Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Domingo, 7 de enero de 2018
GALICIA

#oTeuBosque: Unha campaña para trocar eucaliptos por carballos consegue mil euros en catro días

Guardar en Mis Noticias.

A iniciativa conxunta de Verdegaia, a Sociedade Coluna Sanfins e a comunidade de montes local está arrecadando achegas para financiar a rexeneración dun bosque autóctono en Lousame.

Esta semana botou a andar unha campaña de micromecenado (o chamado “crowdfunding”) pola que calquera persoa ou entidade ten posibilidade de “amadriñar” desde unha soa árbore ata unha fanega enteira (2.100 m2) no monte de Froxán, distinguido en 2017 por ser o primeiro en todo o Estado español a ser incluído no rexistro das Nacións Unidas de Áreas Conservadas por Pobos Indíxenas e Comunidades Locais.

 

Coas achegas recibidas as entidades promotoras queren transformar un total de 10 hectáreas dese monte, actualmente dominadas por masas de eucaliptos, nun bosque de frondosas autóctonas. En palabras de Iolanda Mato, unha das coordinadoras do proxecto, isto impedirá no futuro “o avance de lumes, garantirá o regulación hídrica e restaurará a biodiversidade actualmente degradada pola expansión de especies exóticas”.

 

En menos dunha semana a campaña superou xa os 1.000 euros arrecadados que foron doados por máis de 40 “madriñas”, que poderán localizar o “seu” anaco de monte e seguir o desenvolvemento do proxecto por medio dun mapa online. Ademais, facendo unha achega de 5 euros ou máis, os organizadores colocarán unha pedra co nome da persoa ou entidade ao pé das súas árbores como recoñecemento físico permanente.

 

De alcanzar o obxectivo óptimo de financiamento plantaranse máis de 13.000 árbores, principalmente através do programa de voluntariado “Montescola” que implica nenas e nenos no coñecemento, restauración e posta en valor do monte veciñal. En 2017 xa participaron na experiencia piloto “Montescola” máis de 300 escolares galegos acompañados das súas familias e docentes. “Con esta campaña pretendemos dar continuidade e expandir esta experiencia”, afirma Mato, da sociedade histórica e cultural Coluna San Fins.

 

Ademais de facer posíbel entre todas as persoas colaboradoras este novo bosque, as achegas realizadas através da Fundación Kukumiku son deducíbeis en Facenda e permiten aínda participar en varios sorteos, incluíndo o dunha noite para dúas persoas nunha casa rural ou de varios exemplares da “Guía para o descenso enerxético”, unha publicación que fai unha forte defensa do monte comunal como fundamento para o futuro do país. Desde as entidades promotoras salientan como o resultado final desta iniciativa será “un bosque único, froito da participación cidadá” e convidan a todo o mundo a facer parte e axudar na súa difusión nas redes sociais e no boca-a-boca.

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados