Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 27 de noviembre de 2017
PROVINCIA

Carmela Silva insta a Fomento a que mellore a seguridade na N-550 pola que discorre o Camiño

Guardar en Mis Noticias.

Na reunión da Mesa do Camiño as administracións representadas acordaron sumar sinerxías para optimizar a promoción das rutas oficiais cara Compostela e dos recursos turísticos dos concellos polos que transcorren.

[Img #37055]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, presidiu esta mañá a “Mesa do Camiño” na que se deron cita a directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro, o director xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, alcaldes e representantes dos gobernos municipais de Barro, A Estrada, A Guarda, Lalín, Nigrán, Pontecesures, Soutomaior, Tui e Vigo, así como o presidente da Fundación de Amigos do Camiño Portugués, Tino Lores. Durante o encontro, cualificado por Carmela Silva como “moi positivo, de moi bo feeling”, decidiuse instar a Fomento a que prime e licite xa as actuacións de seguridade nos tramos da N-550 polos que discorre o camiño, así como a sumar sinerxías para optimizar a promoción das rutas cara Compostela.

 

No transcurso da reunión, a presidenta da Deputación de Pontevedra fixo fincapé nas cuestións relativas á seguridade no camiño porque “é fundamental que se actúe no camiño, que se sinalice, e que se atenda correctamente para que as persoas que peregrinan se atopen cun camiño en óptimas condicións”. Deste xeito, a presidenta da Deputación facilitou unha copia da resposta realizada polo Ministerio de Fomento ante unha reclamación acordada na reunión anterior da Mesa do Camiño na que se decidira instar ao Ministerio a actuar para mellorar a seguridade e na que o goberno manifesta “estar redactando os proxectos”. Sobre esta cuestión, e tal e como informou Silva, os integrantes da Mesa do Camiño acordaron “pedir a Fomento que teña entre as súas prioridades estas actuacións e que remate coa redacción dos proxectos para que se liciten xa”.

 

Tamén relativo á seguridade das peregrinas e peregrinos pero no relativo ás estradas provinciais, a presidenta da Deputación destacou que “estamos actuando en Barro, en Baiona proximamente asinaremos un convenio para acondicionar as estradas polas que discorre o Camiño Portugués pola Costa e en Tomeza, tamén punto conflitivo, diminuímos os espazos destinados aos vehículos e ampliamos os das peregrinas e peregrinos sinalizando, amais, en amarelo para que se puidese seguir a ruta sen dificultade”.


Amais, no transcurso do encontro a presidenta provincial deu a coñecer todas as accións promocionais que a institución desenvolveu neste ano e as que se van desenvolver ao longo do ano 2018. Ao respecto, Silva destacou que “as accións están centradas en todas as áreas de posta en valor das rutas que transcorren cara Compostela pola provincia de Pontevedra, dende a difusión e publicidade, ben en revistas especializadas ben en xeneralistas, así como tamén a comunicación on-line, ata a participación en feiras ou naquelas actividades, como os fam trips, que teñen unha grande capacidade para facer chegar á cidadanía todo o que aporta o camiño a través de prescricións de bloggers ou instagramers”.

 

Neste eido da promoción, a presenza en feiras foi outro dos puntos que se abordou na reunión da Mesa do Camiño. Así, as institucións integrantes da mesma acordaron estar presentes nas feiras nas que a administración autonómica participe e así, tal e como manifestou Silva, “sumar sinerxías, traballar conxuntamente para dar a coñecer os atractivos turísticos de todos os concellos polos que transcorren camiños cara Compostela”.

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra tamén deu a coñecer cuestións formuladas polos alcaldes no transcurso da reunión como a promoción dos camiños nas casas galegas de Buenos Aires, solicitado polo alcalde de Lalín, ou a inclusión dos albergues públicos municipais nalgunha liña de axudas da administración autonómica para o seu mantemento e mellora, formulado polo alcalde da Guarda.   

 

Pola súa banda, a directora de Turismo da Xunta de Galicia, Nava Castro manifestou a importancia desta reunión que “para nós é fundamental xa que pola provincia de Pontevedra pasan varios camiños e precisamos seguir traballando conxuntamente”. Entre outras cuestións, Castro adiantou que, segundo o Plan Director do Camiño, para o ano 2018 están previstas actuacións de gran incidencia, que suporán un investimento de dous millóns de euros, no Camiño Portugués e no Camiño Portugués pola Costa para mellorar os tramos e a súa sinalización. Amais, a directora de Turismo tamén formulou a necesidade de “involucrar a Fomento para que mellore os tramos conflitivos na N550 e que as peregrinas e peregrinos teñan máis seguridade”.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados