Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Redacción / Xornal21.es
Domingo, 11 de febrero de 2018
PROVINCIA

A Deputación saca a contratación a mellora integral da estrada provincial Puxeiros-Peinador en Mos

Guardar en Mis Noticias.

O deputado de Mobilidade Uxío Benítez explica que o orzamento da actuación supera os 632.000 euros

[Img #38792]

 

A Deputación de Pontevedra fixo oficial a mellora integral da estrada provincial EP-2603 Puxeiros-Peinador no termo municipal de Mos coa publicación esta semana do anuncio da obra no Boletín Oficial da Provincia. O convenio polo que se realizarán as obras, segundo explica o deputado de Mobilidade Uxío Benítez, ten un orzamento de 632.857,31 euros, dos que a institución provincial financiará o 86,33 % e o Goberno local o 13,67 %.

 

O prazo de presentación de ofertas por parte das construtoras interesadas finalizará o 26 de febreiro, e as propostas terán que ser analizadas tecnicamente valorando o programa e equipo de traballo (15 puntos), o plan de control de calidade (15 puntos), a memoria de traballo (10 puntos), e o plan de actuación ambiental (5 puntos). As empresas que acaden un mínimo de 20 puntos na parte anterior pasarán á valoración económica, onde o menor prezo ofertado obterá un máximo de 55 puntos. Unha vez estudiados todos estes criterios, realizarase unha proposta de adxudicación, que deberá ser aprobada en Xunta de Goberno. A partir de aí formalizarase o contrato e presentarase a acta de reformulamento da obra.

 

O prazo de execución dos traballos está fixado en catro meses polo que, se a tramitación administrativa non se complica e a climatoloxía o permite, a actuación estará finalizada, segundo asegura o deputado, no outono deste ano.

 

A EP-2603, segundo os datos achegados polo nacionalista Uxío Benítez, ten unha grande capacidade vertebradora no municipio e na área metropolitana de Vigo, xa que conecta co aeroporto e vías de alta capacidade, tamén chega ata ao aeroporto, ao IFEVI e á zona industrial do Rebullón. É a terceira con máis intensidade media diaria (IMD) de vehículos de toda a rede provincial, soportando o paso de 8.000 vehículos diarios, dos que o 10 % son de grandes dimensións. Foi este, de feito, o motivo que levou ao departamento de Mobilidade da Deputación en traballar na mellora da estrada. "Era de recibo por parte da Deputación actuar para aumentar a seguranza viaria", dixo.

 

Rehabilitación do firme e calmado do tráfico

 

O departamento de Mobilidade traballou para sacar adiante o proxecto, que terá un ámbito de actuación que abrangue toda a estrada (2.759 metros de lonxitude). A principal obra consistirá na mellora estrutural do firme, que será fresado para estender un novo aglomerado nos tramos máis urbanizados –con maior desgaste da capa de rodaxe– e nas interseccións. En canto ao calmado do tráfico, proxéctanse dous novos pasos de peóns sobreelevados (PPS) no núcleo urbano de Puxeiros, nos puntos quilométricos 0+055 e 0+220, que soportan un tráfico importante.

 

Tamén se instalarán sistemas de protección de motociclistas –de tipo continuo– en substitución das biondas existentes, que supoñen un elemento de contención perigoso, e tamén nos treitos de curvas que sexa necesario. No canto da sinalización horizontal e vertical, limitarase as velocidades a máximos de entre 50 e 30 quilómetros por hora e remarcaranse os pintados lonxitudinais, transversais, inscricións, e outros.

 

Como actuacións complementarias inclúese a instalación dun novo punto de luz no medio da actual glorieta de Puxeiros, xa que o sistema actual é claramente insuficiente: apenas hai puntos de luz nos ramais de saída ao aeroporto e cara á avenida Peinador, cando a glorieta ten máis de 30 metros de diámetro. No proxecto inclúese unha nova columna de 10,5 metros de altura con catro brazos nos que se instalarán catro luminarias de aceiro e aluminio.

 

Por outra parte, dado que a actual tubaxe municipal de abastecemento de auga que sae da glorieta de Puxeiros cara Peinador pola marxe dereita da estrada –que sufre numerosas roturas en diferentes puntos, provocando o deterioro de firmes e pavimentos–, substituirase por outra que soporte mellor a presión da auga con sección diferente en función dos treitos.

 

Finalmente, coñecidos os problemas de asolagamentos nas interseccións da EP-2603 co Camiño do Monte Canal e coa rúa que cruza a vía no punto 0+160, colocaranse sumidoiros de rexa continua no largo completo dos ramais de enlace conectados á rede de pluviais. Así mesmo, realizaranse as correspondentes actuacións de drenaxe nos novos PPS.

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados