Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Sábado, 30 de diciembre de 2017
VIGO

Xunta e Concello asinan a prórroga por catro anos do Consorcio do Casco Vello de Vigo

Guardar en Mis Noticias.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo, propietario do 90 por cento do capital, realizará unha achega ao Consorcio de 800.000 euros.

O Instituto Galego da Vivenda e Solo e o Concello de Vigo asinaron hesta semana o convenio que regula o funcionamento do Consorcio do Casco Vello de Vigo (CCVV) e que garante a súa continuidade no período 2018-2021. Se prorroga así por catro anos máis a vixencia do Consorcio, que remataba a finais de 2017.


Neste marco, o IGVS achegará un total de 800.000 euros ao Consorcio nos próximos catro anos, mentres que o Concello de Vigo deberá aportar 88.888 euros no mesmo período. A participación do IGVS no capital do Consorcio é do 90 por cento, mentres que a do concello se reduce ao 10 por cento.


O convenio de creación do Consorcio do Casco Vello de Vigo, asinado en febreiro de 2005, establecía a súa vixencia ata 2011, pero a Xunta de Galicia considerou necesario prolongar os traballos de recuperación da zona vella de Vigo, de maneira que no seu momento propuxo unha modificación dos estatutos o que permitiu a continuidade deste organismo ata finais de 2017.


As razóns que xustifican prorrogar a vixencia do Consorcio veñen dadas polo papel fundamental que xoga a rehabilitación en edificios e vivendas dentro das políticas de vivenda e solo da Xunta de Galicia, executadas polo IGVS, así como pola necesidade de acadar a totalidade dos obxectivos establecidos no PEPRI en canto á rehabilitación de inmobles, a alta demanda e ocupación das vivendas rehabilitadas polo Consorcio e ofertadas baixo a cualificación de vivendas de protección autonómica e o carácter dinamizador que supón o Consorcio no conxunto histórico vigués.


De conformidade co Plan de Actuación do Consorcio Casco Vello de Vigo para o período 2018-2024, durante o período de prórroga completarase a acción levada a cabo na zona alta do Casco Vello, eliminando aqueles puntos negros que aínda persisten no tecido urbano, rehabilitando os inmobles que o precisan, comezando en primeiro lugar polos sete inmobles que xa son propiedade do Consorcio e continuando cos restantes dez inmobles previstos dos quen aínda non se dispón da súa titularidade.


Na zona baixa o esforzo inversor centrarase fundamentalmente en dúas zonas, Ribeira do Berbés e a zona de Poboadores, comezando polos inmobles xa adquiridos polo Consorcio ou que prevé adquirir durante o exercicio 2017.


Así mesmo, o mantemento da vixencia do Consorcio vai permitir aproveitar as oportunidades que para a rehabilitación conterá o próximo plan estatal de vivenda, fundamentalmente a través do programa de fomento da rexeneración e renovación urbana e rural, así como a través do programa de axuda aos mozos.

 

99 vivendas rehabilitadas
Ata o momento actual o Consorcio do Casco Vello de Vigo leva adquiridos 72 inmobles, dos que 54 xa foron rehabilitados e cinco están en execución.


Rehabilitáronse 99 vivendas, das que 80 foron vendidas e 10 están ocupadas en réxime de alugueiro. Tamén se rehabilitaron 31 locais comerciais, dos que se venderon seis e oito están ocupados en réxime de alugueiro, estando os 17 restantes en fase de adxudicación.

 

Previsión 2018
O Consorcio do Casco Vello de Vigo iniciará en 2018 a rehabilitación de catro novas edificacións e continuará coa rehabilitación doutras seis, tal como acordou o consello de administración do mesmo celebrado no pasado mes de setembro, que aprobou o programa de actuacións, investimentos e financiamento para o próximo ano.
Deste xeito, o Consorcio, no que a Xunta de Galicia participa nun 90 por cento a través do Instituto Galego da Vivenda e Solo, continuará a rehabilitación dos edificios emprazados en Subida ao Castelo 12, Subida á Costa 5, Cruz Verde 8 e 12 e Ferrería 8 e iniciará a rehabilitación de Praza do Berbés 5, 7 e 41 e de Elduayen 31.
Nos edificios que se atopan xa en obras obteranse nove vivendas e dous locais comerciais.
Prevese que o Consorcio destine á rehabilitación destas edificacións preto de 1,3 millóns de euros.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados