Aviso sobre el Uso de cookies: Utilizamos cookies propias y de terceros para mejorar la experiencia del lector y ofrecer contenidos de interés. Si continúa navegando entendemos que usted acepta nuestra política de cookies. Ver nuestra Política de Privacidad y Cookies
Xornal21
Lunes, 19 de febrero de 2018
OPINIÓN

Non Sr. Alcalde, ASÍ NON.

Guardar en Mis Noticias.

Artistas declinan participar na exposición “Metrópole” programada polo MARCO

A nosa negativa ao ofrecemento do comisario da exposición Metrópole, persperctiva urbana da arte galega responde, como xa temos manifestado en ocasións, como tamén persoas do mundo da Agrupación de Amigos do Marco e como A Colectiva (Asociación de artistas de Galicia), á decisión do Alcalde de finiquitar o modelo museográfico desenvolvido pola dirección e equipo profesional do Marco, suspendendo así a autonomía de xestión que lle correspondía como Fundación de Interese Galego.


Esta decisión e a súa consumación co golpe de man no seo do Padroado para facerse coa súa maioría (interposta pola Consellería de Cultura da Xunta de Galicia) supuxo a paralización do Museo, paso necesario para un cambio de modelo do gusto e dos intereses do Alcalde. Así o entendemos nós e con toda seguridade non somos os únicos.


O argumento para tal decisión foi a falla de “rendibilidade social” do modelo. Se por ese concepto, tan económico por outra parte, entendemos que se alude a unha escasa afluencia de público, as cifras demostran que non é certo. Coa mesma argumentación e maior rapidez, o Alcalde tería que ir pensando na clausura ou modificación programática dos outros espazos municipais para a cultura.


É inevitable ver nesta exposición colectiva o seu desenvolvemento posterior, ofrecendo a cada un dos artistas participantes unha mostra individual, unha manobra para contentar e así acalar as moitas voces discrepantes e, de paso, disimular o erro da decisión, vendendo o fume dun proxecto inexistente, comunicado dun xeito arrogante, ausente de reflexión, carente de diálogo e, por tanto, sen vontade de consenso.


Cremos imprescindible pola súa pertinencia actual recuperar para a cidadanía e o público interesado, as dúas conclusións finais das Xornadas: “Vigo, un espazo para a arte e a cultura contemporánea”, celebradas en decembro de 2001 e que suscritas polos ponentes participantes, xestores culturais, representantes institucionais e artistas, deron lugar á andaina do MARCO en 2002:

 

  • Autonomía de xestión. Considérase imprescindible para a eficacia e o bo funcionamento a independencia administrativa, e proponse que a configuración xurídica (convenientemente unha fundación pública) conte cos mecanismos necesarios para garantir tal autonomía.

 

  • Convocatoria da praza de dirección por concurso público. Convocatoria que, ademáis de méritos académicos e experiencia profesional, inclúa entre os requisitos para presentarse un proxecto de actuación que tome como referencia o modelo brevemente descrito nestas conclusións (un espazo de dinamización, produción, exhibición e difusión da arte e da cultura contemporáneas, dando cabida ás diversas disciplinas artísticas e favorecendo a integración coas outras manifestacións culturais como filosofía, literatura, ciencia, arquitectura e urbanismo, etc.).


Que os responsables públicos entendan, asuman e se comprometan no desenvolver dun código de boas prácticas para a xestión cultural é condición indispensable para a súa credibilidade. Comecen pois prescindindo de intereses persoais e de partido.

 

ASINAN OS ARTISTAS QUE REXEITAN PARTICIPAR NA EXPOSICIÓN METRÓPOLI, PERSPECTIVA URBANA DA ARTE GALEGA


Mónica Alonso
Xoan Anleo
Bosco Caride
Berta Cáccamo
Vari Caramés  
Tono Carbajo
Victoria Diehl  
Almudena Fernández Fariña
Fran Herbello
Din Matamoro
Chelo Matesanz
Antón Patiño
Manolo Paz
Isaac Pérez Vicente
Manuel Sendón
Rosa Úbeda

 

Xornal21 • Términos de usoPolítica de PrivacidadMapa del sitio
© 2018 • Todos los derechos reservados