a ser a mellor ferramenta que existe para reducir ou evitar danos á saúde dos traballadores.

 

Por iso, UGT esixe ás empresas un maior investimento, tanto no eido material como humano, para desenvolver os plans de prevención nos centros de traballo, así como, unha vixilancia especial da Inspección de Traballo e das administracións públicas sobre as empresas, xa que moitas delas están baseando a súa produtividade na desregulación das condicións de traballo e aumentando a precariedade dos empregos.

 

GALICIA REXISTRA NO QUE VAI DE ANO 904 ENFERMIDADES PROFESIONAIS, A MAIOR PARTE DELAS CAUSADAS POR AXENTES FÍSICOS

Segundo os datos facilitados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social no seu Observatorio das Continxencias Profesionais, referidos a xaneiro-xullo de 2017, en Galicia rexistráronse un total de 904 enfermidades profesionais. Poñendo estas en relación coa afiliación media á Seguridade Social (771.757), obsérvase que por cada 854 afiliados á Seguridade Social declárase unha enfermidade profesional en Galicia. Cifra que está por enriba da media que se rexistra no Estado, que é dunha enfermidade profesional por cada 1.145 afiliados á Seguridade Social.

 

Por sexo, os datos están bastante equilibrados. Das 904 enfermidades declaradas, 483 corresponden a homes e 421 a mulleres.

 

Por outra banda, os datos facilitados polo Ministerio indican que do total das enfermidades rexistradas, 510 son con baixa e 394 sen baixa. Neste senso, UGT-Galicia insiste en que en moitas ocasións estas enfermidades sen baixa poden esconder dous problemas distintos pero igualmente preocupantes. Por un lado, o interese das mutuas de aforrar custes e, por outra banda, o medo do traballador a perder o seu emprego se pide a baixa. Este último aspecto se fai máis incisivo á causa dos altos índices de precariedade e temporalidade que afectan ao mercado laboral deste país.

 

En canto á idade do traballador, na orquilla de 40 a 44 anos é onde máis enfermidades profesionais se rexistran (175), seguida moi de preto pola de 45 a 49 (164). O resto, 12 rexístranse de 20 a 24 anos; 47, de 25 a 29; 77 de 30 a 34; 140, de 35 a 39; outras 140, de 50 a 54; de 55 a 59, 105; de 60 a 64, un total de 42; e dúas de 65 a máis anos.

 

Finalmente, o informe arroxa que a maior parte das enfermidades rexistradas de xaneiro a xullo en Galicia están causadas por axentes físicos (hipoacusia, osteoarticulares, bolsas serosas, tendionosas, apofisis espinosa, parálise nervios, menisco, descomprensión, radiacións ionizantes, radiacións uva, enerxía radiante, nódulos ou nistagmus), un total de 683.

 

124 están causadas por inhalación de substancias e axentes; 38 por axentes biolóxicos; 36 por outras substancias e axentes; e 23 por axentes químicos.

 

CONTINÚA EXISTINDO UN SUBREXISTRO E INFRA-DECLARACIÓN DE ENFERMIDADES PROFESIONAIS. ISTO PREXUDICA AO TRABALLADOR E AO SISTEMA SANITARIO PÚBLICO

A pesar de que se produza un incremento de enfermidades declaradas, UGT-Galicia denuncia que continúa existindo un subrexistro e unha infra-notificación de enfermidades profesionais. De feito, a notificación de determinados casos de enfermidades profesionais é moi baixa ou practicamente nula, particularmente, no caso de enfermidades complexas e crónicas.

 

Esta infradeclaración prexudica ao traballador por unha dobre vía. Por unha banda, a prestación que perciben non é a mesma na enfermidade laboral que na común e, por outro lado, ao non ser considerada como unha continxencia profesional non se implementan medidas correctoras e mantéñense os riscos para a saúde dos traballadores. Tamén prexudica á viabilidade do Sistema sanitario público, xa que son patoloxías que deberían ser tratadas polas mutuas e financiada a través das cotizacións á Seguridade Social e non polo servizos públicos de saúde, no caso de Galicia polo Sergas, cos impostos dos contribuíntes.

 

UGT-Galicia tamén alerta sobre o feito de que as novas formas de organizar o traballo están incrementando os riscos psicosociais, polo que un dos obxectivos debe ser o seu recoñecemento como enfermidade relacionada co traballo.

 

AUSENCIA DE DATOS POR PARTE DA XUNTA

No contexto deste informe, UGT-Galicia pon de manifesto o seu malestar pola falta de comunicación por parte da Xunta de datos de sinistralidade detallados e actualizados. De feito, o Sindicato tivo que recorrer aos datos facilitados polo Ministerio de Emprego e Seguridade Social, que son os que se adxuntan nos cadros, para elaborar este informe, ante a ausencia dos que habitualmente facilitaba a Xunta. O Sindicato lémbralle ao Goberno galego que só a través da análise dos feitos estes poden ser corrixidos para non reiteralos erros no futuro.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados