Lunes, 6 de agosto de 2012
mos

Os alumnos do AFD de programación inician o curso estreando os novos equipos informáticos do CDIT no CDL

Guardar en Mis Noticias. Enviar por email
Redacción / Xornal21.es

Trátase de material de última xeneración coa que os participantes nesta acción formativa practicarán na aula CAD ata o vindeiro mes de novembro

[Img #4525]O concelleiro de Formación e Emprego, Óscar Soto, presentaba o pasado xoves no CDL o curso AFD de Programador de Sistemas Informáticos que precisamente daba comenzo no día de onte. O orzamento co que conta o curso de Programación de Sistemas Informáticos ascende a preto de 92.000 euros, e os alumnos participantes no mesmo, que se formarán na aula CAD do Centro de Desenvolvemento Local mosesense, estrean os novos equipos informáticos de última xeración recentemente instalados como equipamento do CDIT, cuia empresa proveedora foi aprobada en Xunta Local de Goberno o pasado martes.


Neste sentido Soto reiteraba, a aposta deste Concello polas novas tecnoloxías coa posta en marcha do proxecto CDIT_Mos de renovación tecnolóxica do CDL.


Paso previo ó proxecto do Centro de Dinamización Tecnolóxica, CDIT, no CDL de Mos foi a adhesión á rede CEMIT aprobada no Pleno da Corporación Municipal do pasado mes de maio. Esta rede forma parte da Axenda Dixital 2014.gal enmarcada no Plan Extratéxico Galicia 2010-14, que ten como fin acadar a converxencia con Europa no horizonte do ano 2020. O Centro de Dinamización Tecnolóxica, que estará ó abeiro da axuda do programa Leader Galicia 2007-2013, prevese que estará totalmente rematado e listo para a súa posta en marcha a finais do vindeiro mes de agosto. O CDIT_Mos vai dirixido á poboación e ao tecido empresarial en particular, para que dispoñan de tódolos medios informáticos, electrónicos e multimedia necesarios para mellorar a súa calidade de vida, o acceso ao mercado de traballo no caso da poboación desempregada, a mellora da ocupabilidade, tanto de activos como de parados, a mellora e incremento da competitividade e do acceso ás novas tecnoloxías por parte de Pemes e de empresarios individuais. “En definitiva, o que queremos é que os nosos veciños estean á vangarda do progreso e que sexan cidadáns de primeira”, explicou sobre este proxecto o concelleiro responsable, Óscar Soto. O CDIT busca impulsar as TIC e a sociedade da información na comunidade mosense.


Voltando á presentación do curso AFD de Programador de Sistemas Informáticos, engadir que se trata dunha acción formativa de 608 horas de duración. Na actualidade, as novas tecnoloxías ábrense coma canles de información e ensinanza que se fan imprescindibles para a actuación social. Así mesmo, a carencia de perfís profesionáis relacionados coas novas tecnoloxías, provocan a dificultade das empresas tecnolóxicas para cubrir os postos que necesitan nas mesmas. Fáise necesaria unha mellora na capacitación profesional daquelas persoas que reúnen un perfil adecuado para ocupar postos deste tipo.


O Concello de Mos, na súa aposta pola incorporación da poboación ás novas tecnoloxías e a mellora da empregabilidade dos e das demandantes activos de emprego, en profesións con proxección de futuro, ofrece este curso, que se desenvolverá ata o 28 de novembro do presente ano 2012.


Esta acción formativa está financiada pola consellería de Traballo e Benestar, e o Fondo Social Europeo. Con este novo curso AFD o Concello de Mos en xeral e a concellería de Formación e Emprego mosense en particular volven demostrar unha vez máis a súa aposta decidida pola renovación tecnolóxica que se suma a outras iniciativas coma o anteriormente mencionado proxecto do CDIT_Mos ou a adhesión ó Programa de Voluntariado Dixital.


A adhesión a este programa, aprobada tamén no Pleno do pasado mes de maio, supón un custe cero para o Concello e constitúe un complemento adecuado ao Centro de Dinamización e Innovación Tecnolóxica (CDIT_MOS) do Concello e da Rede CEMIT.


O programa, tal e como explica Soto, ten como misión incorporar as novas tecnoloxías á vida cotiá de todos mediante a colaboración e compromiso das persoas voluntarias, co obxetivo de movilizar á poboación mosense cara a unha sociedade da información e o coñecemento.


Os obxetivos do programa son: promover a innovación na xestión, potenciar o uso das novas tecnoloxías por parte da cidadanía, apoiar e consolidar ó sector terciario posibilitando a súa autonomía, participación, colaboración e mellora na súa xestión diaria, fomentar a responsabilidade da propia sociedade civil a través da dedicación voluntaria de tempos e capacidades xa sexa a nivel individual ou a través da responsabilidade social empresarial (RSE) por parte do sector privado e outras entidades e organización de calquera ámbito na nosa comunidade; promover a eficiencia e cooperación, contribuir a xerar e difundir a marca voluntariado e novas tecnoloxías como unha marca que canalice as diferentes accións solidarias na nosa comunidade, que inciden directamente na movilización da cidadanía de cara á sociedade da información e o coñecemento.


Asimesmo os beneficios que reportará esta adhesión serían tomar contacto co mundo da tecnoloxía, actualizar as súas capacidades, xa que tanto a organización como os seus beneficiarios poden solicitar apoios dixitais, beneficiarse dos recursos que o Programa de Voluntariado Dixital adica á captación de voluntarios, e á súa posterior formación e seguemento, beneficiarse da carta de servizos que se desenvolva no marco do proxecto, difundir o seu labor e intercambiar boas prácticas a través de redes distintas usando os mecanismos de comunicación do Programa de Voluntariado Dixital, vincular a imaxe da organización ó Programa de Voluntariado Dixital aparecendo como entidade adherida en determinados materiais de difusión do proxecto, e estar ó día de forma periódica sobre as actividades que se organizan no marco do proxecto.


Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2013 • Todos los derechos reservados