Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 5 de diciembre de 2017
GALICIA

UGT advirte de que "a mellora relativa do desemprego agocha unha elevada precariedade"

Guardar en Mis Noticias.

"Estase a construír a recuperación sobre o inestable cimento do emprego precario e da desigualdade", explican.

[Img #37305]

 

UGT advirte de que a pesar do comportamento estacional que mostran os meses de novembro, polo inicio da campaña navideña, é significativo que nesta ocasión o desemprego non logrou descender. Asemade é destacable que a recente mellora relativa do desemprego agocha unha elevada precariedade e parcialidade debido ao tipo de empregos que se están creando, fundamentalmente temporais e a tempo parcial -a maioría involuntarios-, con remuneraciones máis baixas. Só un 8,34% dos contratos asinados en novembro na nosa Comunidade son indefinidos a tempo completo.

 

En Galicia aumenta o paro no mes de novembro nun 0,7%, crecemento superior no mes ao do conxunto do Estado, onde medrou o 0,2%. Segundo os datos do paro rexistrado deste mes, hai 187.175 persoas desempregadas en Galicia, 1.272 máis que no mes anterior. No Estado hai 3.474.281 persoas desempregadas e o paro medra en 7.255 persoas.

 

Se temos en conta a variación interanual, hai en Galicia unha contracción do 8%, é dicir, que hai 16.379 desempregados menos, unha evolución similar á media estatal que é do 8,3% menos (315.542 persoas desempregadas menos). 

 

[Img #37281][Img #37282]

 

Evolución por sexos e tramos de idade

As cifras falan por si mesmas, 80.569 homes desempregados e 106.606 mulleres. A pesar da mellor evolución no mes do desemprego nas mulleres que nos homes, xa que nestes aumenta o 1,3% e nas mulleres o 0,3%, o paro feminino segue representando o 57% do total do paro rexistrado no mes de novembro. A maior discriminación por sexos compróbase en termos interanuais: O paro rexistrado cae nos homes no ano nun 11,5% e nas mulleres tan só o 5,3%.

 

En canto aos xoves, hai 9.865 mozos e mozas menores de 25 anos desempregados, medrando nun 2,1% no mes, cifra moi superior ao aumento no conxunto de idades. No ano hai unha evolución contraria á do total de idades, mentres que no total de idades cae o 8% nos menores de 25 anos medra un 0,3%.

 

Leve repunte no emprego no sector industrial

Por sectores de actividade, o paro rexistrado no pasado mes medra en todos os sectores salvo na industria, no que cae o 0,1%. En termos anuais, prodúcese un descenso acusado no conxunto de actividades, con porcentaxes moi elevadas de contracción na construción, o -20,3%, no primario, o -12,7%, e na industria o -11,3%. Pero, en termos absolutos, a maior contracción dáse no sector servizos, o sector de maior ocupación, no que nun ano cae o desemprego en cerca de 8.000 persoas, en cifras exactas son 7.992 persoas desempregadas menos.

 

Contratación

Cos datos de novembro ponse de releve que as empresas galegas seguen facendo maioritariamente contratos temporais, hai un claro abuso da contratación temporal.

 

No mes de novembro fixéronse 80.025 contratos, destes tan só unha porcentaxe moi baixa, o 8,34% foi contratación indefinida.

 

A taxa de cobertura segue caendo e a meirande parte dos que perciben prestación é de carácter asistencial

O número de beneficiarios de prestacións en outubro de 2017 (último dato dispoñible) foi de 88.024, amosa unha nova caída anual. Son 6.345 persoas desempregadas menos que en outubro de 2016, máis de seis mil familias que deixan de percibir ingresos. A taxa de cobertura foi do 51,9%, deixando fora do sistema de protección por desemprego a preto de 100.000 (97.879) desempregados.

 

Pola contra, a taxa de cobertura no mes de outubro foi superior no Estado, o 55,3%. Hai un forte diferencial entre as taxas dun e outro contexto, o que amosa a clara desvantaxe da nosa comunidade.

 

Tan só hai 36.921 beneficiarios de prestacións por desemprego de carácter contributivo, o 42% do total, o que indica a precariedade na cobertura por desemprego, e cun importe medio de 779,5 euros (Contía media da prestación contributiva percibida por beneficiario, euros/mes).

 

A gran maioría da cobertura dos desempregados é de carácter asistencial, ben sexan Subsidio (39.411), Renda Activa de Inserción (9.640 perceptores) ou Programa de Activación de Emprego (2.052 beneficiarios)

 

Datos de afiliación á Seguridade Social

Tampouco hai bos datos de afiliación e cotizantes á SS. Situase a cifra en novembro en 989.157, polo que cae en 747 cotizantes, 0,1% menos no mes. Iste é unha evolución similar á media estatal, xa que diminúe nun 0,07%.

 

Sen embargo, no conxunto do ano, medra en Galicia a afiliación nun 2,1% e no Estado tamén, pero nunha porcentaxe moi superior, o 3,58%. No Estado hai 18.417.756 afiliados cotizantes.

 

Na nosa economía, que medra a un ritmo do 3,1% (aumento do PIB, último dato), segue habendo unha fonda crise de emprego.

 

UGT esixe ao Goberno un cambio nas súas políticas, apostando polos factores que permiten ao país crecer a medio e longo prazo. Neste sentido, hai que afrontar un triplo reto para os próximos anos: inducir un crecemento máis equilibrado, sostenible e integrador; xerar máis e mellor emprego, de calidade e con dereitos; e elevar o benestar e a calidade de vida de todos, con especial atención á corrección das desigualdades de todo tipo e a superación das bolsas de pobreza que a crise e as políticas aplicadas estenderon.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2017 • Todos los derechos reservados