Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 1 de enero de 2018
GALICIA

UGT-Galicia esixe cláusulas sociais nos contratos públicos

Guardar en Mis Noticias.

Cara un novo modelo de contratación do sector público que promova a mellora das condicións sociais, laborais e medioambientais.

Dende UGT Galicia solicitan a todas as administracións públicas, Xunta, Deputacións e Concellos, a adopción "dun novo modelo de cláusulas socias na contratación pública, baixo criterios de homoxeneidade e consenso cos axentes sociais que sexa una guía para o conxunto de administracións da nosa comunidade autónoma. É necesario unificar criterios en todas as administracións e acabar así coa actual discrecionalidade existente que tanto prexudica á economía galega. A contratación pública no noso país ten un importante problema, a baixa presión competitiva derivada da baixa concorrencia".

 

"É o momento de considerar que a contratación pública é unha política pública máis. A través da mesma, os nosos poderes públicos participan de forma directa e/ou indirecta no desenvolvemento socioeconómico e político da nosa comunidade autónoma. Por isto, as administracións públicas deben comprometerse a non permitir a explotación de traballadores e traballadoras con diñeiro público, dende UGT Galicia esixímoslle a introdución de cláusulas sociais nos contratos públicos" explican dende o sindicato.

 

"A súa regulación é, polo tanto, un instrumento fundamental para impulsar un modelo de Administración Pública, un modelo de mercado produtivo e un modelo de sociedade, que asuma melloras de carácter social, medioambiental e laboral, con fundamento no interese público. Pero tamén é preciso solventar a falta de competencia e corrupción que existe en torno a ela, que a Comisión Nacional dos Mercados e Competencia cuantifica no 4,5% do PIB do Estado" aseguran.

 

"Non é doado cuantificar a dimensión da contratación pública, se atendemos os datos de contratación pública facilitados polo Observatorio de contratación pública estatal estímase un peso desta do 18,5% do PIB do Estado español" indican dende UGT.

 

Para o sindicato "as Administracións Públicas non poden desentenderse, senón que deben comprometerse cun modelo social xusto e sostible. Este compromiso deben incorporalo a súa actividade contractual. A inclusión de cláusulas sociais e medioambientais é o instrumento, o noso entender, idóneo para elo".

 

 

Quen non respecte os dereitos dos traballadores non debe acceder á contratación pública

 

Para UGT Galicia, con carácter xeral, nas licitacións públicas o prezo non deber ser o único valor a ter en conta á hora de elixir a oferta máis vantaxosa para evitar que a contratación pública consista nunha mera poxa e que se produzan situacións de explotación, abonadas pola reforma laboral, que rompeu os equilibrios nas relacións laborais. "Esiximos un control rigoroso das ofertas temerarias. O barato resulta, as máis das veces, caro en termos económicos e, fundamentalmente, en termos sociais".

 

UGT acolle favorablemente "a introdución na nova Lei de Contratos da falta de pagamento de salarios e dos incumprimentos de convenio como causa de resolución do contrato público —artigo 211—. Dende UGT comprometémonos a actuar na esixencia de resolución no caso de incumprimentos cos traballadores e traballadoras".

 

"Esiximos que o acreditado incumprimento nestas materias —falta de pagamento de salarios ou outros incumprimentos de convenio— non sexan unicamente causa de resolución do contrato senón que constitúan auténticas prohibicións de contratar no sucesivo. As empresas que non respectan os dereitos dos traballadores deben ser desterradas da contratación pública" explican dende UGT.

 

Dende a Unión Xeral de Traballadores consideran imprescindible:

 

  • Recuperar a eficacia da negociación colectiva quebrantada polas limitacións importas pola Lei de Presupostos Xerais do Estado e pola reforma laboral (que é imprescindible derrogar)

  • Garantir e concretar a figura da subrogación e a sucesión empresarial que garantan a estabilidade no emprego.

  • Protexer os dereitos laborais de toda índole, fronte aos posibles vaivéns das concesións públicas, priorizando a flexibilidade interna negociada.

  • Esixir que os custos laborais poidan repercutir, sen límite algún, na revisión de prezos das concesións públicas.

  • Recuperar a autonomía colectiva das partes concorrentes (sindicatos - entidades) na determinación das condicións de traballo das persoas empregadas públicas que prestan os seus servizos nas mesmas.

  • Esixir o cumprimento de implantar medidas e plans de igualdade nos seus ámbitos.

     

O Sindicato esixe que os contratos das Administracións Públicas incorporen cláusulas de contido social, laboral e medio ambiental, xa sexa como criterio de selección do contratista, de adxudicación dos contratos ou como esixencia de execución, que teñan como obxectivos, entre outros:

 

  • Combater o desemprego,
  •  Garantir unhas condicións laborais dignas,
  • Promover a igualdade de oportunidades,
  • Mellorar a seguridade e saúde laboral,
  • Favorecer a formación no lugar de traballo,
  • Contribuír á inserción laboral dos colectivos máis desfavorecidos
  • Asegurar unhas condicións medioambientais adecuadas.

 

Finalmente, Dende UGT Galicia reivindican "que non estamos de acordo coa externalización e privatización do servizo público. No suposto que isto suceda, as administracións públicas deben valorar calquera proceso de externalización/privatización como elementos de estratexia global da mellora do servizo público, por encima das medidas de redución de custos e con acordo das organizacións sindicais máis representativas".

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados