Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Viernes, 1 de diciembre de 2017
VIGO

O turismo en Vigo acada o seu máximo histórico con máis de 716.000 pernoitas

Guardar en Mis Noticias.

A cidade de cabeceira da área territorial rexistra por carto ano un incremento da demanda no décimo mes, tanto na cifra de viaxeiros coma no volume de noites.

[Img #37148]

 

O delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, acompañado pola xefa da área provincial de Turismo de Pontevedra, María Ángeles Herrero, presentou onte en Vigo os datos de balance de ocupación hoteleira correspondentes a outubro e ao acumulado de todo o ano. Os datos reflicten así que a cidade de cabeceira da área territorial está a acadar niveis históricos neste ámbito computando máis de 716.000 pernoitas nos dez primeiros meses deste 2017.

 

Así se desprende da enquisa feita pública polo Instituto Nacional de Estatística (INE) que recolle o bo comportamento da demanda turística hoteleira na urbe, que pechou outubro  con 37.864 viaxeiros aloxados e máis de 71.100 pernoitas, cunhas subas do 15,8 e 6,8% respectivamente. O dinamismo turístico apréciase tanto no mercado nacional, que sube un 9%, coma no internacional, cun incremento do 2,4%.

 

 

 

 

O turismo internacional gaña cota de mercado e elévase un 24,3%, fronte ao 8,4 que se incrementan os turistas nacionais aloxados na urbe

 

 

 

 

No que atinxe ao acumulado dos dez primeiros meses, subiu a cifra de viaxeiros aloxados un 15% e o volume de noites un 12,7%. López-Chaves acentuou que Vigo encadea así catro anos consecutivos de crecementos na demanda hoteleira, “circunstancia que –dixo- lle permite acadar o seu máximo histórico con máis de 716.000 pernoitas”. A cota de mercado internacional disparouse un 24,3% respecto ao mesmo período do 2016, fronte ao 8,4% que medraron os turistas nacionais aloxados en Vigo.

 

Rías Baixas
O delegado da Xunta en Vigo non quixo pasar por alto o excelente comportamento da demanda turística hoteleira nas Rías Baixas cun incremento de aloxados en outubro do 20,5% na comparativa co 2016, ata acadar os 132.580 viaxeiros. Atendendo ás pernoitas, segundo recolle a Enquisa de Ocupación Hoteleira do INE, situáronse nas 307.338, o que supuxo unha suba do 15,3%. Obsérvase un incremento tanto no mercado nacional coma internacional.

 

En canto ao acumulado de xaneiro a outubro, as Rías Baixas rexistraron neste período máis de 1,3 millóns de viaxeiros aloxados e máis de 3,1 millóns de noites, cifras que superan nun 12,7% e nun 12,1% os niveis do pasado ano. De novo apréciase unha dinámica positiva nos dous grandes segmentos de mercado, con subas do 10,8% no caso do turismo nacional e do 18,1 no internacional.    

 

Xeodestino ría de Vigo e Baixo Miño
Respecto ao xeodestino ría de Vigo e Baixo Miño, os establecementos hoteleiros rexistraron un incremento de aloxados de xaneiro a setembro do 10,2% na comparativa co 2016, ata acadar os 566.060 viaxeiros. Atendendo as pernoitas, situáronse no 1.140.237, cunha variación do 10,7%.

 

 

 

 

No que respecta ao conxunto da provincia de Pontevedra, esta absorbeu o 37,5% do total de Galicia cun incremento do 19,4% de viaxeiros e do 14,5% nas pernoitas

 

 

 

 

No que respecta ao mes de outubro, o xeodestino incrementou un 15,7% a cifra de viaxeiros nacionais e internacionais aloxados, ata acadar os 57.705, e un 5,8 as pernoitas, ata as 111.429. Este aumento da demanda reflicte directamente nos datos de ocupación, cunha suba de 0,45 puntos porcentuais ata situarse nun 42,9%.   

 

Datos provinciais
No caso da provincia de Pontevedra, absorbeu no décimo mes do ano o 37,5% do turismo de Galicia, dato no que fixo especial fincapé López-Chaves, para engadir que o nivel de ocupación “mellorou en máis de cinco puntos ata situarse no 45,4%”. Os datos recollidos tradúcense nun incremento do 19,4% dos viaxeiros aloxados (132.819) e do 14,5% das pernoitas.

 

Estas cifras constatan a tendencia dos últimos dez meses cuns incrementos do 13 e do 12,3% en viaxeiros aloxados e volume de noites respectivamente no acumulado ata outubro. Neste período os tres grandes segmentos de mercado rexistraron un comportamento positivo, con subas do 6,3% no caso do turismo interno, do 13 no nacional e do 19,3 no internacional.

 

En todo caso, os datos constatan o cumprimento dos obxectivos da Xunta que, tal e como indicou o representante do Goberno galego, aposta por un modelo baseado na calidade e a sustentabilidade. O delegado territorial fixo así referencia á Estratexia do turismo de Galicia 2020, deseñada conxuntamente co sector, e que está precisamente a afondar nesta dirección, ao tempo no que contribúe a especializar e diversificar a oferta e, ao mesmo tempo, permite desestacionalizar a demanda turística ao longo de todo o ano.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados