Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 11 de octubre de 2017
PROVINCIA

Carmela Silva presenta o segundo encontro provincial pola inclusión

Guardar en Mis Noticias.

A presidenta mostrouse satisfeita da excelente acollida do evento, que leva como lema “Madeixa de igualdade”, xa que en 24 horas case completáronse as inscricións para a xornada técnica e a de convivencia.

[Img #35730]

 

A presidenta da Deputación, Carmela Silva, presentou este martes o segundo encontro provincial pola inclusión, que terá lugar en Pontevedra os próximos días 18 e 19 de outubro. A segunda edición deste evento chega, segundo a presidenta, “co obxectivo de converter a Pontevedra nunha provincia máis inclusiva, obxectivo que comparte o noso goberno.”

 

Respecto ao primeiro encontro, que tivo lugar en decembro de 2016, a principal novidade é que este ano haberá dúas xornadas, comprendendo unha serie de conferencias e mesas de traballo técnicas, no primeiro día, e outras actividades lúdico-sociais, no segundo.

 

A xornada técnica vai dirixida a traballadoras e traballadores sociais, educadoras e educadores sociais, persoal técnico das entidades de iniciativa social e sociosanitaria, persoal técnico das áreas de mobilidade, urbanismo e obras dos concellos, profesionais de entidades relacionadas, profesionais do ámbito dos recursos humanos, da xestión de persoas e do desenvolvemento persoal e profesional, orientadoras e orientadores laborais e persoas con interese en estratexias de inclusión, sensibilización e diversidade. Mentres, a xornada de convivencia vai dirixida a persoas relacionadas con organizacións e entidades que desenvolvan o seu labor no ámbito da inclusión e da igualdade, familias e público xeral.

 

En relación á programación, Carmela Silva explicou que “combinamos intervencións dinámicas, exposicións e actuacións a través das cales abordaremos as distintas cuestións relacionadas coas persoas con diversidade funcional, xerando un espazo onde expoñer boas prácticas dun xeito creativo. En concreto, abordaranse cuestións relativas ao emprendemento, á integración laboral e social, á situación da muller e á accesibilidade universal.”

 

Silva agradeceu o esforzo e a colaboración dos representantes de asociacións, profesionais e expertos que van a intervir nas xornadas. Participarán, amais, asociacións como COGAMI, Fundación ONCE, AMENCER-ASPACE, Fundación Juan XIII, Down Galicia, FEAFES, Asociación AGAELA, ASEII, AFGA Alzheimer, Asociación XARUMA,  Asociación Alba, Centro Juan María, Asociación San Xerome, Asociación TDH Salnés ou o Centro Méndez Núñez. E expertos como o profesor de psicoloxía da Universidade de Vigo Joaquín Dosil, Nacho Virel (técnico de SmartPeme), o exdeportista Pablo Cimadevila e Antonio Jiménez Lara, sociólogo especializado en necesidades sociais e discapacidade.

 

Ata o momento, e despois de só 24 horas dende que a Deputación de Pontevedra comezou a promocionar o encontro, xa foron recibidas 82 solicitudes de inscrición para a xornada técnica, dun total de 100 prazas dispoñibles, e 232 para a xornada de convivencia, para a cal se ofertan 250 prazas.

 

Na súa intervención, Carmela Silva subliñou a importancia de iniciativas como este encontro “porque creemos nunha sociedade co igualdade de oportunidades e porque na provincia de Pontevedra hai preto de 50.000 persoas con algún tipo de diversidade funcional recoñecida, unhas cifras que ascenden a arredor de 125.000 en Galicia e un total de 3 millóns en España.” Para terminar, a presidenta da Deputación de Pontevedra quixo “poñer en valor que a maioría das poñentes son mulleres. Gústanos ver rostros femininos nestas mesas, cousa tan pouco habitual.”

 

Para as últimas prazas, as persoas interesadas en participar neste segundo encontro provincial pola inclusión deben anotarse a través de www.depo.es.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados