Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Lunes, 8 de enero de 2018
As Neves

Carmela Silva e o alcalde das Neves asinan o convenio para a ampliación do Centro Cultural de Rubiós

Guardar en Mis Noticias.

[Img #38000]

 

A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e o alcalde das Neves, Xosé Manuel Rodríguez, asinaron esta mañá o convenio ao abeiro do Plan de reequilibrio territorial da institución provincial para a ampliación do Centro Cultural de Rubiós, cuxo orzamento ascende a preto de 500.000 euros.

 

Carmela Silva destacou que o Plan de reequilibrio territorial da Deputación de Pontevedra aséntase no "respecto á autonomía local xa que teñen que ser os concellos quen decidan cales son os investimentos a realizar no seu termo municipal". Ademais, Silva fixo fincapé en que este plan nace porque "somos moi conscientes de que os veciños e as veciñas, dependendo de onde vivan, non reciben os mesmos recursos para poder impulsar os equipamentos e infraestruturas que precisan".

 

Ao respecto, a presidenta provincial instou á Xunta de Galicia para que aprobe un fondo local incondicionado para os concellos galegos, particularmente os da provincia de Pontevedra. "Xa está ben de políticas de subvencións non incondicionadas, que obrigan aos concellos a desenvolver proxectos que poden ser ou non de interese e que ademais teñen uns criterios que non son obxectivos e que polo tanto permiten impulsar actuacións nuns concellos e non nos outros". Máis polo miúdo, Silva pediu ao Goberno autonómico a que "copie o modelo que estamos a desenvolver na Deputación de Pontevedra, un modelo a través do cal estamos a dotar de recursos aos concellos, con bases claras, transparentes e obxectivas, e respectando a autonomía local porque son eles os lexitimados para decidir cales son os investimentos a realizar nos seus termos municipais".

 

No caso concreto das Neves, a presidenta da Deputación de Pontevedra destacou a importancia de impulsar proxectos no entorno rural "xa que a única forma de que a poboación se manteña e asente no rural é dotar de servizos a estes núcleos". Máis polo miúdo, o proxecto de ampliación do Centro Cultural de Rubiós "da resposta a unha nova forma de facer política e de gobernar que demanda a sociedade do século XXI, impulsando proxectos e servizos que garantan a igualdade de oportunidades, espallando a cultura como un dereito das persoas para construír sociedades máis avanzadas".

 

Ademais, Silva tamén recordou que As Neves foi o concello de Galicia que sufriu dun xeito máis grave os incendios, "polo que fago un chamamento á Xunta de Galicia para que dote dos recursos necesarios ao concello para recuperar e superar esta situación".

 

Pola súa parte, o alcalde das Neves destacou que "mediante esta sinatura imos impulsar a ampliación do Centro Cultural de Rubiós para impulsar a formación musical, un proceso educativo paralelo á formación ordinaria que permite construír sociedades máis sensibles, algo fundamental para nós". Ademais, Rodríguez tamén se sumou ás peticións da presidenta da Deputación, amosando a súa esperanza de que a Xunta achegue pronto os recursos para paliar a situación ocasionada pola vaga de lumes de outubro.

 

O proxecto do edificio para a ampliación do Centro Cultural de Rubiós ten un orzamento de 499.457,75 euros dos que a Deputación de Pontevedra aportará 399.566,20 euros e o concello 99.891,55 euros. Con este proxecto, preténdese reforzar o uso do Centro Cultural de Rubiós para actividades culturais diversas tendo en conta, ademais, a posibilidade de unilo cun corredor coa antiga escola, mellorando a accesibilidade entre ambos espazos e integrando, nun futuro, os dous equipamentos para complementalos. A través desta actuación vaise ampliar o escenario, configurar tres salas polivalentes, acondicionar a parcela ao norte do edificio do Centro Cultural como aparcamento, modificar a entrada principal, integrar coa antiga escola e mellorar a accesibilidade. En liñas xerais, o proxecto vai permitir configurar un edificio dotacional nun único andar, funcional e accesible, que se converterá nunha nova área de equipamentos do concello.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados