Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 26 de diciembre de 2017
GALICIA

Galicia consolida o seu crecemento turístico fóra de tempada alta cun incremento do 12%

Guardar en Mis Noticias.

A Comunidade galega convértese no destino español no que medrou con máis intensidade o número de pernoitas nos hoteis durante o penúltimo mes do ano.

[Img #37755]

 

Galicia continúa avanzando na desestacionalización da súa demanda turística ao estar conseguindo medrar máis intensamente  nos meses fóra da tradicional tempada alta. Así se desprende da Enquisa de Ocupación Hoteleira feita pública hoxe polo Instituto Nacional de Estatística (INE) referida ao mes de novembro e ao acumulado de todo o ano ata ese mes.

 

Estes datos revelan que a Comunidade galega se converteu en novembro no destino español no que medraron con maior intensidade as noites hoteleiras, cunha suba do 12%, situando o dato final en preto de 476.000, a cifra máis elevada dos últimos dez anos. É o segundo ano consecutivo no que se observa unha mellora dos niveis de demanda hoteleira no mes de novembro.  En canto ao número de viaxeiros aloxados, Galicia tamén se sitúa por riba da media estatal, cunha subida dun 11,9%. Acadou máis de 240.000 viaxeiros aloxados no penúltimo mes do ano, o que supón preto de 26.000 máis que en 2016.

 

Este crecemento deuse tanto entre os turistas de Galicia, como nos que proviñan doutras comunidades españolas así como do estranxeiro. O incremento foi máis intenso nestes últimos, situando o crecemento do mercado internacional en máis dun 18,8%, no referido aos viaxeiros aloxados, e dun 11% no volume de pernoitas.

 

Os viaxeiros do mercado nacional tamén presentaron un comportamento positivo pois a cifra superou nun 17,3% os niveis de demanda do ano pasado grazas ao número de viaxeiros aloxados, que medrou máis dun 15%. O número de turistas galegos mantén dous anos consecutivos de crecemento neste mes de novembro, con preto dun 6% no volume de pernoitas hoteleiras e un 4,5% no de viaxeiros aloxados.

 

 

 

 

O sector hoteleiro galego mellora a súa rendibilidade nese mes cunha subida de máis dun 15% no ingreso medio diario por habitación dispoñible

 

 

 

 

A estadía nos hoteis e pensións de Galicia mantense estable neste mes, mentres que a ocupación do sector sobe en case catro puntos porcentuais de media. Suma así dous anos consecutivos de mellora no mes de novembro, circunstancia que coloca o dato de 2017 no máis elevado dos últimos dez anos. O incremento das cifras de demanda e dos niveis de ocupación permite que os establecementos hoteleiros de Galicia melloren os niveis de rendibilidade en relación ao mesmo período de 2016. De feito, o ingreso medio diario por habitación dispoñible medrou máis dun 15%.

 

Conxunto do ano
No que se refire ao conxunto do ano, os datos do INE indican que as pernoitas, a estadía media e a ocupación dos establecementos hoteleiros galegos soben por riba da media.  O volume de noites nos hoteis e pensións galegas nos once primeiros meses do ano sobe un 6,5%, circunstancia que permite achegarse aos 8,4 millóns de pernoitas nesta tipoloxía de aloxamentos, cifra nunca antes alcanzada no acumulado dos once primeiros meses do ano.

 

Os datos do acumulado do ano permiten constatar tamén a crecente importancia do mercado internacional, que mantén a senda positiva dos últimos meses, cun incremento de máis dun 6% en número de viaxeiros aloxados e dun 9% en relación ás pernoitas.

 

 

 

 

No conxunto do ano, o turismo internacional continúa a gañar cota de mercado ao representar xa o 24,5% na demanda en establecementos hoteleiros

 

 

 

 

É o sexto ano consecutivo no que este mercado amosa un comportamento positivo nos primeiros once meses do ano, con crecementos sostidos que permiten acadar máximos históricos de demanda con preto de 1,27 millóns de viaxeiros e máis de 2 millóns de noites nos establecementos hoteleiros de Galicia.  Esta situación permite que o internacional estea a continuar gañando cota de mercado e representar xa o 24,5% da demanda nos hoteis e pensións, cifra que supón un máximo histórico en Galicia.

 

Demanda repartida
Tras os datos do pasado mes de outubro, cando a demanda turística medrou un 6%, o mes de novembro sitúase agora como o mes no que o turismo galego creceu con maior intensidade. Cifras que demostran o progresivo cumprimento dos obxectivos marcados na Estratexia do turismo de Galicia 2020, o documento elaborado co sector, que fixa accións encamiñadas a afondar na desestacionalización dos fluxos turísticos, para que estean repartidos ao longo de todo o ano, e a especialización e diversificación da oferta e dos recursos galegos.

 

Os datos feitos públicos hoxe refírense á ocupación nos hoteis e pensións galegos. A eles sumaranse a vindeira semana os datos da Enquisa de Ocupación Extrahoteleira do INE, que inclúe o resto de modalidades de aloxamento regrado, sumando os apartamentos turísticos, cámpings e casas de turismo rural.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados