Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Jueves, 28 de diciembre de 2017
MUNDO EMPRESA

Galicia consolida a internacionalización das súas empresas

Guardar en Mis Noticias.

No que vai de ano mantén a segunda mellor balanza comercial do Estado en termos absolutos e superando en 1.000M€ á terceira.

A Consellería de Economía, Emprego e Industria amosa a súa satisfacción coa evolución das exportacións na Comunidade, xa que, segundo os últimos datos, Galicia consolida a internacionalización das súas empresas cun aumento, ata outubro, con respecto ao ano anterior, do 8,2% nas vendas ao exterior.

 

Galicia aporta ao Estado o 7,8% das exportacións e mantén a segunda mellor balanza comercial de España en termos absolutos, tras o País Vasco, sumando 3.642,7M€ e superando en 1.000M€ á terceira rexión (Comunidade Valenciana).

 

Por sectores, destacan os incrementos en sectores estratéxicos, de xaneiro a outubro, como a metalurxia (25%); agroalimentario (13,5%); téxtil (10,6%); ou o naval, que suma máis de 419 millóns de euros exportados.

 

Por países salientan as subas das vendas a destinos como América Latina (49,8%) e países europeos como Bélxica (26,5%), Países Baixos (22,3%) ou Italia (6,6%).

 

A través da Estratexia de Internacionalización, do programa Galicia Exporta e de plans como o Foexga -que impulsa accións de internacionalización coa colaboración das Cámaras de Comercio-, a Xunta contribúe a manter a positiva evolución das exportacións galegas, logo de  marcar en 2016 un novo récord histórico ao superar por primeira vez os 20.000 millóns de euros.

 

Galicia Exporta
Para seguir apoiando a presenza do tecido empresarial galego en novos mercados, a Xunta impulsará con 6,5 millóns de euros a internacionalización das pemes a través do programa Galicia Exporta. O prazo para a presentación de solicitudes, de dous meses, está aberto desde hoxe, tras a súa publicación onte no Diario Oficial de Galicia. O obxectivo do programa é achegar apoio directo a máis de 300 empresas para facilitar o seu crecemento nos mercados exteriores.

 

Por medio de liñas específicas tanto para proxectos particulares de empresas como para proxectos colectivos coordinados por organismos intermedios empresariais, o Igape apoia tanto actividades de difusión, como a participación en eventos expositivos no exterior ou accións de prospección internacional. A finalidade é promover a internacionalización das empresas para que incrementen a súa presenza nos mercados exteriores, diversificando os sectores internacionalizados e ampliando o número de países aos que exportan.

 

Cofinanciadas a través dos fondos europeos Feder, as axudas cobren ata o 80% dos gastos subvencionables aprobados ao abeiro da liña Galicia Exporta Organismos Intermedios para proxectos colectivos, e o 70% no caso dos proxectos particulares acollidos á liña Galicia Exporta Empresas.

 

As bases reguladoras da nova edición do programa Galicia Exporta veñen reforzar o desenvolvemento da Estratexia de Internacionalización da Empresa Galega 2020 e a axenda estratéxica Horizonte 2020 da Unión Europea, que buscan facer das exportacións un motor de emprego e crecemento empresarial consolidando a recuperación económica.

 

Ao abeiro da anterior convocatoria do programa Galicia Exporta, tamén xestionado polo Igape, a Xunta concedeu axudas por importe de 5,35 millóns de euros. No marco do Galicia Exporta Empresas aprobáronse máis de 4 millóns de euros en axudas para 175 proxectos, e a través do Galicia Exporta Organismos Intermedios, con axudas que alcanzaron os 1,32 millóns, apoiouse a 23 organismos intermedios que organizaron máis de 150 accións colectivas nas que participaron 143 empresas.

 

De cara ao próximo ano, a Consellería de Economía, Emprego e Industria ten previsto activar un novo programa de internacionalización dixital destinado a autónomos, microempresas e pequenas empresas para potenciar a súa internacionalización a través de plataformas de comercio electrónico.

 

Deste xeito, a Xunta amosa o seu compromiso coas empresas galegas, promovendo a súa internacionalización e a dos seus produtos como medio para á dinamización da economía e á mellora da competitividade do tecido empresarial, favorecendo así a actividade económica a creación de emprego de calidade.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados