Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Jueves, 7 de diciembre de 2017
TOMIÑO

325 nenos participan nos programas gratuítos de actividades extraescolares e de reforzo

Guardar en Mis Noticias.

En total 40 familias e 57 menores beneficiáronse das axudas para facer fronte á demanda de material escolar do inicio de curso.

[Img #37101]

 

O compromiso coa educación segue sendo unha prioridade para o Concello de Tomiño. Así o demostran as cifras expostas na última reunión do Consello Escolar Municipal, un órgano integrado por representantes de Anpas, dirección de centros educativos, partidos políticos, sindicatos, servizos sociais municipais, centros de educación especial... que naceu co obxectivo de facilitar educación en igualdade de condicións para todos os nenos e nenas tomiñeses.


Entre as actividades postas en marcha para acadalo están o plan de actividades extraescolares gratuítas nos distintos centros e o programa É Aprender, nos que este curso 2017/2018 participarán uns 325 rapaces e rapazas.


Deste xeito, no programa É Aprender, con sesións de reforzo, técnicas de estudo e dinámicas para promover o desenvolvemento persoal, social e creativo, participarán 54 nenos e nenas, 20 máis que o curso escolar anterior. Mentres que o ano pasado a maioría dos beneficiados eran alumnos e alumnas de Primaria, neste curso hai 29 participantes iniciais procedentes desa etapa escolar e outros 25 de Secundaria. As parroquias que contan con máis alumnado neste programa son as de Goián (17), Tomiño (11) e Currás (9).


En canto ás actividades extraescolares, este ano o programa conta con 269 estudantes inscritos nas distintas modalidades, un 29% máis que o curso pasado. Serán 73 nenos e nenas da etapa de Infantil (fronte aos 46 do curso 2016/2017), 43 deles na actividade de Imaxinación e 30 na de Baile Infantil. Xa en Primaria o número de beneficiados deste programa gratuíto ascende a 162, dos que 68 participarán na actividade de Multideporte, 42 na de Inglés, 32 en Lingua de Signos e 20 en Imaxinación Primaria. En canto aos estudantes de ESO, hai 24 inscritos en Inglés e 10 en Zumba.


Ademais, o Consello Escolar porá en marcha un plan para facer unha diagnose sobre a situación da infancia e adolescencia de Tomiño contando coa propia perspectiva dos mozos e mozas, aos que se lles facilitarán uns cuestionarios que deberán contestar e que se terán en conta á hora de elaborar un Plan de Infancia e Adolescencia Municipal.


Máis de 3.145 euros para material escolar
Por outra banda, este ano beneficiáronse das axudas para facer fronte as demandas de material de inicio de curso un total de 40 familias e 57 menores. Dende o Consello Escolar Municipal resaltan unha baixada na demanda destas subvencións que indica que “as familias van sendo quen de facer fronte” aos gastos iniciais de curso, xa que soamente presentaron solicitude 66 familias, un 17,5% menos en relación co ano anterior. Deste xeito o gasto para este apartado foi en 2017 de 3.145 euros, fronte aos 5.191 do curso anterior, un 40% menos de gasto de material. Ademais, dende o Concello xa se está a traballar para ampliar o banco de libros de texto, para garantir que se poida cubrir a demanda das familias.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados