En relación co viño, analizouse o proxecto da orde que regulará a convocatoria pública de presentación de solicitudes para a concesión de dereitos de plantación de viñedo procedentes da Reserva galega
A conselleira do
Medio Rural e do Mar, Rosa Quintana, presidiu esta tarde a xuntanza
do Consello Agrario Galego, que abordou diferentes asuntos
relacionados coa situación do lácteo, a postura de Galicia
–acordada cos axentes do sector– cara á reforma da Política
Agrícola Comunitaria (PAC) e a produción de viñedo. A conselleira
estivo acompañada nesta reunión polo secretario xeral de Medio
Rural e Montes, Tomás Fernández-Couto, e polos directores xerais de
Desenvolvemento Rural, Antonio Crespo, e Produción Agropecuaria,
José Álvarez Robledo.
Índices de prezos
En relación coa produción de leite, no seo deste órgano de participación, asesoramento, diálogo e consulta da Administración Galega fíxose unha reflexión sobre a aplicación do chamado “Paquete lácteo” da UE, e máis concretamente –en relación cos prezos– acerca dos índices publicados pola Interprofesional Láctea (INLAC) e a posibilidade da súa utilización orientativa na sinatura de contratos entre produtores e industrias.
Neste sentido, a Xunta trasladou aos axentes do sector a importancia de que afonden no coñecemento e estudo destes indicadores, e da súa idoneidade á hora de usalos como referencia na sinatura de contratos.
O Paquete lácteo é unha actualización da normativa comunitaria neste eido dos contratos e tamén en relación coa capacidade de negociación dos gandeiros (a través da constitución de organizacións de produtores) e co papel que xogan as interprofesionais no funcionamento do mercado.
Precisamente sobre as medidas de mercado, a Xunta valora que o propio Paquete e a reforma da Organización Común de Mercado (OCM) son un bo comezo para avanzar na estruturación do sector e nunha maior transparencia na cadea de valor. Porén, o Goberno galego considera que cómpren medidas áxiles, suficientes e dotadas dabondo para non desmantelar máis o actual sistema de intervención e mesmo para velar por reservas estratéxicas en cuestións como as materias primas. Tamén para ter un fondo de manobra que permita actuar nas crises (en particular as de prezos) con axilidade. A Xunta defende así mesmo a continuidade das cotas lácteas, recoñecendo a dificultade que isto representa.
Produción de viño
Nesta xuntanza do Consello Agrario avaliouse tamén o proxecto da orde que regulará a convocatoria pública de presentación de solicitudes para a concesión de dereitos de plantación de viñedo procedentes da Reserva galega.
Esta norma ven desenvolver o decreto publicado recentemente pola Xunta (no DOG do pasado 27 de marzo) para preservar o patrimonio vitícola de Galicia e nutrir a reserva autonómica de dereitos de plantación de viñedo para a súa posterior distribución entre os viticultores que os soliciten, entre outros fins.
A lexislación promovida pola Xunta pon de relevo a importancia do sector en Galicia, as súas especiais características –sobre todo en atención á chamada viticultura de montaña, cualificada de “heroica”– e a decidida aposta do Goberno galego porque se manteña na UE o sistema de acoutamento da produción, inseparable da calidade do noso viño, fundamentada na existencia de cinco denominacións de orixe.
A orde analizada hoxe no Consello Agrario ven optimizar o noso potencial vinícola, xa que, nese contexto de acoutamento, facilítase aos viticultores (en especial aos agricultores mozos e de zonas de montaña) o acceso aos dereitos de produción aos que renuncien outros produtores.