Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Miércoles, 4 de octubre de 2017
GALICIA

Feijóo "Galicia progresa e ten as mans libres para autogobernarse"

Guardar en Mis Noticias.

O presidente do Executivo autonómico recoñeceu que a crise aberta de maneira unilateral por algunhas autoridades catalás non é algo alleo ao debate iniciado esta mañá no Parlamento galego

[Img #35568]

 

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, asegurou hoxe no discurso de apertura do Debate do Estado da Autonomía que seguirá defendendo unha Galicia sen complexos, española, europea e que vive a súa identidade sen imposicións, sen enfrontamentos e sen infravalorar os demais. “Galicia valora a diversidade, aprendeu e aprende doutros pobos, aos que respecta; pero que non nos cambiamos por ningún outro”, dixo, ao que engadiu que, ante os erros doutros, “Galicia quere seguir sendo Galicia e vai seguir sendo Galicia”.

 

Nesta liña, aseverou que “non temos por que imitar ou envexar ou contemplar con complexo o que sucede noutros lugares porque o exemplo está aquí: podemos mirar con orgullo o que fixeron e fan cada día os galegos”.

 

Con estas palabras, o presidente do Executivo autonómico recoñeceu que a crise aberta de maneira unilateral por algunhas autoridades catalás non é algo alleo ao debate iniciado esta mañá no Parlamento galego. E incidiu en que, de consumarse unha ruptura mediante procedementos antidemocráticos, “mediante procedementos golpistas”, o Estado no seu conxunto quedaría danado, a estabilidade viciada, a economía afectada e a nosa Comunidade non estaría á marxe das consecuencias.

 

Diante disto, garantiu que o Executivo autonómico se vai seguir movendo en todo o momento pola legalidade, a moderación e o interese xeral. E, neste punto, instou a contar co apoio unánime da Cámara.

 

Para evitar os efectos perversos, o presidente da Xunta expuxo a necesidade de que dentro das reformas políticas que necesita España, se traballe para blindar as administracións fronte á chantaxe daqueles partidos que non aceptan o papel que lles outorga a democracia, e que actúan pensando que só eles teñen que ser os protagonistas porque o país lles parece secundario.

 

“Defendo manter límites a que un só partido poida decidir o futuro de todos en todos os asuntos, pero evitando tamén que haxa outro –e por riba minoritario- con capacidade para poñer diques que nos impidan a todos avanzar”, abundou, facendo fincapé en que a negociación é enriquecedora, pero a parálise non.

 

 

Unha comunidade que progresa e que ten as mans libres para autogobernarse

 

Feijóo salientou que Galicia progresa, porque hai un goberno responsable que cumpre e que, en consecuencia, ten as mans libres para autogobernarse. “E porque hai un Goberno dedicado a xestionar a realidade”.

 

Así, e a diferenza das dificultades do Goberno de España, a diferenza de tantas comunidades autónomas e a diferenza de tantos concellos e cidades galegas, Galicia volverá ter presuposto o próximo ano. Un 2018 no que a Xunta terá a maior marxe de actuación orzamentaria desde o inicio da crise grazas ao crecemento económico, a un mellor aproveitamento dos fondos europeos, a ser a comunidade que menos aumentou a débeda nos últimos anos e a ser unha comunidade cumpridora.

 

“En suma, máis recursos que terán o seguinte destino: menos impostos, máis axudas para as familias, unha importante ampliación do sistema de atención á dependencia, máis investimentos na Sanidade pública, máis recursos para innovación ou máis medidas para o fomento do emprego”, avanzou.

 

 

Unha comunidade á vangarda de España no que a baixadas de impostos se refire

 

Se ben subliñou que quedan novos retos por alcanzar, Feijóo recoñeceu que grazas ao crecemento de Galicia, hoxe a Xunta ten marxe de actuación para seguir baixando impostos e para seguir mellorando os servizos públicos. Así precisou que desde 2009 os galegos pagaron case 1.000 millóns de euros menos de impostos grazas ás rebaixas fiscais aprobadas ou mantidas durante todos estes anos.

 

Sobre este punto, adiantou que Galicia seguirá estando á vangarda de España no que se refire a baixadas de impostos, trasladando o compromiso de manter e ampliar os incentivos fiscais o próximo ano: manter a exención do Imposto de sucesións para o 99% dos galegos; o IRPF entre os máis reducidos de España para as rendas medias e baixas; o Plan de desgravacións ás familias con fillos e o Plan de impostos cero no rural.

 

[Img #35568]

“E ampliaremos todo isto con catro novas rebaixas fiscais, que permitirán pagar menos impostos- IRPF e Patrimonio- a aquelas persoas que invistan en terras e bens rústicos que se atopen desaproveitados e, deste xeito, dinamicen a actividade no agro. Pagar menos impostos quen invista nunha Sociedade de Xestión Forestal. Pagar menos impostos as persoas que invistan na rehabilitación de inmobles dos cascos históricos ou actividades económicas neles. E por último non pagará Imposto de actos xurídicos documentados quen merque solo industrial das administracións”, anunciou.

 

Feijóo lembrou que pese ás dificultades, o Estado de Benestar segue en pé en Galicia e mesmo en condicións mellores, o que permite agora poder encamiñar a política social non a reconstruír nada, senón a ampliar servizos e infraestruturas con máis intensidade aínda. E aproveitou a súa intervención para recoñecer o principal mérito dos avances acadados nos momentos máis complexos, aos profesionais que garanten día a día a rede de benestar das familias galegas.

 

 

Máis apoio ás familias, máis dependentes atendidos e máis e mellores servizos

Neste senso, reeditou o compromiso de que Galicia sexa o lugar no cal máis se apoia a mulleres e homes que deciden ter fillos. Así o próximo ano ampliarase a Tarxeta Benvida ata que o neno cumpra tres anos naquelas familias con rendas baixas; e aprobarase unha nova bonificación nas taxas das escolas infantís, que será do 25% para o segundo fillo e do 50% para o terceiro e sucesivos.

 

Ademais, os empregados públicos terán á súa disposición unha nova medida de conciliación: un permiso por maternidade aumentado ata as 22 semanas desde as 20 actuais.

 

O presidente da Xunta referiuse tamén a que hoxe hai un 80% máis de prazas de garderías sostidas con fondos públicos; para as nais e pais do rural existen as casas niño e para os que traballan nun polígono industrial, habilitáronse liñas de axudas para abrir garderías nas súas instalacións; manteranse as deducións fiscais para as familias que teñen fillos, que se ampliaran na pasada lexislatura; e impulsouse a creación do distintivo Benvida, familia, que axudará a identificar aqueles establecementos máis axeitados para as familias con cativos.

 

En relación á terceira idade, salientou o inicio dos trámites para construír sete novas residencias de maiores, nas sete grandes cidades galegas, que suporán en total 900 novas prazas. E, para os maiores que están nas súas casas reforzarase a teleasistencia, o alcance do programa Xantar na casa e incorporaranse ao sistema 5.000 novas libranzas.

 

Sobre a atención á dependencia, Feijóo afirmou que a Xunta incrementará os fondos ao máximo das súas posibilidades para cumprir na metade da lexislatura o obxectivo marcado para finais do mandato, pasando de 14.000 dependentes atendidos en 2009 a 60.000 en 2018, catro veces máis.

 

No eido da inclusión social, avanzou un incremento notable o próximo ano das axudas destinadas ao colectivo beneficiario da Risga, para facilitar a súa inserción laboral. E solicitou unha vez máis que os concellos que aínda non se incorporaron ao programa de loita contra os desafiuzamentos o fagan canto antes, para axudar a todas aquelas persoas que o precisen.

 

 

Máis e mellor Sanidade, Educación e Xustiza

 

Sobre o outro gran piar do Estado do Benestar, a Sanidade Pública, Feijóo afirmou que, ao final desta lexislatura, todos os galegos serán atendidos en hospitais públicos máis renovados, máis equipados “e en mellores condicións que cando chegamos ao Goberno en 2009”. E garantiu seguir reforzando as prestacións baixo o paraugas da futura Lei de saúde que ten precisamente esta mellora como principal obxectivo.

 

“Por iso cumprimos coas nais e pais galegos co novo calendario de vacinación Infantil e creamos ademais o Calendario de Vacinación para o Adulto. Ou por iso seguimos preparándonos para as realidades máis recorrentes da Sanidade pública: enfermos crónicos e maiores, enfermos mentais, infancia e maternidade”, abundou, ao que engadiu que Galicia hoxe conta con mellores hospitais públicos e centros de saúde, cunha tecnoloxía sanitaria renovada, máis emprego público e estabilidade, e novos programas de atención a doenzas como o cancro e o ictus.

 

Así mesmo, nesta lexislatura completarase a renovación do mapa de hospitais públicos de Galicia. En Ferrol estase preparando a renovación do hospital Arquitecto Marcide; na Coruña está a piques de abrir o novo bloque cirúrxico; en Santiago ampliarase o Hospital Clínico; en Lugo dotarase o Barrio da Residencia dun novo centro integral de saúde; en Pontevedra desbloqueouse o proxecto do Gran Montecelo, que xa está en marcha; en Vigo, no Álvaro Cunqueiro xa está funcionando un quirófano híbrido pioneiro en España e no Meixoeiro farao antes de final de ano o laboratorio central do Chuvi.

 

En Ourense inaugurouse a ampliación e seguirase coa reforma do vello edificio de hospitalización; xa se iniciou a ampliación do Hospital da Mariña e no Hospital do Salnés están inaugurados o novo servizo de Urxencias, o bloque obstétrico e o bloque cirúrxico e o novo hospital de día estará operativo antes de final de ano.

 

En Verín, melloraranse as urxencias e a área ambulatoria; no Barco de Valdeorras ampliarase o bloque cirúrxico e área ambulatoria; en Cee ampliarase a área de diálise; no Barbanza estase elaborando o proxecto de reforma das urxencias; e en Monforte de Lemos mellorarase a área de ingreso e a ambulatoria.

 

Co obxectivo de que no ensino público se dea a mellor das formacións posibles para os galegos do mañá, o presidente da Xunta destacou a formación plurilingüe, cun curso no que unha vez máis crece o número de centros plurilingües e de seccións bilingües. E, por primeira vez, esta aposta polas linguas estranxeiras amplíase a infantil e ao bacharelato.

 

Igualmente, para facilitar o coñecemento tecnolóxico, introduciuse a Robótica e a Programación no calendario educativo, co obxectivo de que a finais desta lexislatura, todo o alumnado do ensino obrigatorio teña acceso a formación nestas dúas materias. “E, por suposto, continuamos estendendo o libro dixital a máis centros de ensino, puxemos en marcha a adquisición de 20.000 portátiles para os próximos dous anos ou a mellora das conexións á Internet necesarias para empregalos”, engadiu.

 

Ademais do histórico impulso á formación profesional, o titular da Xunta asegurou que o Sistema Universitario Galego é o máis accesible de España, cunhas taxas que se teñen conxelado todos os anos desde 2009. “Galicia é, desde hai anos, a Comunidade Autónoma coas taxas universitarias máis baixas e seguirá a selo. Galicia terá o prezo mínimo na primeira matrícula das materias de graos universitarios”, abundou, facendo fincapé en que de cara ao vindeiro curso, a Comunidade seguirá reforzando o seu sistema de bolsas para que ninguén quede fóra da Universidade por motivos económicos, especialmente aqueles con mellores resultados. E as novas Bolsas de Excelencia Académica recompensarán economicamente o alumnado polo seu esforzo e rendemento.

 

A reactivación da economía galega está a permitir tamén dar un novo impulso á Xustiza. E, ademais de seguir avanzando cara ao papelame cero na Administración xudicial, estenderanse a todas as cidades os servizos de mediación familiar e tamén daranse novos pasos na renovación das infraestruturas.

 

Así, igual que en 2013 se puxo a andar un novo edificio de xulgados en Santiago e no 2015 en Ourense, e igual que neste último ano se puxo á disposición dos coruñeses o seu novo edificio xudicial. En 2018, prevese que estea rematado o novo edificio xudicial de Pontevedra. Obras que tamén serán realidade en Tui, onde o antigo centro de saúde albergará os novos xulgados e a nova Cidade da Xustiza de Vigo recuperará unha icona da cidade como é o antigo Hospital Xeral de Vigo.

 

 

Máis emprego. No camiño de reducir a taxa de paro ao contorno do 10%

 

No eido do emprego, resaltou que este ano os empregados públicos de Galicia xa comezaron a recuperar o seu nivel adquisitivo, cunha suba media dos soldos de 1.400 euros por traballador no último ano. E, a día de hoxe, máis de 8.000 empregados públicos xa contan coas vantaxes da flexibilidade horaria e do teletraballo e, desde o ano 2009, máis de 6.800 víronse beneficiados dos concursos de traslados.

 

Ante estas cifras, subliñou o compromiso de garantir nesta lexislatura o emprego público, e coa maior estabilidade posible, anunciando que ata 2020 levarase a cabo unha oferta pública de emprego case sen precedentes: 14.000 novos postos de traballo que situarán a taxa de temporalidade do emprego público no contorno do 7%, é dicir, en termos de práctica estabilidade.

 

Na mesma liña na cal se levarán a cabo estas iniciativas no ámbito público, Feijóo puxo de manifesto que a Administración autonómica animou aos representantes da patronal a acompañar a recuperación con mellores salarios e mellores condicións.

 

“Mellores salarios porque é xusto que os empregados reciban parte dos réditos que están xerando tamén co seu esforzo. E mellores condicións, a través de facilidades para conciliar e da revisión dos horarios de traballo”, precisou.

 

Sen caer nos erros dun optimismo desmedido, lembrou que o contexto élle a Galicia cada vez máis favorable. Non en van, os últimos datos do paro rexistrado confirman esa tendencia, e hoxe hai: 10.279 persoas desempregadas menos que hai un ano, é dicir, unha baixada do 5,29 %, que supón encadear catro anos consecutivos de caídas nun mes de setembro. Hai 19.373 afiliados máis, case un 2 % máis; e seguen presentando tamén un mellor comportamento colectivos prioritarios como os mozos, as mulleres e os parados de longa duración.

 

“A situación actual, por tanto, permítenos manter o obxectivo que fixamos a este respecto no Plan estratéxico 2015-2020, e que asumín hai un ano no meu discurso de investidura: reducir a taxa de paro ao contorno do 10%”, dixo, ao que engadiu que para contribuír a iso, a Xunta seguirá desenvolvendo a Axenda 20 para o Emprego.

 

Sobre este punto, o presidente autonómico anunciou dúas decisións: unha reforma dos obradoiros de emprego, para que teñan unha vinculación máis real co tecido produtivo das comarcas onde se realizan. E o inicio, nos próximos meses dunha reforma do Servizo Público de Emprego, tanto para reforzar o número de orientadores como para revisar os métodos, a prol de lograr unha maior eficacia.

 

Así mesmo, referiuse tamén aos compromisos cumpridos cos autónomos, recordando que a estratexia de apoio a este colectivo xa está en marcha para que esta sexa a comunidade coas maiores facilidades para ser autónomo grazas a medidas como: a ampliación da tarifa plana de 50 euros; a creación do Bono Autónomo de ata 3.000 euros; ou a ampliación en 6 semanas adicionais da bonificación para conciliar polo nacemento dun fillo, que se abre tamén aos pais.

 

Tendo en conta que de aquí a 2030 a economía española incrementará en dous millóns os postos de traballo vinculados á automatización e á dixitalización, o titular da Xunta incidiu en que Galicia non pode quedar atrás neste reto. Para iso, avogou por seguir traballando no eido da formación profesional, co impulso do primeiro campus dedicado exclusivamente á FP en Galicia, no cal varios centros punteiros de formación profesional compartirán un espazo onde se fomentará a innovación e o nacemento de novas empresas.

 

No campo da universidade, e ademais do traballo xa iniciado para trazar un novo mapa de titulacións, adaptado ás demandas profesionais e á especialización dos campus, anunciou a elaboración do Programa de excelencia universitaria, que incluirá, por exemplo, graos en inglés por primeira vez, bolsas para os alumnos con maior rendemento, ou accións para mellorar a posición das universidades galegas nas clasificacións internacionais. E, como terceiro piar destacou o compromiso de desenvolver un Plan de adaptación dos perfís profesionais á nova industria; é dicir, aumentar a súa capacitación en materias como a industria 4.0 e a innovación.

 

 

Sectores produtivos máis fortes, máis innovación e internacionalización


Ao longo da súa intervención, Feijóo insistiu en que o progreso e o benestar dos galegos seguen a ser os principais cometidos do seu Goberno referíndose ao compromiso de que esta sexa a lexislatura dos sectores primarios, a que cada vez máis emprendedores se embarquen na innovación e a que Galicia siga ampliando a súa presenza e influencia no ámbito internacional.

 

Se no primeiro ano desta lexislatura se reforzou a aposta por transformar e comercializar os produtos galegos coa calidade como marca, a través do Plan de conserva horizonte 20/20 recentemente aprobado, e co compromiso de facelo tamén no sector do conxelado; con novas indicacións xeográficas protexidas como Vaca e Boi de Galicia ou Pan galego; coa promoción de marcas de calidade consolidadas como PescaDeRías ou leite de Galega 100%; ou co apoio ás exportacións do sector vitivinícola, que medraron un 68,5% nas últimas cinco campañas. Feijóo confirmou que a Administración autonómica xa está a deseñar o Plan de promoción da calidade agroalimentaria, para que Galicia siga na vangarda dos produtos de excelencia, con máis IXP, máis produtores e máis industrias implicadas, e máis instrumentos para loitar contra a competencia desleal neste ámbito.

 

E como segundo instrumento, o Plan estratéxico de produción ecolóxica, un sector de grande importancia para Galicia, con posibilidades de crecemento, cunha notable presenza de mulleres e mocidade, e que precisa dun impulso normativo, económico e fiscal.

 

En relación ao sector do mar, Feijóo afirmou que o primeiro ano de goberno resultou moi frutífero para que hoxe, por exemplo, dispoña de máis recursos, máis cotas para a nosa flota, máis zonas de marisqueo, máis posibilidades de desenvolvemento do litoral. “E avanzo que se sumará tamén unha maior simplificación das normas para facer máis sinxela a súa consulta e aplicación”.

 

Con todo, o presidente da Xunta aseverou que os retos máis relevantes do sector do mar que se afrontan neste tempo, e que aínda non se pecharon, se resolverán no ámbito europeo. Así referiuse á eliminación da normativa dos descartes e ao impacto do brexit.

 

“En ambos os dous estamos traballando: da man do sector, e espero que tamén co apoio de todos os grupos parlamentarios. Apoiándonos nos expertos e buscando aliados que contribúan á defensa dos nosos intereses”, dixo, insistindo en que ante o brexit, “procuraremos que Galicia estea máis presente que nunca en Europa”.

 

Coa finalidade de seguir facilitando novas oportunidades no agro, o Executivo autonómico perseverará nas tres liñas de actuación trazadas nos últimos anos. Primeiro, insistir no obxectivo dun medio rural con servizos semellantes aos que xa hai nos ámbitos urbanos: coa posta en marcha dun Plan de camiños rurais, que xa permitiu melloras en 1.800 quilómetros de 295 concellos e apoiando a instalación de conexións tecnolóxicas de ata 350 megas para as empresas situadas en zonas illadas.

 

En segundo lugar, perseverar na mellor organización da terra, co compromiso de que nesta lexislatura se dea o maior impulso á reestruturación parcelaria, coa finalidade de que todos os procesos de concentración abertos estean pechados administrativamente en 2020: 130 procesos, sobre 116.000 hectáreas e con 92.000 propietarios beneficiados.

 

Igualmente, mantense o obxectivo de que o proceso de ordenación se estenda ao ámbito forestal: apostando polas agrupacións de propietarios para a xestión conxunta dos montes; mellorando os equipamentos das zonas de pastoreo extensivo das provincias de Pontevedra e Ourense; e, tamén, completando a revisión do Plan forestal, que xa se iniciou neste primeiro ano co ánimo de fixar obxectivos claros dos aproveitamentos dos montes para as dúas ou tres décadas próximas.

 

Mellores servizos, mellor organización e, sobre todo, as maiores facilidades para vivir no rural e do rural. Ao respecto, Feijóo fixo fincapé en que por terceiro ano consecutivo, quen aposte polo rural pagará menos impostos, coa aprobación dunha nova redución fiscal para aqueles que xeren algunha actividade económica no rural e tamén para os investimentos ligados ás Sociedades de Xestión Forestal.

 

Por outra banda, a Xunta afondará con máis intensidade no camiño da innovación, cun presuposto que será un dos que máis se incremente dentro da Consellería de Economía.

 

Así, neste último ano, ao abeiro da Estratexia de especialización intelixente RIS3, afondouse nas tres liñas de actuación xa coñecidas. A primeira, potenciar Galicia como unha das sedes de I+D+i. Así, o programa de Unidades Mixtas de Innovación atraeu xa 24 grandes empresas, que están a colaborar cos nosos centros do coñecemento para impulsar proxectos de vangarda, sermos máis competitivos e xerar empregos cualificados; e sectores como o enerxético, o alimentario, o naval, a automoción e o biosanitario son algúns dos beneficiados.

 

A segunda gran liña de actuación é fomentar a innovación nas empresas. E, ademais de redobrar a aposta pola Axenda Industria 4.0, coa renovación das convocatorias xa en funcionamento, reforzarase a Rede de Aceleradoras; cun programa de aceleración de proxectos aeroespaciais en Lugo; e coa posta á disposición de novos mecanismos de financiamento neste ámbito, como o Programa dos instrumentos financeiros innovadores, que se aprobará esta semana cun investimento inicial de 60 millóns para os emprendedores que se animen a modernizar os seus procesos.

 

A terceira liña da nosa aposta pola innovación é o talento. Galicia manterá abertas varias liñas de apoio para que os investigadores queden ou volvan á Comunidade a exercer a súa carreira, ao tempo que se seguirá completando a especialización das universidades.

 

“Seguimos comprometidos co liderado que exercen o Campus do Mar en Vigo e o Campus Vida de Santiago, de excelencia internacional. Fortalecerémolos: no caso do Campus do Mar, a través dos edificios do Berbés e da ETEA; e, no Campus Vida, cunha nova Facultade de Medicina e Enfermería referente para toda Galicia”, afirmou, engadindo que Galicia foi pioneira á hora de apostar pola especialización dos campus non centrais - o Campus Terra de Lugo, o Campus Auga de Ourense e o Campus Industrial de Ferrol-. “E seguiremos por este camiño, por exemplo, co Campus Innova e Campus da Sustentabilidade da Coruña, ou co Campus Crea de Pontevedra”.

 

Ademais de destinar máis recursos ás infraestruturas enerxéticas, continuar co desenvolvemento do concurso eólico e a Estratexia da biomasa, Feijóo referiuse ao Plan de gasificación de Galicia, que segue o seu rumbo para que a finais de lexislatura o 82% dos cidadáns e das empresas conten con acceso a gas natural. Neste eido anunciou que tamén se desenvolverán traballos para introducir o gas natural no transporte pesado de mercancías por estrada.

 

O apoio aos sectores primarios e á innovación súmase á internacionalización, onde os datos proban que Galicia ten xa camiño andado. Non en van, a cifras dos primeiros sete meses, en que as exportacións medraron nun 9,3%, animan a pensar que en 2017 a Comunidade volverá moverse en resultados récord.

 

Consciente de que Galicia debe reforzar a súa posición, fundamentalmente pola competencia que exerce a nosa contorna, sobre todo o norte de Portugal, nas últimas semanas o Parlamento deu luz verde á tramitación dunha lei que terá unha importancia capital: a Lei de implantación empresarial, “un texto que nace coa vocación de non igualarnos rebaixando os salarios, porque non queremos que Galicia se converta nun país de baixo custo”.

 

De feito, ademais da maior aposta feita nunca pola Xunta para eliminar trabas administrativas e desenvolver polígonos á carta que se axeiten ás necesidades das empresas e non ao revés, a norma incluirá tamén incentivos aos municipios que reduzan os impostos no seu termo municipal (como o Imposto sobre bens inmobles, o Imposto sobre actividades económicas, o Imposto sobre construcións, instalacións e obras ou taxas de apertura).

 

“Temos que facer un esforzo conxunto tanto desde a fiscalidade dos tributos autonómicos como desde a fiscalidade local”, sentenciou, subliñando que a Xunta segue aberta a intentar lograr unha Lei de implantación empresarial de consenso a todos os niveis. “Con ese ánimo traballamos cos concellos, cos axentes sociais e tamén cos grupos parlamentarios nos últimos días”.

 



Dous grandes fitos para os vindeiros anos: Xacobeo 2021 e AVE

 


O responsable do Executivo autonómico sostivo que hai dous fitos que nos convocan para os próximos anos, que terán unha grande incidencia para Galicia e que, por tanto, se deben abordar tamén conxunta e convenientemente: o próximo Ano Santo Xacobeo e a culminación dos treitos pendentes da alta velocidade ferroviaria.

 

Ao respecto do Xacobeo 2021, Feijóo afirmou que se está a falar dun dos grandes retos desta lexislatura. “O próximo Ano Santo chega no mellor contexto, tanto pola evolución económica xeral como polo crecemento do turismo galego”, sostivo, incidindo en que o Xacobeo 2021 debe ser o escaparate da Galicia que somos: organizada, preparada, coidadosa, innovadora, dinámica e acolledora.



Con esta meta, recordou a posta a punto dos Camiños de Santiago, a través das actuacións previstas no Plan director, así como traballando na conservación dos bens de interese cultural do Camiño e na rehabilitación da súa meta: a Catedral de Santiago.

 

No eido da promoción, desenvolveranse programas como O son do Camiño, que se celebrará xa o próximo ano e porase en marcha a Comisión interdepartamental para a preparación do Xacobeo.

 

Ademais da Estratexia de turismo, o Goberno galego seguirá impulsando o aproveitamento da riqueza termal e promoverá activamente a riqueza natural. “Por iso, pido o apoio de todos os grupos para lograr que as Cíes-Illas Atlánticas e a Ribeira Sacra sexan declaradas Patrimonio da Humanidade”, transmitiu.

 

Sobre o segundo gran fito, o remate da alta velocidade, Feijóo dixo que esta debe ser a lexislatura na que se complete o AVE a Galicia, co obxectivo de que o AVE á meseta funcione en probas no ano 19, e que se siga avanzando nas conexións internas comprometidas (AVE a Lugo, AVE Ourense-Vigo, variante de Ourense e mellora da conexión a Ferrol).

 

Ademais precisou que a entrada do AVE coincide con outros pasos importantes en materia de mobilidade: o impulso ás estacións intermodais, que levan prazos moi paralelos á alta velocidade. Aínda que na Coruña os esforzos por impulsala estanse a ver obstruídos polos continuos cambios de criterio por parte do Concello, nas cidades de Vigo, Santiago de Compostela e Ourense a tramitación xa está moi avanzada. E xa se está a traballar nas intermodais de Pontevedra e Ferrol.

 

Indirectamente, tamén inflúen outras melloras en mobilidade: ademais do Plan de transporte metropolitano que xa funciona totalmente en Santiago, A Coruña, Lugo e Ferrol, e na área de Vigo salvo no seu principal concello; engádese a gratuidade do transporte público metropolitano para os menores de 19 anos nas liñas que dependen da Xunta. Sobre esta medida, o titular autonómico reiterou a súa petición de que se estenda tamén ás liñas dos concellos. Por último, referiuse á que neste ano se comezou coa reforma do transporte público, que xa se traduciu en aforros para os galegos de ata o 80% no importe do billete.

 

 

Unha Galicia máis e mellor comunicada

 

Igualmente, tamén se continuará a traballar na rede galega de autoestradas. Insistindo na seguridade, coa actuación en todos os tramos de concentración de accidentes de Galicia para reducir a sinistralidade e cun esforzo especial para protexer os ciclistas.

 

Tamén con novas estradas. Desde 2009, Galicia dispón dun 66% máis de quilómetros de vías de alta capacidade; o 80% dos galegos viven xa a menos de 15 minutos dunha delas, e para chegar ao 100%, estase avanzando en treitos relevantes como: “A Autovía do Morrazo, cuxos dous primeiros treitos entrarán en servizo na primeira metade do ano que vén e na que xa se iniciaron as obras do terceiro; a Autovía da Costa da Morte, onde estamos xa redactando o proxecto da prolongación ata Vimianzo; a continuación da Autovía Santiago- A Estrada, para o que este mesmo ano iniciaremos as expropiacións; a Vía da Costa Norte, onde este mesmo ano puxemos en servizo o treito Celeiro-San Cibrao e onde tamén se traballou nun novo deseño para a Variante de Viveiro; a conversión en autovía da VAP Nadela-Sarria, redactando xa o proxecto para o treito Pobra de San Xiao – Sarria; ou a conexión entre San Cibrao das Viñas e a A-52, que se licitará neste mesmo ano”.

 

“Demandaremos avances a Fomento para rematar as autovías importantes como Santiago-Lugo, na cal xa se impulsaron os dous últimos treitos que permitirán completala, ou a circunvalación de Pontevedra e a Autovía Lugo-Ourense, ademais de impulsar eixes tan necesarios como o Corredor da Mariña”.

 

Con respecto á AP-9, Feijóo recordou que a posición conxunta permitiu que Galicia aforrase 400 millóns de euros e animou a seguir nesta senda para avanzar no traspaso da autoestrada.

 

 

Un crecemento sustentable: progreso e medio ambiente

 

O presidente da Xunta afirmou que a folla de ruta exposta hoxe demostra que en Galicia se está trazando un camiño de máis progreso e maior benestar. E referiuse tamén a algún dos retos do futuro, como é afrontar as consecuencias da evolución demográfica; un problema que non é exclusivo de Galicia e que xa se está incorporando ás axendas tanto a nivel nacional como europeo.

 

Así mesmo, destacou a necesidade de ter un modelo económico máis sustentable, porque protexer a nosa paisaxe e ordenar mellor o noso territorio significa protexer tamén a nosa identidade.


Ao respecto, falou de consolidar unha nova cultura ambiental, co fin de que Galicia contribúa a mitigar o cambio climático: reducindo as emisións de acordo co previsto na Estratexia de cambio climático e co que recollerá a futura Estratexia da economía circular.

 

Ademais, o traballo polo medio ambiente tamén dará froitos a curto prazo, grazas a iniciativas como a futura Lei de residuos ou a ampliación de Sogama.

 

Para garantir un crecemento sustentable, a Galicia das vindeiras décadas terá un territorio mellor organizado, coa Lei do solo e o seu desenvolvemento normativo, e seguirase avanzando coa futura Lei de ordenación do territorio. E o Plan Básico Autonómico, que se presentará no primeiro semestre de 2018, servirá como punto de apoio para que os concellos pequenos tamén poidan dispoñer dun planeamento urbanístico.

 

Asegurarase tamén que en Galicia non se constrúa ás costas de degradar a paisaxe, con ferramentas como as Directrices da paisaxe, a Guía de cores e materiais ou a Lei de patrimonio natural, que xa está en tramitación.

 

“O crecemento económico e urbanístico debe ser compatible co respecto ao ambiente”, dixo, recordando que, entre 2016 e 2017, impulsáronse unhas 100 obras de saneamento nos concellos galegos, algunhas tan importantes como o saneamento da enseada da Malata, en Ferrol, ou a finalización das obras nas Edar de Vigo e Ourense. Ademais, o novo Plan director de ríos de Galicia guiará a xestión da nosa rica rede fluvial.

 

Feijóo aseverou que avanzar na ordenación dos recursos hídricos permitirá perfeccionar a resposta ante situacións como a seca que se decretou o luns en seis zonas de Galicia.



A este respecto, aproveitou a súa intervención para trasladar unha mensaxe de confianza xa que polo momento a subministración está garantida, pero tamén a súa preocupación porque, se non hai choivas nos próximos meses, a Comunidade podería entrar nunha situación crítica.

 

Comprometida con esta situación, a Xunta dará axudas para todas as infraestruturas que permitan a subministración de auga ás explotacións; reforzará axudas para o refinanciamento de pasivos ou apoio a circulante e anticipará as axudas da PAC antes do 1 de decembro.

 

No que atinxe a outros asuntos, o responsable do Goberno galego referiuse tamén aos avances na creación da Memoria Dixital de Galicia, “que dixitalizará documentos clave da nosa Historia para poñelos á disposición da sociedade”; á elaboración da Estratexia de cultura “para que, coa boa nova da redución do IVE cultural, reforcemos a súa posición dentro e fóra de Galicia”; ou a posta en marcha do Plan de dinamización lingüística entre a mocidade, para conseguir que, ademais de coñecelo máis que nunca, tamén empreguen o galego con máis intensidade. Así mesmo, subliñou que o I Plan de conciliación e corresponsabilidade se aprobará por primeira vez en Galicia nesta lexislatura.

 

 

Novo modelo de financiamento

 

O presidente da Xunta transmitiu tamén a necesidade de abordar o debate aberto sobre o novo modelo de financiamento autonómico, apostando por un sistema viable, sustentable e global, no cal se recolla o custo efectivo dos servizos, por diante da capacidade fiscal de cada comunidade.

 

“Non pedimos máis que ninguén nin máis ás costas de ninguén. Pedimos igualdade”, sentenciou, incidindo en que Galicia non está nin estará ausente nin muda nos debates territoriais, igual que nin estivo nin estará inmóbil ante a realidade económica.

 

Feijóo concluíu a súa intervención facendo fincapé en que ser construtivos é a única política posible para os que, respectando as lexítimas posturas de cada partido, “estamos aquí para servir á nosa xente”.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados