Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 14 de noviembre de 2017
O PORRIÑO

A contaminación por Lindano en Torneiros supera “en máis de 100 veces o valor de referencia”

Guardar en Mis Noticias.

O Goberno Local informa aos veciños do Contrasto, na parroquia de Torneiros, que as análise, en terra, feitas polos técnicos da Xunta dan valores altos de lindano e que a auga da traida pódese consumir sen risco

[Img #36689]

 

Os concelleiros de Medio Ambiente, Marcelino Coto, e de Seguridade, Lourdes Moure, xunto co xefe da Policía Local, Daniel Rodríguez, informaron este luns ás 75 familias da Zona do Contrasto, en Torneiros, que poden estar afectados polo achado de lindano nunha obra de saneamento que se estaba a realizar nesta zona, sobre os resultados das análise feitas en terra polos técnicos da Xunta de Galicia, que ten a competencia no tratamento desta situación.


Como subliñou Marcelino Coto, as analíticas, comunicadas ao Concello pola xefa territorial de Sanidade, indican “valores moi altos de contaminación” na terra do lugar da obra que superan “en máis de 100 veces o valor de referencia”.


Coto aclarou que estas análise non teñen que ver coas das mostras de auga, que aínda están a realizarse e que se coñecerán nuns días, e asegurou que aquelas casas que teñan abastecemento de auga da traída, “non teñen risco algún”, posto que non hai filtracións de lindano neste subministro.


Sí que pediu aos veciños das 13 vivendas da zona que so teñen auga de pozo, que non usen a mesma “nin para beber nin para cociñar” e, así mesmo, que tampouco  se consuman os alimentos que puidesen ter cultivado nos terreos desta zona.


O concelleiro de Medio ambiente, quen recoñeceu que a situación é “preocupante”, pediu que non se cre alarma social e asegurou que nin os obreiros que estaban a facer os traballos de saneamento, “e que estiveron en contacto directo co lindano”, nin os persoal municipal que se achegou ao lugar “tivo reacción algunha”.


Coto recoñeceu que tanto él coma a alcaldesa cometeron un erro respectando o acordo ao que chegaron cos responsábeis das consellerías de Medio Ambiente e de Sanidade nunha xuntanza que mantiveron o pasado día 27 de outubro en Santiago, “no que nos recomendaron que non se dese conta nos medios de comunicación deste problema para non crear alarma”. Ao seu xuízo, logo de lembrar que a Policía Local sí que estivo, ao día seguinte, avisando a cada unha das 13 familias que teñen pozo, “non debimos facer caso dese compromiso que, finalmente, alguén incumpriu” e deberían ter falado con todas as veciñas e veciños do lugar.


Os concelleiros, que están en “contacto diario” cos responsábeis das consellerías de Sanidade e de Medio Ambiente, aseguraron que os veciños estarán informados “en todo momento” e que se lles dará traslado, “de inmediato”, de calquera novidade que haxa.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados