O Proxecto Socheo é un esforzo conxunto que quere sacar á luz o patrimonio audiovisual local coa colaboración de todo aquel que garde imaxes
O Proxecto Socheo saca á
luz a súa última recuperación: A Lenda de Breogán, unha
curtametraxe que se realizou no curso 1984-1985, no Instituto A
Sangriña de A Guarda.
Nela implicáronse un grupo de alumnas e alumnos de primeiro e segundo de BUP daquel ano, animados e coordinados polo docente de lingua e literatura galegas Alberte de Esteban “O Roxo”.
Na Lenda de Breogán aproveitáronse os escenarios naturais que ofrece a zona (monte Santa Trega, A Pasaxe, ponte do Tamuxe, O Codesal) para pór en imaxes un relato orixinal de Vicente Risco sobre o caudillo celta.
Pouca xente sabía da existencia desta curta ata fai pouco; por riba das súas imperfeccións e falta de recursos, recibiu boas críticas no certame XOCIVIGA de 1985.
O Proxecto Socheo é unha iniciativa compartida que quere localizar, estudar, inventariar e dar a coñecer as imaxes que foron gravadas na Guarda, co obxectivo de salvagardar un patrimonio audiovisual local e proxectalo, sen restricións, cara o mundo.
Para poder levalo a cabo, os seus impulsores solicitan a colaboración de todo aquel que teña gardadas algunha gravación. Emigrantes, mariñeiros, turistas, veciños en xeral … todas teñen valor. As imaxes analóxicas que se facilitan a Socheo dixitalízanse e se editan adecuadamente sen ningún custe para o particular.
A maior parte este traballo está dispoñible en Internet, a través dunha canle homónima en Youtube. Pódense visionar máis de trinta películas desde a década dos anos 20 até a actualidade. Igualmente pódese seguir a súa evolución nas redes sociais.
“Socheo” é un vocablo mariñeiro que significa a última fase da preamar, a iniciativa á que dá nome tamén fará unha campaña de recollida de oralidade de persoas maiores para que esta sabedoría non desapareza. E, finalmente gravaranse tradicións e aspectos sociais que definen a singularidade cultural do concello guardés.
CRÍTICA DE A LENDA DE BREOGÁN, POR XURXO CHIRRO
A lenda de Breogán: Unha experiencia educativa anovadora
…a Alberte de Esteban “O Roxo”
Para falar sobre A lenda de Breogán temos que viaxar ata mediados da década dos oitenta. Un tempo no que a sociedade guardesa aínda se espreguizaba no amencer da liberdade trala longa e dura inverneira. Un bo baremo para analizar aquel clima foi todo o que rodeou á realización da curtametraxe A lenda de Breogán, unha das experiencias educativas máis anovadoras e fértiles que tivo lugar na Guarda e que chocou, de fronte, con toda a ferruxe de pensamentos e ideoloxías que, daquela, aínda dominaban na nosa vila.
No ano 1984 o Instituto Público da Guarda comezaba a súa andaina no predio do Centro de Formación Profesional da Sangriña. Esta institución educativa recentemente alumeada víase moi coartada polas limitacións de espazo e polos poucos recursos existentes. Mais, aínda así, agromaron certas iniciativas educativas valiosas e sorprendentes non só pola escasa infraestrutura e bagaxe do centro, senón polo que se tiña visto ata ese momento nunha comunidade excesivamente anquilosada e temerosa aos cambios. A comunidade de alumnos, exceptuando as novas promocións, procedían de institutos de secundaria da Guarda ou da bisbarra, na súa maioría centros privados que se atopaban ao abeiro da igrexa cos consecuentes plans curriculares conservadores.
A realización da curtametraxe correu por conta de alumnos de primeiro e segundo de BUP da promoción 1984-1985 do Instituto da Sangriña. A iniciativa e coordinación do proxecto foi responsabilidade do profesor coruñés Alberte de Esteban “O Roxo” que impartía a área de Literatura e Letras Galegas e que tiña chegado á Guarda nese mesmo ano. Daquela era un profesor con pouca experiencia como ensinante mais que proviña dun longo periplo como mariño mercante desde 1968. Un home íntegro con fortes valores sociais adquiridos no seo dunha familia de fonda convicción anarquista que padecera fortemente as consecuencias da represión franquista.
Alberte “O Roxo” alternaba como docente nas áreas de Historia, Galego, Castelán e Ética. Desde que comezara a súa andaina como profesor tentou aplicar novos métodos educativos coa convicción de aportar aires novos a un rancio sistema de ensino. A súa vocación pedagóxica non se limitou ao horario lectivo senón que tamén quixo promover actividades e proxectos educativos fóra das aulas, seguindo a metodoloxía libertaria.
Así, antes de comezar a realización da curtametraxe, el mesmo foi o promotor dunha revista feita polo alumnado do instituto. Esa revista tivo unha vida moi breve e accidentada xa que debido aos seus contidos “diverxentes” foi secuestrada polo Alcalde e estivo vilipendiada pola “benpensante” opinión pública da Guarda. O contido desta publicación chegou a ser levado ao Pleno Municipal polo daquela concelleiro de cultura, o “popular” Ligero. Despois disto, o goberno local presionaría ao director e ao claustro educativo para que lle fora aberto un expediente mais os alumnos reaccionaron de xeito modélico iniciando unha folga para evitar que o profesor fose inxustamente sancionado.
Tralo aciago episodio da revista, Alberte de Esteban non se deu por vencido e comezou a dar forma a un proxecto moito máis ambicioso como era o de facer unha curtametraxe cos seus alumnos e alumnas. A idea procedía da relación de amizade con Manolo González, profesor en Allariz e pioneiro do uso do audiovisual nas escolas e que, nese ano, era o responsable do programa“Vídeo nas aulas” da Dirección Xeral de Cultura da Xunta de Galicia. Foi así como chegou unha cámara de vídeo á comunidade escolar da Sangriña. Nin Alberte nin os seus alumnos estaban afeitos ao emprego da nova ferramenta mais rapidamente se puxeron ao día para sacarlle o máximo partido.
A lenda de Breogán é a adaptación dun relato homónimo de Vicente Risco que conta a historia do caudillo celta. Esta escolla tiña como obxectivo aproveitar o mellor dos escenarios posibles na Guarda, o Monte Trega e o seu castro, e así facer máis atractiva para o alumnado a abordaxe deste período histórico. As rapazas e rapaces sumáronse ilusionados ao proxecto e se encargaron de realizar todas as tarefas que a realización do filme precisaba: localización de escenarios, elaboración do guión, interpretación, preparación do atrezzo, rodaxe, etc.
A curtametraxe comeza cando un rapaz, o protagonista da historia (protagonizado por Severo Pacheco), le o relato no Trega e se retrotrae, nunha ilustración en imaxes moi interesante polo formalismo da proposta, á época pasada na cal sucede. Resulta moi suxestivo este inicio porque nel se fai unha evocación do poder da lectura, que entronca de cheo co propio espírito que alberga o proxecto audiovisual.
A continuación vemos unha serie de secuencias nas que se reconstrúe a vida no castro. Obviamente, as imaxes son moi naif, non obstante teñen un importante valor xa que poñen en evidencia o propio artificio cinematográfico, case teatral, como acontece nalgunhas correntes de cinemas “non reconciliados” que practican este tipo de procesos, como por exemplo na obra de Jean-Marie Straub e Daniélle Huillet. Tras amosar os preparativos á guerra a acción desprázase ao embarcadoiro da Pasaxe. A travesía nun barco (unha gamela) filmouse perto da ponte do Tamuxe, e a secuencia final do enterro acontece na praia do Codesal.
O profesor Alberte de Esteban editou o filme con dous vídeos incorporándolle a voz dos seus alumnos e alumnas e tamén a súa propia en over. As imaxes teñen moitas marcas características da manipulación do vídeo, unhas imperfeccións que nos informan sobre os poucos recursos que había no centro e sobre a época na que foi realizada. A lenda de Breogán recibiu unha crítica moi positiva por parte do cineasta galego Calos Velo cando este foi o convidado nas XOCIVIGA de 1985. No seo deste festival puido ser vista A lenda de Breogán, dentro dunha escolma de obras audiovisuais feitas por institutos de toda Galiza. Este filme foi visto na Guarda en poucas ocasións xa que, até o ano pasado, moi pouca xente sabía da súa existencia. Afortunadamente agora volve á luz por medio do Proxecto Socheo, e á marxe das súas calidades artísticas podemos admirar nela a materialización dun proxecto pedagóxico rompedor e o legado dunha actitude cara a vida crítica e insubornable.
Xurxo González é historiador, crítico e membro do Proxecto Socheo
Youtube: http://www.youtube.com/user/proxectosocheo2012
Facebook: http://www.facebook.com/proxecto.socheo
Twitter: @proxectosocheo