Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Lunes, 30 de octubre de 2017
PROVINCIA

O té galego volve á 'Etiqueta Negra'

Guardar en Mis Noticias.

Os obradoiros realizados na tetería da Deputación completaron prazas e tiveron lista de agarda nas tres xornadas que hoxe finalizan

[Img #36306]

 

A Deputación, a través da Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA), volveu organizar cinco obradoiros sobre o té galego no marco da feira gourmet Etiqueta Negra, que se celebraron do 28 ao 30 de outubro no Recinto Feiral de Pontevedra. Trátase de obradoiros onde dúas sumillers de té impartiron sesións comentadas para que as persoas participantes poidesen coñecer os diferentes tipos de té, a súa procedencia, as propiedades e a forma correcta de preparalo. De xeito específico estas sesións tivo como eixe central o té producido en Galiza e en cada sesión degustouse té procedente da Estación Fitopatolóxica Areeiro e outro procedente da primeira colleita de Orballo, empresa galega produtora e comercializadora de produtos ecolóxicos, entre os que destacaron o té e as plantas aromáticas. Para participar nestas sesións establecíase un máximo de 20 participantes.

 

"Este ano as sesións estaban centradas, máis aínda se cabe, no té galego, tanto como produto de consumo como de posibilidade real de cultivo, posto que xa temos experiencias tanxibles de té producido no noso país, e en Etiqueta Negra tivemos a oportunidade de degustalo e de coñecer de primeira man todo o proceso de cultivo e de preparación" aseguraba a deputada delegada da EFA, Eva Vilaverde. A deputada tamén insistía en que "aínda que o té segue a ser un produto relativamente descoñecido no noso país, na pasada edición constatamos que espertou un grande interese entre o público que acudiu á feira e tamén entre profesionais da hostalaría, que buscan novas receitas e maridaxes a partir de produtos galegos e de calidade, e no té están atopando un gran nicho de posibilidades".

 

O té galego

 

Hai que lembrar que o té se prepara, só e exclusivamente, a partir de follas novas e gromos secos dun arbusto perenne da especie Camellia sinensis. Un xénero que habitualmente se pode atopar nos xardíns galegos como planta ornamental, posto que se adapta a multitude de usos como arbusto, como sebe ou simplemente como planta de testo para terrazas. Pero a Camellia sinensis tamén pode ser cultivada de forma intensiva para a produción de té para o consumo familiar ou para a venda. Así, algunhas emprendedoras e emprendedores xa están traballando na elaboración de produtos derivados deste cultivo e orientados ao mercado, como poden ser os xabóns e cremas realizados a partir da camelia, o aceite para uso cosmético e culinario, ou, por suposto, o té.

 

Na investigación e asesoramento sobre os usos produtivos da camelia ten un papel determinante a Estación Fitopatolóxica Areeiro, que hoxe en día conta con máis de 5 hectáreas dedicadas ao cultivo de diferentes especies froiteiras e ornamentais, entre as que destaca unha importante colección de camelias con máis de 40 especies e 700 cultivares. O equipo de investigación da EFA realizou estudos sobre o comportamento das especies de camelia xa establecidas en Galiza, e conta cunha plantación experimental de té de Camellia sinensis utilizada para analizar o comportamento e a adaptación desta especie. Actualmente, nas instalacións do centro tamén se procede ao procesado e á manufactura do té cultivado.

 

Este traballo investigador da EFA deu como resultado a posibilidade de que Galiza converta o té nun cultivo que contribúa con novas liñas de desenvolvemento para o sector produtivo. Así, despois de 10 anos analizando variedades e comprobando cal é a que mellor se axusta para estes fins, a EFA lidera un proxecto único en todo o Estado asesorando a persoas emprendedoras e empresas que están a apostar polas plantacións dedicadas á produción de té 100 % galego. Neste momento son catro as plantacións de té existentes no país derivadas do traballo da EFA: a propia plantación da Estación Fitopatolóxica, que xa produce té; a plantación do pazo de Rubianes en Vilagarcía de Arousa; un proxecto que está dando os seus primeiros pasos en varias plantacións no concello de Vedra, e a empresa de produción ecolóxica establecida en Paderne denominada Orballo Innovacións Forestais S. L.

 

Precisamente, Orballo acaba de recoller esta primavera a primeira colleita de té, que aínda non chegou ao mercado pero que poderá degustarse en Etiqueta Negra. Esta empresa está especializada na produción, procesado e comercialización de produtos ecolóxicos saudables. A través de 250 puntos de venda xa é coñecida polo seu catálogo de plantas aromáticas, especias, infusións e ecoarroces. Nos terreos que posúe na parroquia de Donín ten actualmente arredor de 6.000 plantas de Camellia sinensis. Esta plantación nace froito dun convenio asinado no ano 2014 entre esta empresa e a EFA, en virtude do cal durante un período de cinco anos a Estación Fitopatolóxica Areeiro fornece a empresa de planta clonal e asesóraa na plantación e seguimento do cultivo.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados