Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Jueves, 4 de enero de 2018
A GUARDA

A Deputación presenta tres alternativas para a construción dun novo acceso ao porto da Guarda

Guardar en Mis Noticias.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez destaca que a institución provincial redactará o proxecto para a nova estrada, que "é factible e realizable"

[Img #37894]

 

A Deputación de Pontevedra presentou hoxe na Guarda as tres alternativas de trazado para o proxecto de construción dun novo acceso ao porto. O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explicou que a nova estrada "é factible e realizable" e, xunto co deputado David Regades e o alcalde da vila, fixo un chamamento á Xunta de Galicia para que se involucre na súa creación, posto que se trata dunha infraestrutura da súa competencia. "Noutros portos do país xa se fixeron novos accesos, non obstante, a Xunta non lle deu a importancia que debía ao porto da Guarda. A vontade da Deputación é colaborar, por iso abrímonos a redactar nós o proxecto, pero é preciso a implicación do Goberno galego", salientou Benítez.

 

O deputado nacionalista lembrou que o novo acceso ao porto da Guarda foi cualificado no Plan de Mobilidade que a Deputación elaborou para o municipio como "estratéxico" para o desenvolvemento da vila, xa que a nova vía retirará do centro urbano todo o tráfico portuario e permitirá recuperar a rúa Concepción Arenal para o uso da veciñanza, dándolle un carácter prioritario ás persoas.

 

"Non é preciso agardar á tramitación do PXOM. Unha administración supramunicipal pode executar unha infraestrutura digna de acceso ao porto. É viable, factible, realizable", dixo Benítez, para engadir que a vontade da Deputación de Pontevedra é colaborar para que a estrada sexa unha realidade. En calquera caso, destacou que é imprescindible facer un chamamento á Xunta para que se involucre con seriedade no proxecto da Guarda, xa que os accesos aos portos, en xeral, son infraestruturas portuarias e competencia propia do Goberno galego, ademais de afectar, neste caso concreto, ao viario autonómico xa existente.

 

Benítez lembrou que no seu día a Deputación de Pontevedra creou a actual estrada de Concepción Arenal porque aínda non existían as autonomías. Entón a estrada trazouse polo bordo do núcleo urbano, onde apenas había construcións ao outro lado. "Hoxe en día esa estrada provincial, Concepción Arenal, é unha rúa máis do casco urbano e ten outros cometidos como unha rúa urbana de vida, comercial, pero non de soporte do tráfico portuario".

 

O deputado destacou que as tres alternativas de trazado propostas no estudo presentado hoxe terán que ser avaliadas polos técnicos e o Concello para despois elixir unha, facer o proxecto definitivo no que se deseñarán as características concretas da vía e iniciar a tramitación correspondente (avaliación ambiental e paisaxística, de Patrimonio, de Portos, do Ministerio de Medio Ambiente etc.).

 

 

Tres variantes

 

O enxeñeiro redactor do estudo, Javier Zubia Fernández, foi o encargado de explicar as tres propostas máis viables. Destacou que xa se descartaron outros catro trazados polos problemas que presentaban.

 

A primeira proposta, dixo, é a que está prevista no actual PXOM da Guarda, saíndo da rotonda de Santa Catarina na rúa Fernández Albor, entroncando coa PO-552 nun cruce. Segundo dixo o técnico, a proposta ten varios problemas e non é funcional, xa que non está prevista unha rotonda de enlace, o que carrexaría problemas de visibilidade no acceso. Suporía tamén a creación de noiros de ata 6 metros de altura e pendentes de ata o 8 %, que crearían dificultades para o tráfico pesado, moi habitual no acceso ao porto.

 

Na segunda proposta, o arranque sería o mesmo en Fernández Albor e transcorrería durante un quilómetro por unha plataforma de nova creación (que requiriría de bastantes expropiacións), pasando por detrás da EDAR e enlazando coa PO-552 nunha nova glorieta. Segundo o técnico, crearíase un efecto barreira con moita afección paisaxística polos noiros xerados, ademais de afectar ao muíño de vento existente.

 

Finalmente, a terceira proposta aproveitaría a plataforma existente no paseo actual pola costa, non tería apenas pendentes e desniveis para o tráfico pesado, pasaría tamén por detrás da EDAR e remataría na PO-552 nunha glorieta, se ben tería o hándicap de pasar ao lado do mar.

 

Na presentación celebrada hoxe quedou practicamente descartada a primeira opción, sendo a segunda e a terceira as máis viables cara ao futuro. Calquera delas terá unha cuneta dun metro na marxe esquerda, dúas beiravías dun metro, dúas calzadas de tres, unha cuneta de 0,80 na marxe dereita e unha senda peonil ao mesmo nivel de 2,5, o que supón un total de 12,30 metros.

 

 

Aposta pola mobilidade e a economía da vila

 

Pola súa banda, o deputado de Cooperación cos Municipios David Regades destacou que hoxe foi un día histórico para A Guarda. Sinalou que as opcións presentadas son "boas tanto para a mobilidade como para a economía" da vila e do porto e indicou que o proxecto de redacción do novo acceso á zona portuaria "é o único proxecto desta singularidade" que a Deputación vai facer neste mandato "ante a falta de iniciativa da Xunta". "Había unha débeda coa Guarda e facemos unha excepción por unha causa xusta", dixo, instando a que todas as administracións teñan "confluencia e conciliación" para que o proxecto poida ser unha realidade.

 

Por último, o alcalde da Guarda destacou que haberá que reflexionar cal será a mellor opción para o acceso, valorando cuestións económicas, paisaxísticas e de expropiación. Agradeceu o traballo feito pola Deputación e indicou que o deseño desta nova vía está moi vinculado á remodelación integral de Concepción Arenal, prevista para o ano 2018, xa que permitirá retirar do centro urbano moito tráfico.

 
Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados