Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 29 de noviembre de 2017
MOS

Cambio radical no contorno do Concello de Mos

Guardar en Mis Noticias.

A conselleira Beatriz Mato e o Bispo Luis Quinteiro visitaron esta mañá a obra xa rematada.

[Img #37116]

 

Esta mañá o Concello de Mos recibiu a visita da conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, para observar en persoa o remate da mellora da contorna da Casa do Concello. A conselleira estivo acompañada por Nidia Arévalo Gómez, Alcaldesa de Mos, polo Sr. Bispo da Diócese de Tui-Vigo, D. Luis Quinteiro Fiuza, Encarnación Rivas Díaz, Directora Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo, Ignacio López-Chaves Castro, Delegado Territorial da Xunta en Vigo, Luis Alonso Seijo, concelleiro de Vías e Obras de Mos, Camilo Augusto Martínez, concelleiro de Patrimonio de Mos, Julia Loureiro Campo, concelleira de Urbanismo de Mos, o arquitecto municipal redactor do proxecto, Manuel Toucedo, Sara Cebreiro Alonso, concelleira de Cultura de Mos, e demais membros da Corporación Municipal mosense.


O acto consistiu nunha Misa oficiada polo Bispo na Igrexa de San Mamede de Petelos, un percorrido a pé pola praza onde se desenvolveron estas obras enmarcadas no Plan Hurbe da Xunta de Galicia e descubrimento de placa conmemorativa. A xuntanza estivo amenizada musicalmente pola Banda de Gaitas Ledicia.


As obras realizadas en Petelos e que hoxe foron presentadas oficialmente constitúen un proxecto de mellora que permite a integración da zona do aparcadoiro e do cemiterio municipal de Petelos na área da Casa Consistorial.


Estas obras comezaron a mediados do pasado mes de maio e estiveron en todo momento supervisadas e controladas por arqueólogos, xa que o contorno está protexido por Patrimonio.


A actuación enmárcase dentro do convenio de colaboración firmado entre a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, e a rexedora municipal, Nidia Arévalo, dentro do Plan Hurbe e polo que a Xunta investiu 300.000 euros.


Segundo o convenio rubricado, a actuación responde ao programa de humanización de rúas e urbanización e mellora de espazos públicos. Deste xeito, con esta obra se mellora a calidade de vida dos máis de 15.000 veciños e veciñas do municipio sendo o obxectivo final o de integrar estes espazos na contorna, apostando pola humanización que rodea a Casa Consistorial.


No que se refire ao aparcadoiro, executouse unha área superficial como continuación da Praza do Concello na que se atopa a Igrexa de San Mamede de Petelos e prolongouse o pavimento e plantouse céspede, dando unidade ao conxunto e permitindo usos puntuais diversos cando sexa necesario (festas patronais, manifestacións relixiosas, etc.).


Tamén se delimitou o acceso rodado e peonil ao cemiterio de Petelos, achegando comodidade aos veciños ao mesmo tempo que se mellora o aspecto visual do contorno.


Trátase da terceira actuación que se executa neste Concello a cargo do Plan Hurbe, pois en 2010 levouse a cabo o acondicionamento e pavimentación da contorna da Igrexa de Santa Eulalia, cun investimento de preto de 95.000 euros; e en 2015 executouse a reposición dun muro de contención en A Rans, na parroquia de Tameiga, cun investimento de 45.000 euros. Así, o investimento desatinado ata a data en Mos a través deste programa achégase aos 450.000 euros.


Mediante esta actuación logrouse o acondicionamento do aparcadoiro e accesos ao cemiterio no barrio de Reguengo, parroquia de Petelos, co fin  de valorizar a área da contorna do cemiterio para integrala e interaccionala coas edificacións que a confinan (Casa do Concello, Igrexa de San Mamede e Cemiterio), de xeito que finalmente aparece como unha actuación unitaria, que consigue fiar mediante un único cordón umbilical, que é o aparcadoiro actual e a praza ou atrio da igrexa, as edificacións e os espazos que arredor del se articulan.


O programa da actuación contemplou a reorganización de todo o entorno, dotando e  cualificando os usos, ordenando o aparcadoiro e os accesos ao cemiterio. En primeiro lugar tívose en consideración a topografía do terreo, que tomándoa como aliada para reducir o impacto visual do talud, permitir o acceso exterior graduado ás diferentes plataformas e niveis do cemiterio, acceso rodado e peonil cómodo á parte superior do cemiterio, manter acceso á casa reitoral e parte superior en ruínas e contención e saneamento da cota alta do monte.


As obras consistiron fundamentalmente na renovación do pavimento ao redor, garantir o acceso ao cemiterio a persoas con discapacidades, e integrar a actuación no conxunto edificatorio Igrexa-Casa do Concello, co fin de que o espazo creza e poida desprazar o seu epicentro de xeito que se arrede o máximo posible da agresión sufrida anos atrás coa construción da autovía, xeradora de ruídos e fumes, en suma, provocadora da ausencia de confort nos edificios e espazos exteriores de relación.


Este proxecto levaba redactado dende o ano 2009 e ata o de agora non lograra financiación. A rexedora local asegura que se trata dunha obra que dá resposta a unha serie de demandas veciñais dos habitantes desta zona da parroquia de Petelos.


Ademais, entre as outras melloras, levouse a cabo a creación de áreas verdes e a acometida do firme. Ademais o deseño baseouse nunha fórmula mediante a que quedaron completamente integradas as zonas superior (onde se atopa o Centro de Día) e a inferior (onde se sitúan o Concello, o cemiterio e a Igrexa de Petelos) creándose un todo harmónico que representa o contorno da Casa Consistorial mosense e que se trata dunha zona moi transitada por ser unha importante área de concentración de servizos municipais.


A parte máis ambiciosa desta actuación centrouse nos accesos ao cemiterio. Para iso recolocouse o acceso á casa parroquial, mellorando a circulación no aparcadoiro e permitindo mediante o novo viario acceder tanto en vehículo como peonilmente aos niveis superiores do cemiterio.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados