Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Miércoles, 13 de diciembre de 2017
VIGO

Valores por riba dos límites da potabilidade da auga en varios concellos da área de Vigo

Guardar en Mis Noticias.

As mostras recollidas polos técnicos de Sanidade en Vigo, Moaña, Redondela e o Consorcio do Louro confirman que se superaron os valores máximos e que os resultados deberán cotexarse coas empresas concesionarias municipais.

Novas análises realizadas polo Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade apuntan a que se superaron os límites establecidos na normativa vixente da auga de consumo humano en varios concellos da área metropolitana de Vigo. Os controis preventivos realizados en varios puntos da rede de abastecemento de Vigo, Moaña e Redondela e no Consorcio do Louro confirman que se superaron os valores máximos consensuados. Mostras analizadas no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, único laboratorio público de referencia en materia de saúde.

 

O resultado do control realizado o pasado día 9, antes das choivas, polos técnicos de Sanidade arroxa unha concentración maior da establecida no caso do ferro, con parámetros anormais por encima das 600 partes por billón, que non coinciden cos reportados á Consellería polas concesionarias municipais encargadas do subministro. Datos que se notificaron os devanditos concellos e as empresas responsables do servizo municipal esta mesma mañá.  

 

As últimas analíticas realizadas polos técnicos das xestoras municipais do servizo en Vigo, Moaña, Soutomaior e Redondela indicaban que os valores de medición da calidade da auga permanecen estables, aínda que no límite de superar os valores máximos permitidos. Non obstante, nas mostras tomadas polos Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública revelan que nalgúns puntos dos abastecementos dos devanditos concellos da área territorial de Vigo se alcanzaron ou superaron os valores máximos permitidos, incumprindo algúns dos parámetros que se fixan para garantir a calidade da auga como son a cor, o ferro  e a turbidez (600 partes por billón de ferro, 6 UNF de turbidez e 30 PT-COL/L de cor). É o caso das rexistradas en Sanjurjo Badía (634 ppb) e Valladares (1003 ppb) en Vigo, na rede de distribución de Berducedo en Moaña, na de San Esteban en Redondela e na rede de Porriño.

 

Lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón de ferro se deben adoptar medidas correctoras para recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria, a partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación. En cambio noutros puntos os  rexistros melloraron os niveis de ferro detectados, como é no caso de Canido (568 ppb) ou do concello de Soutomaior.

 

 

 

 

As últimas analíticas realizadas polas xestoras municipais do servizo nos devanditos concellos indican valores estables de medición da calidade da auga

 

 

 

 

A este respecto, a xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais indicou que a ausencia dun método de análise de referencia, máis aló da Regulamentación Técnico-Sanitaria que hai que cumprir, xustificaría a disparidade de resultados entre as mostras da concesionaria do servizo e as propias dos técnicos sanitarios da Xunta. En todo caso, subliñou que os controis da Administración autonómica son exhaustivos e contan coa correspondente certificación.

 

As  mostras recollidas polos técnicos de Sanidade analízanse no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, único laboratorio público de referencia en materia de saúde e acreditado pola ENAC para a matriz de auga de consumo humano e os analitos, mediante  unha  PNT baseada na Norma UNE-EN ISO 17294-1.

 

Preguntada ao respecto dos motivos que puideran explicar os distintos valores, a técnico afirmou que a preparación da mostra inflúe considerablemente nos indicadores de ferro. Segundo expuxo, “o laboratorio co que traballamos somete as mostras durante 24 horas a un proceso de acidificación”, para acto seguido aclarar que canto máis tempo estean sometidas a este proceso “máis ferro se libera” e, en consecuencia, o resultado deste parámetro é menor.

 

Ditos resultados deberán ser confirmados polas concesionarias municipais con carácter inmediato, co fin de verificar se as analíticas dan por debaixo de ditos límites e, en consecuencia a auga segue a ser apta, pero de baixa calidade. Para iso, estase a organizar unha toma de mostras conxunta entre os técnicos das empresas municipais xestoras dos abastecementos e os Farmacéuticos Inspectores de Saúde Pública, os cales procederán á toma de mostras por duplicado e nas mesmas condicións nunha serie de puntos representativos de ditos abastecementos para o seu posterior análise.

 

Maior vixilancia  
A xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais apuntou que a Xunta permanecerá vixiante extremando os seus controis e insistiu en que xa se instou ás concesionarias municipais a tomar medidas correctoras urxentes para reverter esta situación. “Están a medirse valores moi elevados que levan a extremar a vixilancia”, dixo, para sinalar que en ningún caso a situación é de alerta sanitaria.

 

Con todo, volveu a remarcar que a auga segue sendo de moi baixa calidade e que de manterse no tempo os niveis ao límite habería que facer recomendacións. No caso de que manteña a tendencia negativa dos parámetros de referencia, deixou claro que “teremos que estudar ata que punto a poboación está exposta e considerar a aplicación de medidas”, en clara referencia á restrición do consumo de auga.

 

 

 

 

O resultado do control realizado polos inspectores sanitarios o pasado día 9 non coincide co reportado polas concesionarias e proponse unha mostraxe conxunta

 

 

 

 

 

A técnico, que compareceu en rolda de prensa xunto á xefa territorial de Sanidade recordou que os inspectores sanitarios recollen mostras ao longo de todo o ano, se ben agora se fai con maior intensidade dado que a situación así o require. Neste punto, comprometeuse a informar inmediatamente de producirse unha evolución negativa e como medida preventiva para garantir a saúde dos habitantes dos devanditos municipios.

 

Nesta mesma liña, volveu a remarcar que á falla de auga nos encoros e ó posible incremento de materia orgánica provocada polas abundantes choivas das últimas horas, súmase un problema estrutural no caso da potabilizadora municipal do Casal, que non responde coa flexibilidade que debera.

 

Sanidade mantén activos os seus controis cunha frecuencia máis elevada do habitual, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados