O Pleno Municipal do Porriño tratará o vindeiro luns unha moción presentada polo grupo municipal do BNG na que se insta á Corporación “a rexeitar os recortes económicos e a reforma do réxime local impulsadas polo PP”
O BNG
rexeita
as medidas adoptadas unilateralmente polo goberno do PP no Estado
para reformar a Lei de Bases de Réxime Local, “en canto invaden as
competencias propias de Galiza, potencian as deputacións
provinciais, atacan á autonomía municipal e non solucionan a falla
de financiamento que sofren os concellos galegos”.
Do mesmo xeito, indican mediante un comunicado de prensa “rexeitamos a redución do número de concelleiros e concelleiras que se pretende levar a cabo, por canto reduce o pluralismo político, a necesaria participación dos veciños e veciñas na xestión municipal, e non significa aforro económico ningún, xa que a inmensa maioría de concelleiras e concelleiros non perciben retribucións económicas”.
Engaden os nacionalistas que “desde o BNG demandamos, en prol do aforro económico e dunha maior eficacia e transparencia na xestión dos asuntos públicos, a supresión das deputacións provinciais, pasando as súas funcións aos concellos ou á Xunta de Galiza”.
A moción presentada polo grupo municipal nacionalista “tamén quere manifestar a oposición do Bloque a cargar sobre o funcionariado público e sobre as maiorías sociais os custos da crise económica e financieira”.
“A anunciada supresión da paga extra de nadal, a suba do IVE ou o recorte nas prestacións ao desemprego, conlevarán unha redución da capacidade adquisitiva da cidadanía e unha caída no consumo que prexudicará gravemente ao comercio e á actividade económica local”, afirmou a portavoz municipal do BNG no Porriño, Mónica Bugarín.