Militantes e simpatizantes da organización nacionalista repartiron díticos informativos entre a veciñanza do Porriño para explicar as razóns que animan ao BNG a manifestarse o vindeiro 25 de Xullo polas rúas de Santiago de Compostela baixo o lema Rescata os teus dereitos. En Bloque podemos!
O BNG
celebra o Día da Patria Galega facendo fronte “ás políticas de
recortes dun PP máis preocupado por rescatar ao sector financieiro
que por solucionar a crise económica e buscar o benestar da
cidadanía”.
“Fronte aos que propugnan e teñen como único obxectivo rescatar aos poderosos, aos causantes da crise, o BNG ten como prioridade rescatar á maioría social; e fronte a un PP que quere rescatar á banca privada a costa de recortar os servizos públicos, o BNG chama a rescatar os dereitos roubados, e a facelo en Bloque, de xeito colectivo”.
“Queremos facer un chamamento a transformar a indignación en actuación, a necesidade de organizarse e de actuar. E para iso convocamos o 25 de Xullo a esa Galiza que se move en defensa do ensino público, da sanidade pública, en contra da estafa das preferentes ou contra a reforma laboral a que se sume ao proxecto do BNG, no convencemento de que este traballo colectivo terá os seus froitos”.
A campaña do BNG tamén busca “rescatar os dereitos colectivos de Galiza como nación. Estamos nun contexto no que hai unha clara recentralización no Estado, na que coinciden tanto PSOE como PP, e no que cada vez perdemos máis soberanía en favor de poderes afastados e non democráticos. O BNG reivindica a soberanía para Galiza para poder resolver os nosos problemas, conquistar o futuro e defender a nosa identidade nacional”.
Día da Patria Galega
Desde os anos vinte co xurdimento das Irmandades da Fala e posteriormente co Partido Galeguista, conmemórase o Día da Patria Galega o 25 de xullo. “Nesta data Galiza reclama o exercicio dos seus dereitos nacionais negados, reclama o seu dereito a existir no mundo en pé de igualdade coas demais nacións, demanda o respecto polo seu idioma e cultura, a posibilidade de desenvolverse conforme aos seus recursos económicos e o seu dereito a decidir por si mesma de acordo coa vontade democrática do pobo galego. O BNG, recollendo ese legado do galeguismo histórico e das organizacións nacionalistas que recuperaron a celebración durante o franquismo, conmemora máis un ano un novo Día da Patria Galega coa forza de milleiros de galegos e galegas que acreditan nun proxecto político nacionalista útil como ferramenta de transformación social e de liberdade para a nosa nación. Desde o BNG do Porriño queremos animar aos veciños e veciñas da nosa localidade a participaren con nós da manifestación do 25 de xullo, que sairá ás 12h desde a Alameda de Santiago de Compostela para rematar na Praza da Quintana”.