Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Domingo, 19 de noviembre de 2017
O PORRIÑO

A Xunta pide clausurar pozos e fontes na zona afectada por Lindano

Guardar en Mis Noticias.

Técnicos dos departamentos de Medio Ambiente e Sanidade, así como responsables do concello de Porriño mantiveron unha xuntanza cos veciños para explicar as actuacións a realizar pola presenza de lindano

A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio elaborará un proxecto para a limpeza e recuperación dos solos afectados pola presenza do composto químico coñecido como lindano na parroquia de Contrasto, no Porriño. Así llo trasladaron os técnicos da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático e da Dirección Xeral de Saúde Pública aos veciños durante unha reunión co Concello celebrada esta tarde na localidade pontevedresa.

 

Durante este encontro, os técnicos da Consellería informaron que os resultados das análises preliminares practicadas na zona indican que hai presenza de lindano por encima dos niveis xenéricos de referencia, no solo da contorna da estrada que atravesa a parroquia porriñesa.

 

Pola súa banda, a Consellería de Sanidade realizou analíticas nas traídas de auga veciñais de Contrasto, Buraco da Raposa e Pereira e nas que non se detectou presenza de lindano. Tamén se tomaron mostras dos pozos e fontes da zona afectada. Nos pozos de sete vivendas, obtivéronse resultados desfavorables das análises, polo que se declarou a súa clausura preventiva. Así mesmo, recomendouse a clausura de todos os pozos e fontes da zona, independentemente das análises, e que non se consuma a súa auga nin alimentos cultivados neses terreos.

 

Cómpre destacar que os resultados das mostras actuais, son representativos do momento en que se tomaron, sen poder afirmar que os pozos e fontes con análises favorables non se contaminen unha vez que varíen as condicións climatolóxicas e comece a chover. Por este motivo, a Consellería de Sanidade comprométese a realizar un seguimento e recoller mostras periódicas ata que se habilite un abastecemento alternativo.

 

Ademais, os servizos técnicos da Consellería de Sanidade están a investigar calquera sospeita puntual en relación aos posibles efectos na saúde dos veciños, por mor dunha posible exposición a lindano tralo inicio das obras de saneamento.

 

Os representantes do departamento autonómico avanzaron que a Xunta iniciará a redacción dun proxecto para a recuperación e limpeza dos solos despois do Nadal, cando finalice a fase preliminar de investigación, que se segue a desenvolver na zona e que permitirá coñecer a situación real do lindano.

 

 

Así, segundo detallaron os técnicos da Consellería de Medio Ambiente, a investigación exploratoria dará lugar a unha segunda fase cuxos traballos consistirán na realización de perforacións de profundidade variable, en función do terreo, co obxectivo de establecer o volume de solo que será necesario retirar e tratar a través dos xestores correspondentes.

 

Estas perforacións permitirán, ademais, calcular, organizar e planificar as actuacións e medidas necesarias para a recuperación dos solos nos espazos máis afectados localizados na contorna da estrada, onde se concentra o maior número de vivendas.

 

Recomendacións sanitarias


Como medida preventiva de carácter xeral, recoméndase a clausura de pozos e fontes da zona, independentemente dos resultados das analíticas, non debendo empregarse esta auga para uso doméstico. Non obstante, se dispoñen dun sistema de desinfección axeitado e non se detectou contaminación, poderíanse considerar de xeito extraordinario como alternativa, limitando o subministro ao período de tempo necesario para ata habilitar outra solución.

 

Lémbrase tamén a conveniencia de non consumir alimentos cultivados na zona afectada.

 

 

HCH un veleno canceríxeno


[Img #36828]

 

 

As verteduras ilegais de residuos no pasado convertéronse nun problema ambiental e de saúde pública para as xeracións do presente. Concretamente o Lindano é o nome comercial utilizado para este pesticida, un composto organoclorado, de fórmula xenérica C6H6Cl6, en concreto o isómero gamma-1,2,3,4,5,6 (hexaclorocicloexano) que aínda que é pouco soluble en auga ten capacidade para pasar ao auga subterránea sendo moi persistente no medio ambiente por ser pouco biodegradable.

 

Foi usado como insecticida en agricultura, para o tratamento de piollos e sarna en humanos e contra parásitos en gandería. Polos seus efectos secundarios, a toxicidade dos seus residuos e o perigoso do proceso de obtención está prohibida a súa fabricación e comercialización na Unión Europea.

 

O 60% da produción mundial (440.000 toneladas) elaborouse en Europa, desde  España localidades como O Porriño,  Sabiñánigo, Barakaldo ou Asua foron centros produtores deste veleno canceríxeno.

 

 O químico coñecido científicamente como hexaclorociclohexano (HCH) pode ter efectos sobre a saúde das persoas, algúns estudos sinalan que o sistema inmunitario, o sistema nervioso, o fígado e  os órganos reprodutores masculinos son particularmente sensibles aos seus efectos tóxicos.

 

O lindano presenta unha toxicidade de moderada a alta, en realidade todos os isómeros de hexaclorocicloexano son tóxicos por inhalación, a través da pel e por inxestión. En pequenas exposicións son irritantes e afectan o sistema nervioso central; se a exposición é prolongada ou reiterada ten efectos sobre o sangue e o fígado, son carcinóxenos, tóxicos para a reprodución, bioacumulativos e perigosos para o medio ambiente.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados