Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 4 de septiembre de 2017
PROVINCIA

A provincia de Pontevedra acadou en agosto unha ocupación hoteleira do 91%, o mellor dato dos últimos 18 anos

Guardar en Mis Noticias.

Carmela Silva cualificou os resultados como “históricos” e destacou que “xa somos a cuarta zona turística con maior auxe do estado”.

[Img #34702]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, acompañada do deputado de Turismo, Santos Héctor Rodríguez, deu a coñecer esta mañá os datos relativos á ocupación de hoteis e establecementos rurais das Rías Baixas durante o pasado mes de agosto. Silva, que cualificou os resultados de “históricos”, ao ser os mellores dende que existen rexistros, amosou a súa satisfacción “porque os datos poñen de manifesto que o sector turístico da provincia de Pontevedra ten unha alta capacidade e que xa somos a cuarta zona turística con maior auxe en España”.

 

A comezos do verán a presidenta provincial daba a coñecer as previsións que dende Turismo Rías Baixas se agardaban para os meses de xullo e agosto. Ao respecto Silva subliñou que “superamos as nosas previsións con creces xa que en xullo tivemos unha ocupación do 84%, 7 puntos por riba do previsto, e en agosto os datos foron aínda mellores”. Máis polo miúdo, Carmela Silva detallou que “tendo como referencia os datos do INE, que se recollen dende 1999, este é o mellor mes de agosto en Rías Baixas dos últimos 18 anos, por riba de agosto de 2016 e agosto de 1999, cando a ocupación se situou no 74,9%”.

 

 

[Img #34720]

Segundo informou a presidenta da Deputación de Pontevedra, os datos de Turismo Rías Baixas confirman que o mes de agosto pechou cunha ocupación hoteleira media provincial do 91,11%, “é dicir, case 12 puntos por riba do previsto e 2 puntos por riba dos resultados obtidos no mesmo mes do 2016, cando a ocupación acadou o 89,2%”.  Estes resultados, tal e como asegurou Carmela Silva, “xa nos sitúan como a cuarta zona turística con maior auxe en España, con pernoctacións que medraron, no primeiro semestre do ano, un 3,7% e visitantes que tamén o fan un 9%, o que nos sitúa como a provincia galega máis atractiva xa que estamos a recibir ao 40% dos visitantes que elixen Galicia como destino”.

 

Máis en concreto, a comarca do Salnés rexistrou unha ocupación hoteleira do 95,12%, sete puntos por riba que agosto de 2016, cando a porcentaxe acadou o 88%. No caso desta comarca, a presidenta provincial subliñou que os hoteis de catro estrelas acadaron o 100% da ocupación e que vilas como Sanxenxo ou O Grove superaron en catro puntos o rexistrado en agosto do ano pasado.

 

Na comarca de Pontevedra, segundo as estimacións de Turismo Rías Baixas, prevíase unha ocupación superior ao 80%, “e o certo é que –tal e como manifestou Silva- foi do 92,25%, é dicir, máis de doce puntos por riba que os obtidos en agosto de 2016 e tamén doce puntos máis do previsto”.

 

Para a comarca do Morrazo se agardaba unha ocupación do 86,7% e finalmente se chegou ao 97,6% o que supón once puntos por riba das estimacións realizadas a comezos de verán por Turismo Rías Baixas e case oito puntos máis que o acadado en agosto de 2016. Na mesma liña aconteceu na comarca de Caldas, onde se esperaba unha porcentaxe do 81,53% e se superou o 91,72%, é dicir, once puntos máis do previsto.

 

 

 

 

A presidenta provincial puxo en valor o “enorme incremento do turismo internacional nas Rías Baixas con dez puntos máis que a media de Galicia”

 

 

 

 

Pola súa banda, a comarca de Vigo rexistrou unha ocupación hoteleira do 93,5%, é dicir, máis de 8 puntos por riba do estimado a comezos de verán e case seis puntos máis que os resultados obtidos en agosto de 2016, cando se chegou ao 88%. No caso desta comarca, a presidenta da Deputación de Pontevedra informou que durante os días nos que se celebrou o Festival do Marisquiño a ocupación foi do 100% en Vigo e en toda a súa comarca. Ao respecto, Silva tamén deu a coñecer que o sector turístico da comarca “cualifica o mes de agosto como histórico e adianta que na primeira quincena de setembro agardan superar o 70% de ocupación”.

 

No Baixo Miño, a ocupación hoteleira foi do 90,3% o que supón case catorce puntos máis do estimado. Un resultado similar se obtivo nas comarcas do Condado e A Paradanta nas que, co 84,75% de ocupación hoteleira, se superaron en trece puntos as previsións efectuadas por Turismo Rías Baixas a comezos de verán.

 

En canto ás comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes, a Deputación de Pontevedra estimaba unha ocupación do 68,75% e finalmente a porcentaxe ascendeu ao 83,6%, é dicir, case quince puntos por riba do previsto e acadando resultados similares a agosto do 2016.

 

A presidenta provincial adiantou que “o sector nos está a trasladar que setembro continuará esta tendencia crecente rexistrada durante o verán e que se confirma con datos que xa contabilizan nestes momentos portais de reservas como booking.com”. Ao respecto, Silva daba a coñecer que, segundo os portais on-line, Rías Baixas ten xa o 83% das prazas reservadas, ascendendo ata o 100% as efectuadas en Pontevedra, o 95% en Baiona, o 85% en Vigo e o 76% nas comarcas do Salnés e O Morrazo.

 

Carmela Silva asegurou que “estes datos corroboran que o sector turístico ten unha grande capacidade e por iso imos seguir traballando para que se desestacionalice, para que se impulsen novas actividades como o turismo ornitolóxico, o termalismo, a cultura, a natureza, promovendo o destino como o fixemos en Fitur, en Madrid, En Lisboa, en Oporto, en revistas especializadas, blogs, webs e en contacto con influencers”. “Por todo isto – engadiu a presidenta da Deputación – o noso compromiso con este sector é fundamental xa que se trata dun motor de desenvolvemento económico que representa o 11,5% do Produto Interior Bruto e o 13% do emprego da provincia de Pontevedra”.

 

Turismo Rural
En canto ao turismo rural, a presidenta da Deputación de Pontevedra tamén amosou a súa satisfacción. “Agardábamos unha ocupación do 74,41% e finalmente obtivemos un 85,65%, é dicir, máis de dez puntos por riba do estimado e case dous máis que o acadado en agosto de 2016”, asegurou Carmela Silva.

 

A ocupación das casas de turismo rural por comarcas foi do 95% no Salnés, do 92,75% na comarca de Pontevedra, do 100% no Morrazo, do 85,03% en Caldas, do 80% en Vigo, 88,75% na comarca do Baixo Miño, do 81,68% no Condado e A Paradanta e do 70,22% nas comarcas do Deza e Tabeirós-Terra de Montes.

 

A presidenta provincial destacou o papel de liderado que está a ocupar a provincia de Pontevedra en canto ao turismo rural. De feito, Silva deu a coñecer que segundo o portal especializado Escapada Rural, Rías Baixas é un dos destinos do “top ten” do turismo rural nacional, situándose no terceiro posto, tras Málaga e Barcelona. Ao respecto, a presidenta da Deputación amosou a súa satisfacción xa que “o turismo rural está ligado á calidade e as altas porcentaxes rexistradas en agosto deste ano revelan que cada vez estamos atraendo a un turismo máis centrado en actividades culturais ou relacionadas coa natureza que co sol e praia”.

 

Turismo Internacional
A presidenta da Deputación de Pontevedra deu tamén a coñecer datos relativos ao turismo internacional. Neste contexto, Silva destacou que “estaba previsto que dos turistas que chegasen ás Rías Baixas máis do 30% fosen internacionais, unha porcentaxe similar ao do ano pasado e, sen embargo, superáronse as estimacións e recibimos un 36% de turistas internacionais, dez puntos máis que a media de Galicia, que se sitúa no 26%”.

 

En canto á procedencia, Carmela Silva subliñou que “a porcentaxe maioritaria de persoas que nos visitan do estranxeiro correspóndense con habitantes de Portugal, Francia, Reino Unido e Italia o que manifesta que se trata de turistas que coinciden cos países cos que enlaza o aeroporto de Peinador grazas ás novas rutas aéreas que se puxeron en marcha”. Ao respecto, Silva reivindicou a necesidade de que a administración autonómica e a estatal se impliquen co aeroporto vigués, “porque con investimentos moi asumibles estase a producir un impacto económico moi importante en toda a provincia de Pontevedra”.

 

A presidenta provincial destacou o crecemento das persoas que nos visitan procedentes de Portugal, “un 30% máis que o ano anterior, o que demostra que acertamos nas accións promocionais que dende a Deputación de Pontevedra impulsamos en Oporto e Lisboa”.  Amais, Silva tamén fixo mención ás persoas turistas americanas, australianas e holandesas que nos elixen para camiñar cara Compostela.

 

Perfil das persoas turistas
En canto ás persoas que nos visitaron, Carmela Silva destacou que aumentou tanto a chegada de visitantes como o número de pernoctacións. Así, a presidenta da Deputación indicou que “no que levamos de ano foron 520.000 persoas as que visitaron Rías Baixas que se aloxaron na nosa provincia durante 6,2 días (fronte aos 5,8 días de agosto de 2016)”.

 

A porcentaxe maioritaria de turistas (58%) teñen entre 35 e 60 anos e dormen en hoteis (42%) entre 7 e 15 días. E, entre as principais razóns para visitar o noso destino o pasado mes de agosto, a porcentaxe maioritaria (33%) sinala a natureza como factor motivador da viaxe.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén mencionou que o 60% dos turistas que nos visitaron en agosto non coñecían a provincia, é dicir, “seguimos a captar turismo novo que nunca viu a Rías Baixas”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados