Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Martes, 2 de enero de 2018
GALICIA

Case 36 millóns de euros para consolidar as axudas da Tarxeta Benvida e a estendelas ata os 3 anos

Guardar en Mis Noticias.

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a orde que regula a concesión desta achega económica da que se benefician preto de 30.000 familias nos seus dous primeiros anos de vixencia.

A Consellería de Política Social ten publicado no Diario Oficial de Galicia (DOG) a nova orde que regula a concesión da Tarxeta Benvida para os nenos e nenas nados en 2018 e a súa ampliación ata os 3 anos para as rendas familiares ata os 22.000 euros anuais. Deste xeito, o Goberno galego consolida o apoio económico aos pais e nais que decidan ter un neno ou nena e o estende durante os tres primeiros anos de vida deste ou desta para as familias con este nivel de ingresos.

 

Para facer efectiva esta medida de apoio á natalidade, a Xunta reserva un gasto plurianual de case 36 millóns de euros entre os anos 2018 e 2021 co obxecto de regular a concesión desta achega económica destinada a contribuír a sufragar os gastos que supón o nacemento dun fillo ou filla.

 

Con carácter xeral, a contía total da axuda será de 1200 euros a razón de 100 euros ao mes durante o primeiro ano de vida do fillo ou filla, que se ingresará nun ou dous pagos anuais coa contía que corresponda ata o mes de decembro do exercicio en curso en función do mes de nacemento ou, de ser o caso, do ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos. Terán dereito a esta tarxeta aquelas familias cuxa renda anual non supere os 45.000 euros ou, nos casos en que si se supera esta cifra, cando a renda per cápita non sexa superior aos 13.500 euros ao ano.

 

Así mesmo, para aquelas familias con renda anual igual ou inferior a 22.000 euros a axuda ampliarase no segundo ano de vida e ata que o neno ou nena cumpra tres anos nas seguintes contías: 600 euros anuais, a razón de 50 euros ao mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o primeiro; 1200 euros anuais, a razón de 100 euros ao mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o segundo; e 2400 euros anuais, a razón de 200 euros ao mes, se o fillo ou filla que dá dereito á axuda é o terceiro ou sucesivos. Nestes casos, as achegas faranse efectivas en pagamentos anuais sucesivos.

 

 

 

 

A medida esténdese ata que o neno ou nena cumpra 3 anos para aquelas familias cuxa renda anual sexa igual ou inferior a 22.000 euros, para o que se aproba un gasto plurianual de 35,9 millóns de euros distribuídos entre os exercicios 2018 e 2021

 

 

 

 

Recóllese ademais, como novidade, a consideración das especiais circunstancias dos galegos e galegas que residindo no exterior decidan volver a Galicia no ano 2018, para que poidan optar á axuda. Así, se o fillo ou filla nace antes do retorno, disporán dun prazo de dous meses desde o seu regreso para solicitar a axuda fronte ao prazo xeral de dous meses desde o nacemento ou ditado da resolución de adopción ou garda con fins adoptivos.
A Tarxeta Benvida está destinada a atender os gastos que supón o nacemento, derivados da adquisición de produtos básicos para o neno ou nena como leite e outros alimentos, cueiros, roupa, berces, artigos de paseo e de viaxe, produtos de hixiene ou farmacéuticos. Deste xeito, a tarxeta pode usarse en establecementos de puericultura ou especializados en artigos e produtos para a infancia, así como nas farmacias, parafarmacias, supermercados e tendas de alimentación.

 

Estímase que a percibirán 8 de cada 10 familias galegas e que se beneficiarán en torno a 15.000 nenos e nenas, dos cales arredor de 9000 a recibirán ata que cumpran os tres anos naqueles casos en que a renda familiar sexa inferior a 22.000 euros.

 

Orzamento e beneficiarios
A consolidación e ampliación da Tarxeta Benvida supón un gasto total de 35.957.576 euros distribuído en catro anualidades, correspondendo 9 millóns de euros ao exercicio 2018; 13.843.676 euros ao 2019; 8.742.600 euros ao 2020 e 4.371.300 euros ao 2021.

 

Este é o terceiro ano que o Goberno galego convoca esta axuda, que forma parte do Programa de apoio á natalidade (PAN Galicia), unha proposta global que persegue dar resposta ás necesidades das nais e dos pais galegos, garantir o benestar das familias e apoialas de xeito integral e continuo desde o primeiro momento.

 

Os datos de familias beneficiaras da Tarxeta Benvida nos seus dous primeiros anos de existencia son de 14.878 usuarios e usuarias en 2016 e de 12.291 a decembro do presente exercicio. Esta última cifra incrementarase ata chegar a un volume similar ao de 2016, tendo en conta que os pais e nais teñen un prazo de dous meses desde o nacemento para solicitar a axuda polo que se presentarán novas solicitudes ata finais de febreiro de 2018.

 

 

 

 

A axuda está destinada a contribuír a sufragar os gastos que supón o nacemento dun fillo ou filla derivados da adquisición de produtos básicos como leite e outros alimentos infantís, cueiros, roupa, berces, artigos de paseo e de viaxe, produtos de hixiene infantil ou produtos farmacéuticos

 

 

 

 

 

O obxectivo do Executivo autonómico é converter a Galicia nun referente de servizos de apio á familia e á infancia. De feito, ao abeiro do PAN, as familias poden acollerse a toda unha serie de vantaxes, entre outras: deducións fiscais por nacemento ou adopción de fillos ou fillas, a prestación de pagamento único por fillos e fillas menores de 3 anos, a exención de pago nas escolas infantís para o segundo fillo ou filla que acuda ao mesmo centro daquelas familias cunha renda per cápita igual ou inferior a 7.500 euros anuais e aos menores en situación de acollemento familiar, e de cara ao vindeiro curso escolar está previsto aplicar unha bonificación nas escolas infantís  do 25% para o segundo fillo ou filla e do 50% nos sucesivos fillos ou fillas.

 

Ademais, a Xunta está a impulsar unha ampla rede de recursos de conciliación e atención a infancia, con máis prazas públicas ou financiadas con recursos públicos en escolas infantís de 0 a 3 anos, a apertura de escolas infantís en polígonos industriais, a posta en marcha de Casas Niño nos concellos rurais ou os programas Bono Coidado e Bono Concilia.

 

Na actualidade, Galicia ten unha ratio de cobertura superior ao 40% en prazas en escolas infantís para  nenos e nenas de 0 a 3 anos, superando en 7 puntos a ratio aconsellada pola Unión Europea.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados