Salvaterra de Miño prepárase como cada verán para vivir un intenso mes de agosto de actividades promovidas dende o Concello ao través da Concellería de Cultura que dirixe Marta Valcárcel. A edil comento para Xornal21 os pormenores desta programación.
Cales son as liñas mestras desta programación?
Pois como todos os anos, ofertar unha programación cultural de calidade para todas as idades, con diferentes actividades e festas enfocadas a diferentes gustos e para distintas xeracións.
Debido
á crise houbo que renunciar a algunha actividade?
Dende o Concello non renunciamos a ningunha actividade, o que fixemos foi axustala ou reformulala, pero levamos facendo isto xa dende hai tempo, xa que esta é a única maneira que temos de poder seguir ofrecendo aos nosos veciños e veciñas un mes de agosto cargado de actividades.
A canto ascende o orzamento deste ano?
Como xa dixen antes, levamos varios anos reducindo o presuposto, axustando, para ser máis eficientes e seguir ofrecendo unha programación de calidade ao menor custo posible.
Comeza o 3 de agosto esta programación co Festival Folk...
Festival Folk; Son da Muralla, Actuación Infantil na Praza do Concello, cine ao aire libre, concerto da Camerata Viguesa, Feira de Artesanado, Festa Infatil no Parque, Ciclo de Teatro, Concerto da Banda de Música de Salvaterra, Festival Internacional de Karaoke, Curso de Cata, Actuación Infantil de Maxia na Praza do Concello e Festa do Viño. Unha diversidade de actividades que se desenvolven no mes de agosto entre o Recinto Amurallado, a Praza do Concello e o Parque Público A Canuda.
Haberá tamén unha cita clásica é moi consolidada como é o Son da Muralla, que nos propoñen este ano?
A XI Edición do Son da Muralla, a verdade é que estamos a falar xa dun dos mellores festivais DJ ao aire libre, totalmente consolidado non so na nosa comunidade, senón tamén fora das nosas fronteiras.
Este ano facemos unha aposta clara polos DJ galegos, Dj xa consolidados e outros que empezan pero están pisando moi forte, potenciando así a calidade dos nosos artistas, mesturado 30000w de son e 100000w de luz, gogos e máis de 10.000 mozos e mozas que veñen dispostos a disfrutar do mellor da nosa música, nun enclave máxico como é o recinto amurallado.
Doutro festival temos que falar, neste caso o Internacional de Karaoke...
Un festival onde se dan cita todos os amantes do karaoke da nosa comarca, e fora dela, xa que contamos con participantes asiduos de Portugal, Vigo e incluso doutras provincias da nosa comunidade. O sábado 18 todos poderemos disfrutar dun espectáculo diferente e sobre todo de boa música.
Os nenos terá o seu propio oco na programación con actividades específicas para eles...
Como ben dixen, dende o Concello ofertamos unha programación moi variada, onde teñen oco todas as idades, así os máis pequenos terán actividades específicas para eles, como a Actuación Infantil do Grupo “Os Sete Magnificos+1” na Praza do Concello o martes 7 de agosto, o mércores 8 no Recinto Amurallado poderán disfrutar ao aire libre da película o “Gato con Botas”, o sábado 11 de agosto no Parque Público Festa Infantil con inchables e Festa da Espuma e por último o xoves 23 na Praza do Concello Actuación Infantil de Maxia
A música é outras das apostas que realizan. De qué concertos poderemos disfrutar?
Empezamos o venres 3 de agosto co Festival Folk no Recinto Amurallado, o xoves 9 de agosto teremos un Concerto da Camerata Viguesa no Castelo de Dona Urraca, o venres 17 a Banda de Música de Salvaterra ofrece un espectáculo diferente con “Unha Banda de cine”, onde se interpretaran as mellores Bandas Sonoras do Cine, e dentro da Programación da Festa do Viño o venres 24 de agosto, despois da inauguración poderemos disfrutar da Charanga Trouserghas e a partir das 23.30h, da actuación do Grupo Astarot. O sábado 25 a partir das 19.30 teremos no recinto amurallado a Charanga Os Caramujas e ás 23.30 a actuación musical dos Grupos Folk Xogral e Ardentía, e cerramos o domingo coa actuación do grupo local The Vog e o Grupo Disturbed Fiels.
Compre salientar por outra parte que do 9 ao 12 de agosto celebrarase a II Feira de Artesanato. Qué poderemos atopar na mesma?
Pois diferentes artigos elaborados a man polas máis de 20 mulleres que participan nesta Segunda Feira de Artesanato. Dende alfombras, abelorios, pezas de ganchillo, cadros, diferentes artigos feitos en madeira, fulares, pezas de roupa...
Xa a última fin de semana Salvaterra vai ser o escenario da 53 Festa do Viño do Contado. Qué poderemos disfrutar se nos achegamos estes días?
Como non, o primeiro que vamos a atopar son uns dos mellores caldos do noso país, temos que destacar que os nosos viños estanse consolidando e quedando en posicións moi boas nas catas onde se presentan.
A Festa do Viño do Condado é unha festa que enxalza a calidade dos nosos caldos, que é unha das nosas maiores riquezas e como non, peza fundamental na nosa economía, e así toda a festa xira entorno a eles.
Uns días antes da Festa, dende o Concello organízase un curso de Cata, para todos aqueles que queiran probar e aprender dos nosos viños.
A Festa inaugúrase o venres 24 ás 22.00h, coa apertura da Mostra dos Viños con Denominación de Orixe do Condado, da XXXIII Mostra Filatélica con Selo e MATASELO Especial, Exposición de pintura, cerámica e artesanía; este ano contamos tamén cunha exposición de pintura moi interesante, de Rosario Palacios Orive, que versa sobre o viño e que se titula “Ven a ver vides”. Poderemos disfrutar tamén da música da Banda de Gaitas Pontenova e da Charanga Trouserghas e ás 23.30h do concerto do Grupo Astarot.
O sábado ás 10.00h ábrese a cata a Procura dos Viños Deliciosos do Ano. Pola tarde ás 17.00h realizarase a Travesía a Nado de Monçao a Salvaterra e ás 18.00h, o Descenso de Tarecos polo Río Miño, e xa de volta no Recinto Amurallado música coa Charanga Os Caramujas e ás 23.30h Actuación dos Grupos Folk Xogral e Ardentía.
E cerrando a Festa do Viño e a programación cultural do mes de agosto o domingo 26 de agosto, a partir das 11.00h desfile das Bandas de Gaitas e Grupos Folclóricos. Ás 11.30 Nomeamento dos Novos Confrades da Confraría do Tea, a continuación Declaración dos “Viños Deliciosos” do Ano e ás 12.00h Lectura do Pregón das Festas. Durante todo o día estaremos acompañados das Charangas Apeles e Trouserghas e ás 22.30 concerto dos Grupos The Vog (grupo local) e Disturbed Fiels.
Satisfeita da programación elaborada?
Eu sinceramente creo que estamos a falar dunha das programacións máis completas da zona, e sobre todo dunha programación onde teñen cabida todos, que creo que é moi importante. Pero para que isto sexa posible hai moito traballo detrás, non so para programar senón tamén para montar toda a infraestrutura necesaria, así gustaríame dar as grazas a todos aqueles que durante o mes de agosto co seu traballo fan posible esta programación, que Agosto en Salvaterra sexa unha realidade.