Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Viernes, 15 de diciembre de 2017
VIGO

Os valores estabilízanse nos concellos da área metropolitana de Vigo aínda que a auga segue a ser de baixa calidade

Guardar en Mis Noticias.

As mostras recollidas onte polos técnicos de Sanidade e as remitidas polas empresas concesionarias en Vigo, Moaña, Redondela e o Consorcio do Louro confirman medicións aproximadas pese a estar no límite dos máximos permitidos.

O Servizo de Control de Riscos Ambientais da Consellería de Sanidade informou esta semana do resultado das mostras conxuntas realizadas co obxectivo de corroborar as análises realizadas o pasado sábado, dados os elevados indicadores obtidos nalgúns barrios dos concellos da área metropolitana de Vigo. Segundo indicou a responsable deste departamento, “as mostraxes dan moi próximas e os valores permanecen estables aínda que no límite dos valores consensuados”.

 

Deste modo, as mostras recollidas onte polos técnicos de Sanidade e as remitidas polas empresas concesionarias en Vigo, Moaña, Redondela e o Consorcio do Louro confirman medicións similares, cunha diferenza de entre 20 e 40 puntos. Porén, os valores seguen a rozar os niveis máximos establecidos coma referencia e, en consecuencia, “a auga segue a ser de moi baixa calidade”, tal e como recalcou.

 

A técnico, que compareceu en rolda de prensa xunto a xefa territorial de Sanidade, xustificou a redución do ferro nos parámetros pola influenza das fortes choivas desta semana, ao tempo que sinalou que as empresas concesionarias municipais levan xa varios días aplicando reactivos na saída da ETAP para restablecer os valores. Así o especificou preguntada ao respecto das medidas correctoras que Sanidade exixiu as responsables municipais do abastecemento cando se detectaron os primeiros valores anormais.  

 

 

 

 

O Servizo de Control de Riscos Ambientais sinala que a competencia técnica dos inspectores farmacéuticos é incuestionable e que o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia é o único laboratorio público de referencia en materia de saúde

 

 

 

 

Durante estes días, nalgúns puntos dos abastecementos dos concellos da área territorial de Vigo, como é o caso de Vigo, Moaña, Redondela, Soutomaior e o Consorcio do Louro (abastece a O Porriño), se alcanzaron ou superaron os valores máximos permitidos, incumprindo algúns dos parámetros que se fixan para garantir a calidade da auga como son a cor, o ferro  e a turbidez (600 partes por billón de ferro, 6 UNF de turbidez e 30 PT-COL/L de cor).

 

Cómpre lembrar que a partir dos parámetros de 200 partes por billón de ferro se deben adoptar medidas correctoras para recuperar a calidade aceptable para a autoridade sanitaria. A partir de 300 esas medidas deben ser de rápida aplicación.

 

Neste senso, a responsable do Servizo de Control de Riscos Ambientais subliñou que a día de hoxe a auga segue a ser potable, como se ten indicado nas anteriores comparecencias, pero de “moi baixa calidade”. “A situación é crítica”, abundou, para indicar que “por riba das 200 partes por billón de ferro a auga non é de calidade” e, recordar, que son os concellos os que deben garantir este extremo.  

 

Competencia técnica dos inspectores
Así mesmo, preguntada polos periodistas sinalou que a competencia técnica dos inspectores farmacéuticos é incuestionable e que o Laboratorio de Saúde Pública de Galicia é único laboratorio público de referencia en materia de saúde.

 

En canto a disparidade dos resultados anteriores, volveu a insistir en que a ausencia dun método de análise de referencia, máis aló da Regulamentación Técnico-Sanitaria que hai que cumprir, xustificaría a diferenza de resultados entre as mostras da concesionaria do servizo e as propias dos técnicos sanitarios da Xunta. En todo caso, subliñou que os controis da Administración autonómica son exhaustivos e contan coa correspondente certificación.

 

 

 

 

Técnicos de Sanidade xustifican a redución de ferro nos parámetros pola aplicación de reactivos na saída da ETAP e a influenza das intensas choivas

 

 

 

 

As  mostras recollidas polos técnicos de Sanidade analízanse no Laboratorio de Saúde Pública de Galicia, único laboratorio público de referencia en materia de saúde e acreditado pola ENAC para a matriz de auga de consumo humano e os analitos, mediante  unha  PNT baseada na Norma UNE-EN ISO 17294-1.

 

Maior vixilancia  
A xefa do Servizo de Control de Riscos Ambientais apuntou que a Xunta permanecerá vixiante extremando os seus controis e insistiu en que xa se instou ás concesionarias municipais a tomar medidas correctoras urxentes para reverter esta situación. “Están a medirse valores moi elevados que levan a extremar a vixilancia”, dixo, para sinalar que en ningún caso a situación é de alerta sanitaria. Dito isto, insistiu na necesidade de abordar o problema estrutural da potabilizadora municipal do Casal, co obxectivo de que o Concello de Vigo poda ofrecer as máximas garantías no que atinxe a calidade da auga.

 

Pola súa banda, a xefa territorial de Sanidade recordou que os inspectores sanitarios recollen mostras ao longo de todo o ano, se ben agora se fai con maior intensidade dado que a situación así o require. “Analizaremos a tendencia dos valores recadados e en función dos resultados iremos trazando o plan de acción”, dixo, ao tempo que sinalou que confían en que a situación tenda a estabilizarse trala recuperación do nivel dos encoros.

 

Sanidade mantén activos os seus controis cunha frecuencia máis elevada do habitual, malia que a competencia neste eido sexa dos concellos, que son os que deben garantir a calidade da auga e informar consecuentemente á autoridade sanitaria de calquera anomalía que detecte a concesionaria no subministro do servizo municipal.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados