As mulleres e a poboación indíxena foron as principais destinatarias destas iniciativas coas que minguarán as enfermidades e mellorará a economía local
O
Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade vén de pechar o proceso
de xustificación dos proxectos iniciados en 2011 para mellorar as
condicións de habitabilidade en vilas de Nicaragua e Cabo Verde.
No arquipélago africano,
a entidade colaborou coa Cámara Municipal de Paúl para rehabilitar
vivendas na localidade de Lombo Comprido. Emprendéronse obras coma a
construción de baños e cociñas, reparación de fachadas, drenaxe
de augas, empedrado das rúas e recuperación de espazos verdes,
amais dunha campaña de sensibilización ambiental. Aínda que nun
principio estaba concibido para beneficiar a 17 familias
extremadamente pobres, case a metade encabezadas por mulleres,
finalmente o proxecto puido ampliarse a 21 casas, catro delas
erguidas de raíz.
A través do Fondo
Galego, que destinou 2.000 euros este proxecto, o Concello da Coruña
achegou 20.000 euros, o de Vigo 15.000 e o de Pontevedra 11.000
euros. A iniciativa mellorará cuestións como a incidencia das
enfermidades e a situación das mulleres, que terán máis intimidade
e mesmo poderán emprender pequenos negocios. A actuación encádrase
no Plan Municipal de Igualdade e Equidade de Xénero que tamén fora
apoiado polo Fondo.
Doutra banda, en
Nicaragua actuouse en parcería co Instituto de Promoción Humana
(Inprhu-Somoto) para contribuír ao seu proceso de desenvolvemento
local coa construción de once vivendas. A poboación rural chorotega
de San José de Palmira, na municipalidade de Totogalpa, foi a
beneficiaria desta actuación cofinanciada polo Fondo Galego con
6.190 euros e polo Concello de Vigo, socio da entidade, con 52.000
euros.
Instaláronse
latrinas, cociñas melloradas, paneis solares ou sistemas de
captación de auga da chuvia, pero tamén se fomentaron novos hábitos
hixiénico-sanitarios para reducir doenzas coma o Mal de Chagas. Ao
tempo, formouse as veciñas e veciños en autoconstrución e
agricultura orgánica. Este tipo de actuacións tamén desincentivan
a emigración e fortalecen a organización das comunidades, á vez
que se dinamiza a economía local coa compra de materiais.
O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 93 Concellos e as Deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido 142 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.