Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Sábado, 9 de diciembre de 2017

A auga en Vigo, Soutomaior, Moaña e Redondela apta pero de baixa calidade

Guardar en Mis Noticias.

Sanidade aclara que permanecerá vixiante extremando os seus controis e insta ás concesionarias municipais a tomar medidas correctoras urxentes para baixar os indicadores de ferro e cor, no límite do establecido na normativa sanitaria

[Img #37355]

 

As últimas analíticas realizadas polos técnicos das concesionarias encargadas do subministro municipal en Vigo, Moaña, Soutomaior e Redondela confirman que os valores de medición da calidade da auga permanecen estables aínda que no límite de superar os valores máximos permitidos.

 

Así o expuxeron hoxe en rolda de prensa o delegado da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, e a xefa xefa territorial da Consellería de Sanidade, Ángeles Feijóo, que compareceron para informar dos resultados das analíticas realizadas polos correspondentes xestores do servizo municipal de auga, acompañados pola xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais, Natalia Botana.

 

O Goberno galego advertiu esta semana que nas mostras tomadas nalgúns barrios dos devanditos concellos da área territorial de Vigo se alcanzaron ou superaron os valores máximos permitidos, incumprindo algúns dos parámetros que se fixan para garantir a calidade da auga como son a cor, o ferro e a turbidez. “Confirmouse que as analíticas dan por debaixo dos límites establecidos na normativa vixente da auga de consumo humano (600 partes por billón de ferro, 6 UNF de turbidez e 30 PT-COL/L de cor) e, en consecuencia a auga é apta”, apuntou a responsable provincial, malia que precisou que revelan unha auga de baixa calidade.

 

Ángeles Feijóo reiterou que a Consellería permanecerá vixiante extremando os seus controis, ao tempo que recordou que xa se instou ás concesionarias municipais a tomar medidas correctoras urxentes para reverter esta situación. “Están a medirse valores moi elevados que nos levan a extremar a vixilancia”, anotou Botana, quen indicou que coas condicións meteorolóxicas actuais “non se pode descartar que cheguen a superarse os parámetros de referencia”.

 

Tras matizar que en ningún caso a situación é de alerta sanitaria, a xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais precisou que á falla de auga nos encoros súmase un problema estrutural no caso da potabilizadora municipal do Casal, que “non responde coa flexibilidade que debera”.

 

Pola súa parte, a xefa territorial da Consellería de Sanidade indicou que por norma xeral os inspectores sanitarios recollen mostras ao longo de todo o ano, se ben agora se fai con maior intensidade dado que a situación así o require. Ao fío, aseverou que de producirse unha evolución negativa dos parámetros de referencia, como medida preventiva para garantir a saúde dos habitantes dos devanditos municipios, informarase inmediatamente.

 

Ángeles Feijóo insistiu en que a Consellería de Sanidade mantén activos os seus controis diarios, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal.   

 

Obra de saneamento en Canido

En canto a posibilidade de que os elevados valores de ferro, superando os 600 ppb nas mostras recollidas polos inspectores farmacéuticos de saúde pública, detectados no depósito da rede viguesa de Canido puideran ter algo que ver cunha obra realizada pola concesionaria do servizo municipal de augas na barrio, os técnicos da Xunta desmenten este extremo. Matizan así que a intervención se debeu á rotura dun colector de saneamento que en ningún suposto afecta á auga potable, xa que por esta canalización discorren augas residuais.

 

A este respecto, o delegado da Xunta lamentou que o alcalde “volva a ocultar datos” como xa sucedeu coas reservas de auga potable. “Vólvenos a enganar unha vez máis, recorrendo a unha obra que nada ten que ver para xustificar un problema que deriva da incapacidade da potabilizadora municipal para tratar a auga”, apuntou. “E tempo de que arrime o ombreiro”, sinalou López-Chaves, quen censurou a súa “falla de lealdade institucional e compromiso coa cidade”. “Os nosos técnicos dixérono moi claro “a obra de saneamento (augas residuais) nada ten que ver coa auga de consumo”, insistiu     

 

Xa para terminar, o representante do Goberno galego volveu a requirirlle ao concello melloras na infraestrutura do Casal, recordando o informe técnico que aludía á necesidade de investir máis de 20 millóns de euros na actualización e modernización da potabilizadora municipal. Referiuse así a que a normativa vixente marca claramente que a competencia e súa. “Trátase dunha instalación municipal, os técnicos municipais así llo aconsellaron e ademais tivo decenas de millóns da prórroga de Aqualia para investir en melloras na planta”, dixo.

 

Preguntado ao respecto de que non se atenda á petición do alcalde de que sexa a Xunta a que faga esta inversión, subliñou que o Goberno galego xa está investindo máis de 100 millóns de euros na EDAR do Lagares na cidade, e engadiu que a ETAP do Casal ou calquera outra infraestrutura potabilizadora é de competencia municipal e, en consecuencia, deberá asumila o Concello vigués.  

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados