Rodríguez Davila explica que “con esta actuación e actitude irresponsable e partidista, o señor Besada está dicindo que el e o seu equipo de Goberno non queren o progreso para Salceda, non queren un transporte metropolitano, rexeitan un plan cultural e unha mellora considerable dos diferentes servizos, entre outros beneficios e vantaxes que ofrece a creación da Área Metropolitana”
O Partido Popular de Salceda de Caselas lamenta que o alcalde, máxima autoridade representativa de todos os veciños, non acudira á reunión celebrada onte no Museo do Mar de Vigo con motivo de clarexar o futuro da Área Metropolitana. Dende o PP local cualifican a actitude do rexedor nacionalista de “irresponsable e inaceptable, prexudicando ao futuro do municipio e dos seus veciños”.
“Con
este plantón, o señor Besada está dicindo que el e o seu equipo de
Goberno non queren o progreso para Salceda, non queren un transporte
metropolitano, rexeitan un plan cultural e unha mellora considerable
dos diferentes servizos, entre outros beneficios e vantaxes que
ofrece a creación da Área Metropolitana”, explica Santiago
Rodríguez Davila, presidente e voceiro do PP local que sinala que “o
día 30 de xullo, mediante chamada telefónica, el mesmo confirmaba a
súa asistencia e dous días antes de que se celebre a xuntanza, á
que estaba convocado, avisa de que non irá. Este cambio repentino de
decisión lévanos a reflexionar e preguntarnos cal foi o motivo,
acaso recibiu ordes de alguén, ben sexa da cúpula do seu partido ou
recomendacións doutra autoridade que tampouco asistiu?? Sexa a razón
que sexa, os veciños de Salceda non merecen un alcalde que un día
diga unha cousa e de alí a pouco diga e faga todo o contrario, non
só neste tema senón tamén noutras cuestións de gran relevancia
para Salceda”, puntualiza Rodríguez Davila.
Neste sentido, o voceiro do PP lembra o sucedido fai uns meses na asemblea celebrada en Tui para a aprobación inicial dos estatutos do Consorcio que regularán o funcionamento da EDAR de Guillarei, “na cal o alcalde Marcos Besada, ante o asombro de todos os presentes, votou a favor fronte a postura do resto de edís do BNG que se abstiveron; por aquel entón, el tamén asegurara que os concelleiros do seu equipo de Goberno posicionaríanse a favor na aprobación dos estatutos e non foi quen, unha vez máis, de cumprir co prometido”.
Dende o Partido Popular de Salceda instan ao alcalde a que abandone esa actitude partidista e actúe sempre en beneficio do municipio e dos seus veciños.