Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
A.B.F Veciña do Val Miñor
Miércoles, 18 de octubre de 2017
OPINIÓN

A carraxe na concentración

Guardar en Mis Noticias.

Onte,en moitas vilas en cidades galegas, tamén fóra de Galicia, organizáronse concentracións para berrar,tristemente de novo: “Lume nunca máis!”

 

Eu asistín a unha, aquí no Val Miñor onde vivo, finalmente decidín ir pola gana de compartir a indignación e a tristura, pero tamén cunha grande dose de desalento e desconformidade con todo o institucional, incluso coa propia convocatoria. Igual o resentimento deume por desconfiar de case todo.

 

Houbo xente. Bastante. Lectura de manifesto. Coreáronse as consignas sinaladas. Creo que con pouca intensidade, non sei se porque, o caso é que tampouco eu me animei demasiado a pesar do enfado e da pena que levaba comigo.

 

Ao remate a xente non marchaba, xurdiron pequenos fatos de xente afín, veciñanza, grupos políticos, asociacións, intelectuais, uns grupos máis diversos, outros máis endogámicos... Nestas pequenas localidades todo o mundo se coñece.

 

Eu tamén formaba parte dun ,neste caso de amizades, escoitabamos coa alma apertada o relato dunha parella veciña e compañeira de proxectos que vive en Chan de Brito, onde o lume “acabou con todo”, xente que decidiu vivir de xeito coherente do campo, cultivando con coidado e respecto a terra que herdaron, producindo alimentos saudables que son tamén a súa fonte de vida e que moitas consumimos agradecidas, formando no campo a súa familia, participando así no cambio do seu entorno social, cultural e económico na procura doutro xeito de vida e doutro mundo posible, defendendo ademais a súa dignidade e a de toda a xente do campo fronte ao gran negocio da agricultura industrial.

 

O seu relato estaba a causarnos unha fonda impresión, o incendio desolara o lugar, a penosa actuación da policía botando polas bravas fóra das casas á xente, a morte das dúas mulleres anciás que a consecuencia do desaloxo tiveron que marchar acompañadas por unha veciña que as levou na furgoneta, con toda a súa boa vontade, e da que xa non puideron saír para fuxir das lapas, quedaron no camiño, unha delas era a súa tía avoa. Faláronnos da xente que non quería deixar morrer aos seus animais e era obrigada a abandonar os eidos, do trato que recibiron, como se a xente do pobo non soubera ben onde están os límites e o perigo,non coñecera o seu entorno e non foran libres de escoller, como se foran nenos sen poder de decisión para salvar as súas casas...Faláronnos tamén da perda  das súas froiteiras, que comezaban xa a producir este ano, dos campos arrasados cultivados con tanto esforzo, do pasto para as cabras, queimado, da loita cos “mandos” para poder salvar o seu invernadoiro, do que comen e do que viven...

 

Compartindo toda aquela pena e sentindo con eles a súa agonía levantei a cabeza e vin aos dous grupos que tiña en fronte, chamoume a atención porque naquel mesmo intre estábanse rindo a gargalladas. Eran maiormente xente da política local ou aspirantes a selo, incluso nun deles mesturábanse xentes de ideas opostas “fora da concentración” pero diplomaticamente xuntas neste momento. Tamén había quen se felicitaba polo éxito da convocatoria, naquel momento amosábanse contentos, satisfeitos e felices...

 

Aquel contraste, tan próximo no espazo, de fonda tristura nun lado e risa soada no outro, no mesmo momento, encheume da carraxe, de xenreira. Desbordábanme as ganas de berrarlles ben forte calquera cousa. Non me parecía xusto. Deume a impresión de que estaban no remate dunha función teatral. Igual non estou sendo xusta eu agora, pero foi o que sentín.

 

Pensei que o único que tería merecido ser escoitado pola megafonía naquela concentración era o relato da desfeita de Chan de Brito, nada máis, e seguro que de ter sido así o final da mesma sería ben outro, de certo máis contido e silencioso.

 

 


A.B.F Veciña do Val Miñor

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados