Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Jueves, 21 de diciembre de 2017
VIGO

A nova marca ‘Club da auga de Galicia’

Guardar en Mis Noticias.

Reúne propostas como a Ruta dos Faros de Galicia, a Ruta do Miño de Parador en Parador, experiencias nos balnearios ou a Travesía Náutica Xacobea.

[Img #37717]

 

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, xunto á directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro, Susana Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta en Vigo, Ignacio López-Chaves, participou onte na presentación do Club da auga de Galicia, a nova marca baixo a que se unen experiencias de turismo náutico e mariñeiro, iniciativas do ámbito do termalismo así como do eido xacobeo, para impulsar propostas turísticas sustentables que axuden a seguir atraendo visitantes durante todo o ano a Galicia.  

 

Ao abeiro desta nova iniciativa inclúense produtos como a Ruta dos Faros de Galicia, a Ruta do Miño de Parador en Parador, a oferta dos balnearios galegos ou a Travesía Náutica Xacobea. Impulsada por Turismo de Galicia, xorde froito da colaboración cos profesionais do sector. Unha colaboración na que se basea o modelo turístico galego e que é tamén a esencia da Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento elaborado co sector e que acompaña o crecemento ordenado e planificado que está a vivir Galicia.

 

Durante a presentación, Nava Castro salientou a relevancia desta nova proposta turística referíndose a ela como “bo exemplo” dos froitos que está a dar a “importante e necesaria” colaboración público-privada da man de iniciativas que permitan que os visitantes e todos os galegos poidan desfrutar de todo aquelo que fai diferente a Comunidade galega como destino. “Sabemos que consolidar esta colaboración con todo o sector garantirá un futuro próspero para Galicia e nesa liña traballamos”, explicou.

 

Recursos propios
O Club da Auga de Galicia inclúe a posibilidade de percorrer a costa galega de faro en faro compartindo momentos cos profesionais do mar coa Ruta dos Faros de Galicia xurdida a iniciativa dos Grupos de Acción Local do sector pesqueiro, os GALP. Froito da colaboración con Paradores de Turismo, inclúese a Ruta do Miño de Parador en Parador que afonda no coñecemento do interior galego ás beiras deste río, combinándoo con estancias en seis dos oito establecementos hoteleiros que Paradores ten en Galicia. Esta ruta fai posible coñecer os recursos de Baiona, Monforte de Lemos, Ribadeo, Santo Estevo, Tui ou Vilalba.

 

 

 

 

Impulsada por Turismo de Galicia, é froito da colaboración entre administracións e profesionais do sector na que se basea a Estratexia do turismo de Galicia 2020 

 

 

 

 

Baixo esta nova marca, tamén se ofrece a posibilidade de peregrinar a Santiago de Compostela en barco de vela seguindo a Travesía Náutica Xacobea. Poderase rememorar así as rutas históricas de peregrinación por mar grazas ao impulso da Asociación de Clubs Náuticos de Galicia. Tamén inclúe experiencias para relaxarse nos balnearios galegos, coa participación da Asociación de Balnearios de Galicia. Será posible descubrir así por que un de cada catro balnearios coa Q de Calidade Turística españois están en Galicia.

 

Desenvolvemento económico
Como explicou Nava Castro, o novo Club da Auga de Galicia nace para impulsar  propostas sustentables, planificadas e respectuosas cos recursos naturais que, contando coa auga como fío condutor, favorezan o coñecemento e desenvolvemento económico da nosa contorna buscando a autenticidade.

 

Por iso, esta marca promove a creación e posta en marcha de novos produtos turísticos innovadores e diferenciadores para dar a coñecer, a través do turismo, a fortaleza dos sectores económicos que xiran ao redor da auga e difundir os potenciais e os valores dun uso responsable e sustentable deste recurso.

 

“É un perfecto exemplo da sustentabilidade que forma parte do ADN do turismo galego onde demostramos o noso compromiso cunha actividade que sabe integrarse na contorna na que se desenvolve, como así o demostra tamén o feito de que o 76% dos orzamentos da nosa Estratexia se vincule con actividades relacionadas co territorio”, explicou Nava Castro.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados