Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 13 de noviembre de 2017
NIGRÁN

O alcalde de Nigrán asume a presidencia da Confederación de Fondos de Cooperación a nivel estatal

Guardar en Mis Noticias.

A candidatura de Juan González foi elixida por unanimidade na asemblea anual celebrada onte en Santiago e á que asistiron representantes das entidades en todo o país.

[Img #36578]

 

O alcalde de Nigrán e presidente do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade dende 2015, Juan González, asume dende a semana pasada a presidencia da Confederación de Fondos a nivel estatal. A elección foi por unanimidade e levouse a cabo na asemblea anual de fondos celebrada en Santiago e á que acudiron representantes de Galicia, Euskadi, Andalucía, Estremadura, Cataluña, Valencia, Mallorca, Menorca e Eivisa. Con esta renovación, o  Fondo Galego celebrou hoxe o seu vinte aniversario sendo a primeira vez na súa historia que preside a Confederación, dando así relevo no cargo ao Fondo de Cataluña. A candidatura de González foi a única que se presentou e conta co Fondo de Valencia na Vicepresidencia e o de Andalucía na Tesourería, actuando tódolos demais como vogais.

 

"Para nos esta elección significa un respaldo ó labor do Fondo Galego e   a asumimos con moita ilusión. Nos próximos anos temos por diante o difícil, pero non imposible, reto de acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU, e precisamente apostamos polo traballo en rede para conseguilo. Paralelamente, esta é a mellor imaxe que podemos proxectar de Nigrán cara ao exterior: un municipio que se preocupa polas desigualdades e que mesmo asume responsabilidades a nivel nacional para loitar na súa erradicación. Para o Concello de Nigrán é unha honra e unha oportunidade magnífica para dar a coñecer o noso traballo", sinalou González, quen se amosou especialmente orgulloso de liderar esta iniciativa, xa que como el mesmo destaca, a súa traxectoria profesional está dende sempre vinculada á cooperación, dirixindo a Fundación Érguete durante os últimos 17 anos ou asumindo no goberno de Nigrán a carteira de Servizos Sociais, ademais, viviu en Centroamérica durante catro anos, feito que lle fixo coñecer de preto as desigualdades norte/sur.

 

 

 

 

"Temos por diante o difícil, pero non imposible, reto de acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible fixados pola ONU (...). Paralelamente, esta é a mellor imaxe que podemos proxectar de Nigrán cara ao exterior", reflexiona o rexedor

 

 

 

 

González, xa como novo presidente da Confederación, interviu esta mañá na Cidade da Cultura de Santiago no gran acto festivo e reivindicativo organizado polo 20 aniversario do Fondo Galego. O rexedor nigranés recordou  que o Fondo foi fundado precisamento nunha reunión na residencia de Tempo Libre de Patos (Nigrán) grazas ao impulso de Xulios Ríos ao fronte do IGADI (Instituto Galego de Análise e Documentación Internacional). “É un orgullo para Nigrán estar dende o 2015 á fronte do Fondo Galego por vez primeira na súa historia e agora da Confederación. O noso reto, como xa procuramos dende o goberno local de Nigrán, é continuar axudando ás persoas, tratar de que se unan máis organizacións e seguir desenvolvendo proxectos”, engadiu non sen antes agradecer o apoio de "Fegamp e Xunta".

 

O Fondo Galego
O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 91 concellos e as deputacións de Pontevedra, A Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en preto de 30 países, entre os que destacan Cabo Verde, Nicaragua, Cuba, Perú e, na actualidade, Mozambique.

 

Ao tempo, promove numerosas actividades e materiais para sensibilizar á cidadanía galega a prol da solidariedade internacional, a realidade do Sur, a equidade de xénero, as persoas migrantes e refuxiadas, etc. O Fondo Galego está  recoñecido pola Fegamp como axencia municipal da cooperación galega e avalado pola Unión Europea como referente para a promoción das redes de cooperación descentralizada.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados