Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Lunes, 8 de enero de 2018
GALICIA

Preto de 42.000 menores de 19 anos dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’

Guardar en Mis Noticias.

As áreas da Coruña e Vigo rexistraron as maiores cifras de tarxetas emitidas dende a entrada en funcionamento ata a actualidade, con 13.127 e 10.509 dispositivos, respectivamente

Preto de 42.000 menores de 19 anos xa dispoñen da tarxeta ‘Xente Nova’ da Xunta, coa que poden realizar gratis as viaxes interurbanas do transporte metropolitano.

 

A Xunta vén de publicar no Diario Oficial de Galicia (DOG) a resolución pola que se amplía o prazo de vixencia do programa Xente Nova, no ámbito do Plan de transporte metropolitano de Galicia, para o ano 2018, a través dun orzamento de 2 millóns de euros.

 

Desde a súa implantación en 2016, a utilización deste dispositivo rexistrou máis de 1,5 millóns de viaxes cunha bonificación de máis de 1,8 millóns de euros. Así, por exemplo, ata o momento, na área da Coruña emitíronse 13.127 tarxetas; e na de Vigo, 10.509, sendo as contornas nas que máis dispositivos se distribuíron.

 

En canto aos concellos galegos nos que máis tarxetas Xente Nova se emitiron destacan municipios como A Coruña, con 3.345 dispositivos; Culleredo, con 1.731; Ferrol, 2.472; ou Ames, 2.307.

 

O programa Xente Nova, activado polo Goberno galego en 2016, supón a implantación dunha nova tarifa dirixida ás persoas con idades entre os 4 e os 18 anos, incluídos, -tendo en conta que os menores de 4 anos xa viaxan de balde nos autobuses metropolitanos-, que será de cero euros nas viaxes interurbanas realizadas dentro do Plan de Transporte Metropolitano de Galicia, cun número máximo de sesenta mensuais por usuario.

 

O obxectivo da iniciativa é facilitar o acceso da mocidade aos servizos básicos como a sanidade ou a educación, fomentando o emprego do transporte público, formando ás novas xeracións no seu uso, ao tempo que se axuda de forma substancial ás economías familiares.

 

As principais vantaxes do plan de Transporte Metropolitano de Galicia residen nos descontos entre o 30 e o 50% nos desprazamentos interurbanos, transbordos gratuítos co transporte urbano, o 15% de bonificacións no caso dos usuarios habituais, favorecendo máis aos cidadáns que máis usan o transporte, ou bonificacións do 20% ao 50% para familias numerosas.

 

Coa posta en marcha do Plan a comunidade galega dotouse dun sistema de transporte no que os galegos ademais de obter importantes bonificacións no prezo do billete, tamén poden disfrutar das vantaxes que lles ofrece un sistema de transporte público eficiente que permite a liberación de espazo físico no centro das cidades; reduce a contaminación; e contribúe á desconxestión e a unha maior fluidez nos tráficos.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados